A batalla interna polo poder no PP a raíz da crise aberta entre Pablo Casado, Isabel Díaz Ayuso e cadanseus partidarios líbrase en múltiplas frontes. Mentres Alberto Núñez Feijóo sobe o ton e describe a situación do seu partido como de "colapso" e insta a Casado a tomar decisións "urxentes", medran as voces que chaman polo presidente da Xunta e do partido en Galicia para que dea o paso que non deu en 2018 e tome as rendas da formación a nivel estatal. E, ao tempo, dirixentes de segundo nivel do partido optan por fixar posición publicamente, quer en declaracións públicas, quer a través das redes sociais.
O manifesto que reclama un congreso inmediato do PP comezou a ser difundido por cargos como o presidente das Novas Xeracións en Galicia
A vía das redes foi a elixida por algúns dos adheridos á causa da esixencia dun congreso extraordinario no PP para remudar a casado. O presidente das Novas Xeracións en Galicia e deputado no Parlamento dende setembro do ano pasado -cando renunciaron ás actas todos os membros do Goberno que as tiñan agás os vicepresidentes-, Adrián Pardo, foi un dos primeiros cargos en divulgar o manifesto En defensa de un PP a la altura de un gran país, que entre laios pola "imaxe proxectada" neste crise reclaman que "unha dirección provisional" tome os mandos da formación "ata a celebración dun congreso".
Ese congreso, reclaman na liña da órbita de Feijóo, debería celebrase tras "un período de transición o máis curto posible" -a vía máis rápida fixada nos estatutos é de 30 días-. "España non merece estar pendente da nosa vida orgánica", agregan cunha expresión practicamente idéntica á empregada polo titular da Xunta para lanzar o seu ultimato a Casado.
Este martes asumiron o texto deputados como a ourensá Ana Vázquez Blanco, unha das integrantes do Grupo Popular no Congreso á que a actual dirección do partido veu brindando máis proxección mediática, ou Jaime de Olano, membro da Xunta directiva de Casado
Durante a xornada do luns e tamén no inicio deste martes, 22 de febreiro, foron varios os cargos do partido que secundaron a difusión do manifesto. Entre eles, varios deputados no Congreso elixidos polas circunscricións galegas. É o caso de Javier Bas (ex-alcalde de Redondela, deputado por Pontevedra) ou Celso Delgado (Ourense). Tamén o asumiron Marta González (deputada pola Coruña e vicesecretaria de Comunicación na primeira dirección de Casado, que despois a remudou) e a ourensá Ana Vázquez Blanco, unha das integrantes do Grupo Popular no Congreso á que a propia dirección de Casado veu brindando máis proxección mediática que ademais dimitiu do seu posto interno como responsable do PP para o exterior, pero aclarando que mantén o seu escano.
Tamén o vigués Diego Gago, que en días pasados expresara a súa adhesión con Casado. É aínda máis significativa a mudanza de bando Jaime de Olano, deputado por Lugo e membro da Xunta Directiva de Casado como vicesecretario de participación, que tamén deu en divulgar o manifesto.

Polo momento, entre os restantes deputados galegos no Congreso imponse o silencio. É o que fan, de momento, deputados de perfil interno máis baixo, como o lucense Joaquín García Díez, Valentina Martínez ou Tristana Moraleja. Non obstante, a dirección do grupo na Cámara Baixa xa optou oficialmente por desmarcarse de Casado.
Diego Calvo e Ana Pastor tamén abandonan a Casado
Alén do Congreso, tamén optara polo silencio ata o mediodía deste martes outro membro destacado da dirección de Casado procedente de Galicia, Diego Calvo, presidente do partido na Coruña e vicepresidente do Parlamento. O nome de Calvo foi, segundo algunhas fontes, proposto por Casado como vía de transición para aliviar a presión sobre o seu secretario xeral, Teodoro García Egea. Pero tamén se une ao manifesto.
Tampouco se expresara ao respecto dende finais da semana pasada outra destacada cargo do PP no Congreso, Ana Pastor, que malia ser parlamentaria por Madrid ten íntimas ligazóns co PP de Galicia. As súas manifestacións ao respecto tras o estourido da crise con Ayuso, o pasado día 17, foron para apoiar ao aínda presidente do partido: "Debémonos aos nosos votantes e militantes, que queren un partido forte e sobre todo unido. Para isto traballa Pablo Casado dende que é presidente do PP, sempre con responsabilidade, lealdade e xenerosidade para ser a alternativa de Goberno que España necesita", escribiu daquela. Contra o remate deste martes tamén o abandonou.