A profunda crise desencadeada no seo da dirección estatal do PP, que o presidente da Xunta e do partido en Galicia define como de "colapso", volveu provocar que un bo número das olladas internas e da contorna dos populares se dirixan cara a Alberto Núñez Feijóo como eventual remuda de Pablo Casado, ao xeito do que acontecera tras a retirada de Mariano Rajoy. E, como daquela, tamén son diversas as cábalas que emerxen a respecto do que acontecería se este movemento viñese acompañado da súa renuncia á presidencia do Goberno galego e das persoas que poderían substituílo.
O primeiro que cómpre ter en conta é que, se Feijóo asumise o liderado estatal do PP, o cargo orgánico non é incompatible coa presidencia da Xunta
De inicio, cómpre ter en conta neste hipotético escenario é que non existe incompatibilidade ningunha entre o cargo de presidente da Xunta e o liderado estatal dun partido político. Igual que actualmente Feijóo é presidente do PP en Galicia e do Goberno da Xunta, podería compatibilizar ambas responsabilidades polo tempo que considerase oportuno. Por exemplo, tras un período provisional no partido. Ou mesmo ata o remate da lexislatura galega (pode chegar ata 2024).
Se, pola contra, Feijóo decidise dimitir, activaríase o proceso previsto no Estatuto de Autonomía e no Regulamento do Parlamento para estas situacións. O primeiro que acontecería é que, unha vez que Feijóo presentase a súa dimisión, tamén cesarían nos seus cargos automaticamente todos os conselleiros e conselleiras. Non obstante, continuarían en funcións ata a conformación dun novo Executivo, como acontece despois de celebrárense eleccións ao Parlamento de Galicia. A electoral sería outra das vías á súa disposición: Feijóo pode disolver o Parlamento e chamar ás urnas cando o desexe.
Tras esa dimisión e cesamentos entraría en xogo o mecanismo parlamentario. O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, tería que realizar unha rolda de consultas entre os tres grupos parlamentarios (PP, BNG e PSdeG) como que a que celebrou despois das eleccións de 2020. Dada a correlación de forzas, co PP con maioría absoluta, sería o Grupo Popular o único en condicións de presentar a Santalices unha proposta para a presidencia con votos dabondo para ser aprobada.
A persoa elixida ten que ser membro do Parlamento, o que exclúe da posible remuda a todos os integrantes do actual Goberno agás aos dous vicepresidentes, Rueda e Conde
Cómpre neste punto ter en conta outra das claves do proceso. O PP non podería presentar a calquera dos seus membros á presidencia do Goberno galego. A persoa elixida ten que ser, necesariamente, deputada ou deputado do actual Parlamento, como marca o artigo 15 do Estatuto.
Isto exclúe como aspirantes da eventual remuda a todos os integrantes do actual Goberno agás os dous vicepresidentes, Alfonso Rueda e Francisco Conde, toda vez que dende o outono do ano pasado son os únicos integrantes do Executivo que, xunto co propio Feijóo, conservan as súas actas de deputados do PP. Tamén podería exercer a presidencia calquera dos 39 restantes membros do Grupo Popular no Parlamento. Cuestión diferente sería quen asumise o liderado orgánico do PP ou quen fose elixida ou elixido para a candidatura á presidencia da Xunta tras as seguintes eleccións.
Unha vez culminada a rolda de consultas, o presidente do Parlamento ten que formular a proposta para a presidencia, o cal ten que suceder nun máximo de 30 días dende o cesamento. Chegaría daquela o novo debate de investidura e a votación do novo presidente ou presidenta, que tería asegurada a elección grazas á maioría absoluta do PP.
Tras a elección chegaría o nomeamento de conselleiras e conselleiros. Poderían ser os actuais ou outros. Neste hipotético escenario, o novo Goberno do PP podería seguir exercendo ata o verán de 2024 ou optar por unha convocatoria electoral anticipada.