Pontón e Caballero centrarán a súa oposición a Feijóo na defensa dos servizos públicos: "Esiximos responsabilidade"

Ana Pontón e Miguel Santalices na rolda de consultas protocolaria para a escolla do candidato á investidura CC-BY-NC-SA BNG

As preceptivas consultas do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, cos líderes dos tres partidos con representación na Cámara galega, saldáronse coa inevitable proposta de Alberto Núñez Feijóo como único candidato á investidura como presidente, ao contar co apoio dos 42 deputados do Partido Popular; e mais cunha mensaxe clara en defensa do dereito á atención sanitaria e á educación por parte dos grupos da oposición, BNG e PSdeG.

Ana Pontón reclama "blindar os servizos públicos" e Gonzalo Caballero "políticas ao servizo da xente" para o inicio da cuarta lexislatura de Alberto Núñez Feijóo, marcada pola crise da Covid-19

A líder da oposición, a nacionalista Ana Pontón, asegurou que o BNG realizará unha "oposición construtiva" e que "desde a diferencia" traballarán "a favor de Galicia" os vindeiros catro anos. "Aquí está a man tendida do BNG para sacar adiante a Galicia desta crise", afirmou, para engadir: "Exisimos responsabilidade á Xunta e que se tomen medias para conter o virus. É evidente que estamos nun momento de moita preocupación pola saúde das persoas e por este inicio de curso".

O presidente do Parlamento de Galicia xunto a Gonzalo Caballero nas consultas previas á investidura CC-BY-NC Parlamento de Galicia

"Estamos nun momento de moita preocupación pola saúde das persoas e por este inicio de curso", sostivo a líder da oposición

Pontón pediu ao aínda presidente en funcións "blindar os servizos públicos" e que "rectifique" a súa deriva cara ao inicio do curso escolar, pois salientou que "pode haber redución de ratios e máis profesorado se hai vontade política". Neste sentido, incidiu na súa demanda de "que a Xunta non escatime esforzos no dereito á educación e á saúde dos nosos nenos e nenas".

"Respectamos a continuidade do Goberno do PP, pero pedímoslle que cambie para non seguir na liña dos recortes e active un inicio do curso escolar con todas as medidas necesarias", sostivo o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero. O socialista argumentou que na "situación de crise económica" derivada da Covid-19 "a maioría do país se sente abandonado porque a Xunta non está a actuar e non está tomando decisións".

"Con lealdade, pedímoslle ao PP que entenda que estamos nunha crise de enorme calado", afirma o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero

Caballero destacou que a súa responsabilidade "é manter a man tendida para os asuntos de país, pero estar enfronte do PP porque hai que saír desta crise con políticas ao servizo da xente". "Imos ser leais co noso proxecto, co noso electorado e cos intereses das galegas e dos galegos que hoxe en día estamos moi preocupados", insistiu. "Con lealdade, pedímoslle ao PP que entenda que estamos nunha crise de enorme calado e que corresponde tomar decisións para protexer á xente fronte á crise sanitaria , económica e social".

Santalices trasladou a Feijóo de maneira oficial que é o candidato á investidura como presidente para o seu cuarto mandato CC-BY-NC Parlamento de Galicia

Os portavoces da oposición coincidiron en salientar que levarán a cabo unha vixilancia do labor do Goberno galego para evitar, en palabras de Ana Pontón, que se continúe "escatimando recursos para o sistema educativo" e a traballar "na dirección de ir recortando e privatizando" todos os servizos públicos do país. 

Pola súa parte, Alberto Núñez Feijóo augura un debate de investidura "construtivo", que terá lugar entre o 1 e o 3 de setembro, e manifestou a súa intención de traballar conxuntamente coa oposición a pesar de ter a maioría absoluta na Cámara. O sábado 5 de setembro tomará posesión como Presidente da Xunta por cuarta vez consecutiva.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.