Médicos de Atención Primaria non ven solución á "sobrecarga" nas consultas con máis de 50 pacientes diarios: "Temos unhas axendas insoportables"

Mobilización de persoal da Atención Primaria do Sergas, o 26 de outubro de 2019 en Santiago CC-BY-SA EM

Os médicos de Familia acusan anos infradotados de recursos humanos e materiais nun momento no que a Atención Primaria cada vez asume máis carga de traballo 

"A Atención Primaria xa estaba malferida de antes, a pandemia só agravou o que xa estaba a pasar", manifesta Rosa Rodríguez, médica nun centro de saúde da Coruña. "A lista de espera acumúlase, onte vin 56 pacientes, é algo inadmisible. Temos unhas axendas que son insoportables", asegura Susana Aldecoa, presidenta da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec). Os centros de saúde están a asumir agora a maior carga da Covid-19, mentres aínda non estabilizaron a situación provocada polo confinamento que veu coa declaración do estado de alarma.

"Estamos cunha sobrecarga de traballo moi grande en todas as áreas porque aínda acumulamos o retraso polo confinamento no seguimento dos pacientes crónicos e a iso hai que sumarlle os pacientes con Covid-19; é certo que non temos moitos pero cada vez que hai unha sospeita hai que pedir a proba PCR, estar pendente do resultado, investigar contactos... E logo está que estamos sen substituír", resume Aldecoa.

Un centro de saúde en Chantada nunha foto de arquivo CC-BY-NC-SA CIG

A "sobrecarga" dos médicos de Atención Primaria en Galicia levou á maioría dos xefes de servizo dos centros de saúde da área sanitaria de Vigo a presentar a súa dimisión "irrevogable" en marzo do ano pasado. A principal demanda daquela é a mesma que hoxe. "O problema da falta de médicos segue a ser evidente e real", afirma Luis López Vilar, un dos facultativos que se plantou diante da xerencia do Sergas en Vigo.

"Esta situación non ten tanto que ver cos antecedentes das dimisións, isto é algo teoricamente transitorio, pero si que nos descontrola por completo a organización. Mantéñense as dificultades para cubrir as ausencias nos centros de saúde porque tamén hai necesidades nos PAC, onde ten que estar o 100% do persoal", explica López Vilar, que participou nas reunións coa Consellería de Sanidade no momento das dimisións, xuntanzas que non mudaron a situación pois o Sergas non atendeu as demandas de persoal e recursos materiais.

Unha semana para unha cita telefónica

Durante o confinamento, a Agamfec xa alertou da necesidade de reforzar os centros de saúde pola demanda atrasada, que remataría derivando en listas de espera. Susana Aldecoa salienta que os pacientes están a agardar "máis dunha semana" en conseguir unha cita telefónica co seu médico de cabeceira.

"Parece que a Atención Primaria non existe, só se fala dos colapsos dos hospitais", critica a médica da Coruña Rosa Rodríguez

"Ás veces semella que non temos tempo para pensar", engade Rosa Rodríguez. No seu centro de saúde na Coruña están a atender preto de 50 doentes diarios. "Eu estiven 3 semanas de vacacións e nese tempo cubríronme un día e só tres horas. Así é imposible, incorpóraste xa con demora e a maiores tes que atender a pacientes doutros compañeiros que non están e que tampouco teñen substituto", conta.

"Parece que a Atención Primaria non existe, só se fala dos colapsos dos hospitais pero quen está a seguir a todos os pacientes Covid-19 neste momento somos nós. Se non se reforza os centros de saúde con máis persoal, e chegamos a unha situación de moito colapso, imos ter que priorizar e volver paralizar aos crónicos que se poida, como pasou no confinamento", lamenta Rodríguez.

Un médico, ao teléfono na súa consulta dun centro de saúde © Sergas

"De momento, en Vigo a situación coa Covid-19 non é desbordante. Pero si é desbordante o que vivimos cada día cos pacientes debido á falta de profesionais. Queremos poder dar resposta ás chamadas telefónicas na maior brevidade, temos que responder no día ou no seguinte día hábil para que todo aquilo que sexa urxente tamén se atenda en tempo", indica Luis López Vilar. "Hai días de 68 consultas telefónicas. É moi difícil que o noso cerebro consiga xestionar isto un día tras outro".

Estes tres profesionais reivindican que os centros de saúde seguen a ser "accesibles" e insisten en que a atención telefónica funciona como un "cribado" e que non é "antagónica" das consultas presenciais. "Dámoslle cita presencial aos doentes dunha maneira segura, non tendo como antes a vinte e pico persoas agardando xuntas nunha sala unha hora porque iso é un foco de infección inmenso que non se pode manter", apunta López Vilar, que pon o foco na atención a domicilio: "As persoas maiores queren ver ao médico, pero non lles podemos dicir que veñan ao centro porque son a poboación de máis risco. Tócanos distribuír os nosos esforzos para facer tamén esas visitas".

Novas funcións a maiores

Os profesionais de Atención Primaria levan semanas mostrando a súa preocupación polo que vai suceder coa gripe e mais co inicio do curso escolar. "Vai supoñer máis traballo e non somos capaces", evidencia Susana Aldecoa, para lembrar que os centros de saúde actuarán agora como referentes das escolas e institutos, segundo recolle o protocolo de volta ás aulas da Xunta. O mesmo sucede cos centros sociosanitarios: "Agora mesmo estamos a facer as probas PCR de residentes que pasaron as vacacións coas súas familias e vémonos con pouca capacidade para facer un seguimento axeitado destas residencias".

"Non sabemos quen conforma estes equipos de rastrexo, que perfil profesional teñen nin que protocolos utilizan", denuncia Susana Aldecoa, presidenta da Agamfec

Neste punto, a presidenta da Agamfec refírese tamén aos rastrexos da Covid-19. Critica un "oscurantismo total" por parte da Consellería de Sanidade e confirma o descoñecemento dos profesionais de Atención Primaria sobre este labor: "Non conseguimos saber quen conforma estes equipos de rastrexo, que perfil profesional teñen nin que protocolos están utilizando".

"Protocolos sabemos os que hai, a cuestión é aplicalos. Hai que facer unha revisión e dar unhas instrucións, mais temos a sensación de que non se están dando ben; tampouco sabemos o que están a considerar contacto estreito dun positivo porque non nos encaixa o que está a pasar". E como non temos nada claro, estamos intentando facer un seguimento de contactos pola nosa conta, o que pasa é que nós non tempos persoal, tempo nin formación para facelo. Coñecemos os protocolos, mais non é tan sinxelo facer unha vixilancia epidemiolóxica", engade.

Así, Aldecoa salienta que o propio xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa, afirmou a respecto da figura dos rastrexadores que "cada un ten o seu papel", mais non definiu cal é. "Non define quen é quen nisto da vixilancia epidemiolóxica e estamos moi preocupados", incide esta médica de Familia.

Cartel na porta dun centro de saúde nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Praza Pública

Unha solución común

A solución, segundo describen estes profesionais, pasa polo incremento de persoal en todas as categorías, non só entre os médicos senón tamén en enfermería e no persoal de servizos Xerais que está nos centros de saúde.

"Isto é como unha catástrofe crónica, polo que xa imos distribuíndo mellor as tarefas entre nós", di Luis López Vilar, médico en Vigo

"Pídesenos un esforzo máis, si, pero tamén somos os que podemos facelo. Imos estar máis sobrecargados e pouco recompensados a nivel económico", di López Vilar. "Isto é como unha catástrofe crónica, polo que xa imos distribuíndo mellor as tarefas entre nós. Aprendemos a sobrevivir para poder dar resposta a esta pandemia".

"Non hai recambio xeracional", indica Rosa Rodríguez a respecto das xubilacións e prexubilacións que xa se están a producir porque non hai médicos MIR para cubrir as necesidades de persoal no Sergas. Non hai médicos nas listas de contratación porque gran parte dos residentes marchou debido a que aquí non había condicións dignas de contratación. "O que non se pode é ofertar máis con menos, nunca logramos que a poboación entenda a situación na que estamos realmente", asevera esta médico da Coruña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.