O Sergas xa acumula un mes de demora na publicación das primeiras listas de espera afectadas pola pandemia

Feijóo nunha visita a un quirófano do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Desde que en 2015 mudou os períodos de cómputo e deixou de informar dos dous trimestres con peores datos, Sanidade sempre comunicou o primeiro semestre de cada ano entre o 19 e o 22 de xullo

Un mes despois das datas habituais en anos pasados, o Sergas segue sen facer públicas as primeiras cifras das listas de espera cirúrxicas ou de consultas afectadas pola paralización por mor da pandemia de coronavirus do funcionamento ordinario do sistema sanitario. Uns datos que na última información divulgada, en xaneiro referente ao segundo semestre do pasado ano, se situaban nunha media de 54 días de espera para unha cirurxía. Consultada por este diario o pasado luns, a Consellería de Sanidade aínda non ofreceu ningunha resposta nin previsión.

Ata 2015 a Xunta ofrecía información sobre as listas de espera sanitarias de xeito trimestral, pero naquel ano decidiu pasar a facelo semestralmente, divulgando en xaneiro e xullo os datos a respecto do semestre anterior, unha mudanza coa que desapareceron os dous informes trimestrais intermedios con peores resultados. Desde aquel cambio, os informes correspondentes aos primeiros semestres de cada ano foron divulgados nos últimos anos sempre en venres, o que reduce a súa repercusión mediática na fin de semana, e nas seguintes datas: 22 de xullo de 2016, 21 de xullo de 2017, 20 de xullo de 2018 e 19 de xullo de 2019.

Coa chegada da pandemia paralizáronse ou adiáronse todo tipo de citas, salvo as máis urxentes o as consultas que se podían realizar por teléfono

Un mes despois das datas habituais, este ano aínda non se sabe nadas dunhas listas de espera que durante o primeiro semestre viron como se paralizaron ou adiaron todo tipo de citas, salvo as máis urxentes o as consultas que se podían realizar por teléfono, como medida de precaución fronte ao coronavirus.

Á espera de que a Xunta decida facer públicas as cifras actuais tras esa paralización, o último dato dispoñible, de xaneiro e referente ao segundo semestre do pasado ano, situaba a espera media cirúrxica en 54,5 días, o máis baixo da serie histórica desde 2005 pero con oscilacións entre os 63,8 días da Coruña e os 35,6 días de Pontevedra. Só un ano antes, nos datos relativos ao segundo semestre de 2018, fora cando o Sergas conseguira baixar por primeira vez do límite de 60 días fixados na Lei de garantías sanitarias de 2014.

Canto ao número de persoas totais que agardaban en lista de espera cirúrxica a 31 de decembro pasado, a cifra ascendía a 35.720 persoas, unhas 1.300 máis que hai agora un ano, ao remate do primeiro semestre.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.