A Presidencia da Xunta avanzouno á prensa cadrando co Consello do pasado xoves e este venres a Consellería de Sanidade ofreceu os detalles. "O tempo medio de espera cirúrxica no Sergas rexistra, con 54,5 días, o mellor dato acadado na súa historia". Efectivamente, ese é o dato medio oficial de espera cirúrxica a 31 de decembro de 2019 e é o máis baixo das dúas series históricas coñecidas: a iniciada en 2005 e finalizada en 2014, trimestral, e a que a Xunta vén ofrecendo nos últimos cinco anos, semestral.
Ese dato, que o Goberno galego vén presentando como mostra da súa boa xestión sanitaria, é produto dunha evolución singular dos indicadores medios de espera cirúrxica da sanidade pública. Non en van, unha ollada polo miúdo permite observar que as listas de espera só descenderon durante o pasado semestre na área sanitaria de Vigo, tanto nos hospitais da rede do Sergas como no privado-concertado Povisa, mentres que aumentaron sen excepción en todas as demais áreas sanitarias e hospitais do Sergas con relación aos datos de xuño, cando a media estaba en 56 días, catro por baixo do máximo fixado por lei.
A espera media descendeu 23,2 días no CHUVI e 16,6 días en Povisa e fai descender a media galega ata 54,5 días aínda que nas demais áreas sanitarias do país aumentou entre 1,2 e 9,9 días con relación ao semestre anterior
Fóra de Vigo o tempo medio para acceder a unha operación cirúrxica aumentou case 10 días nos hospitais públicos da provincia de Ourense, 5,3 nos centros de Lugo, 4,4 na área sanitaria de Ferrol, 3,6 na de Santiago, 3 na da Coruña e 1,2 na de Pontevedra. Mentres, reduciuse 23,2 días de media nos hospitais formalmente encadrados na área sanitaria de Vigo e 16,6 en Povisa.
Precisamente, o centro privado-concertado vigués, que vén de pasar a mans dunha multinacional estadounidense, acordou co Sergas antes desa venda unha mellora do concerto que implicou atender máis pacientes da sanidade pública ata o remate de 2019 coa intención declarada de reducir as listas de espera. Este acordo, unido a unha maior actividade cirúrxica no CHUVI, permitiu baixar as medias de espera viguesas ata deixar de ser as maiores de Galicia, condición que agora ostenta a área sanitaria da Coruña.
Ningunha destas cifras inclúe, coma sempre, a coñecida como lista de espera non estrutural. Nela inclúense os pacientes que, por exemplo, rexeitan ser atendidos nun centro privado ou concertado por indicación do Sergas por preferiren agardar a unha intervención na pública. Estes e outros casos desaparecen da lista oficial.
Esa significativa baixada nas listas de espera na área de Vigo permite ao Servizo Galego de Saúde amortecer a suba no resto do país e anotarse esa devandita demora media de 54,5 días, case dous menos que o anterior dato. Sempre segundo os datos facilitados pola Xunta, nos pacientes con doenzas máis graves -prioridade 1- a demora media queda en 16,7 días e para os de prioridade 2, en 55,1.
O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, reiterou na súa presentación dos datos que a cifra media de 54,5 días é "a máis baixa de toda a serie histórica en Galicia". En rigor, esa comparación só é posible realizala dende a instauración do novo método de presentación dos datos, con informes de listas de espera cada seis meses. Esta mudanza lexislativa permitiu ao Sergas deixar de divulgar o que viña sendo o peor dato de cada ano, o do terceiro trimestre, que reflectía o impacto dos peches de camas e diminución da actividade cirúrxica durante o verán.
As persoas a agardar son 35.720, un lixeiro incremento con relación ao semestre anterior e a hai un ano
No que atinxe ao total de persoas a esperar por unha operación cirúrxica na sanidade pública galega as cifras son máis avultadas tanto en relación ao anterior semestre como en comparación con hai un ano. O dato a 31 de decembro situábase en 35.720 persoas. Son 1.252 máis que seis meses antes e 348 máis que no mesmo semestre do ano anterior. O dato máis baixo das dúas series históricas segue a ser o do cuarto trimestre de 2008, cando se situou en 32.122 persoas a esperar.