Os donos de Povisa pecharon un pacto para operar máis pacientes do Sergas antes de vender o hospital

Jesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade, durante unha visita a Povisa, nunha imaxe de arquivo © Povisa

O pasado 3 de outubro o ata agora grupo empresarial propietario de Povisa, o hospital privado que en virtude dun concerto co Sergas é o de referencia para 130.000 pacientes da sanidade pública, asinaba a súa venda a Ribera Salud, a compañía sanitaria que dende 2018 é propiedade da multinacional estadounidense Centene Corporation. Poucos días antes, o 30 de setembro, compradora e vendedora ratificaban á Consellería de Sanidade que a operación estaba a piques de culminar e, ao tempo, Grupo Nosa Terra 21 deixaba atado un acordo co Goberno galego para operar aínda máis pacientes do Servizo Galego de Saúde na área de Vigo.

A "atención a pacientes en lista de espera" da área de Vigo foi incluída como parte da mellora do concerto de Povisa a finais de 2018, pero o acordo non se concretou ata agora, cadrando coa venda á filial española do grupo americano Centene

A finais de 2018, despois de que Povisa amagase con ir a concurso de acredores, a Xunta accedía a mellorar as condicións do seu concerto sanitario, asinado en 2014, aínda que, segundo a xustiza, non se producira circunstancia ningunha que recomendase facelo. Entre as mudanzas figuraba o compromiso de que o Sergas pasase a asumir a subministración directa da medicación hospitalaria aos pacientes adscritos a Povisa e, a cambio, Sanidade baixaba a cota anual por paciente de 540 a 504,79 euros, sistema de financiamento abertamente criticado polo Consello de Contas por mor da súa escasa "transparencia".

Na nota oficial divulgada daquela por Sanidade para "salientar o acordo adicional acadado" con Povisa, o Goberno galego sinalaba que aquel pacto "especificaba" a "realización de actividade adicional" no hospital privado. Isto é, de asistencia non contemplada no concerto especificamente. A modo de exemplo, sinalaba que entre esa "actividade adicional" estaría a "realización e seguimento de probas complementarias a pacientes que proveñan do programa de cribado de colon" e tamén "a atención a pacientes en lista de espera da EOXI de Vigo".

Mobilización contra a venda de Povisa, o pasado 25 de outubro CC-BY-NC-SA CIG

Así, co novo acordo, comezaba o ano 2018 mentres a sanidade viguesa seguía axitada e o persoal do hospital privado, inquieto. A comezos do outono saltaba a noticia que ata ese momento era un ruxerruxe: Nosa Terra XXI dispúñase a vender o centro sanitario concertado a Ribera Salud. O 30 de setembro ratificaban á Xunta a operación, aínda pendente da autorización de Competencia. Pero naquela xornada sucedeu algo máis, tal e como adiantou o xornalista Ángel Paniagua para a edición viguesa de La Voz de Galicia.  

Foi ese día cando o aínda máximo responsable de Povisa, José Bernardo Silveira, asinou co xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, o acordo para operar máis pacientes da área sanitaria de Vigo. Isto é, asumir operación inicialmente previstas para o hospital Álvaro Cunqueiro ou o Meixoeiro ata final de ano para así reducir as listas de espera na área sanitaria con máis demora cirxúrxica de Galicia -74 días segundo os datos máis recentes, case vinte por riba da media galega-. Para facelo, Sanidade pon sobre a mesa de Povisa ata un millón de euros.

Sanidade admite que o acordo, de ata 1 millón de euros, foi pechado cadrando coa venda; resta importancia ao momento porque xa estaba a negociarse e din que os "prexudicados" no caso de non o cumprir serían "os pacientes"

Consultada ao respecto por Praza.gal, a Consellería de Sanidade admite os feitos e réstalles importancia porque "na modificación do concerto" que entrou en vigor a comezos de 2019 "xa se incluíu o acordo de incorporar a Povisa á realización de actividade programada para pacientes na lista de espera da Xerencia de Vigo". O único que faltaba para que comezase a facelo era que o "acordo" se "materializase", din dende a consellería.

Pero, por que xusto antes da venda do hospital concertado á multinacional americana? "A tramitación" do pacto, responde unha portavoz oficial da Consellería, "iniciouse antes do verán" e "era necesario concretar que pacientes son os que precisan en maior medida" seren intervidos "de acordo co seu tempo de espera en listas de espera" e tamén definir "en que procesos Povisa terá capacidade para atender a demanda exposta". Non "executar" o acordo, defende a Xunta, ademais de ser un "incumprimento", "a quen prexudicaría fundamentalmente sería aos pacientes" que "poderán ser intervidos cirurxicamente de acordo con este incremento de actividade" antes de fin de ano. 

Antes das primeiras listas de espera do ano electoral

O 31 de decembro é, precisamente, a data de referencia na que se recompilan os datos das listas de espera que o Sergas fai públicos en xaneiro. Tendo en conta a reforma que restrinxiu a información pública ao respecto -pasou de divulgar as listas de espera catro veces ao ano a facelo só dúas-, o dato de xaneiro será o penúltimo da lexislatura no caso de que as eleccións galegas se celebren cando correspondería, en setembro. E o derradeiro deste mandato se Alberto Núñez Feijóo decidise adiantalas uns meses, por exemplo á primavera.

A lista cirúrxica oficial da área viguesa reflectía unhas 7.700 persoas no primeiro semestre de 2019

Os últimos datos oficiais, do primeiro semestre de 2019, apuntaban un descenso da demora media no conxunto do Sergas ata a contorna dos 56 días. No caso da área sanitaria de Vigo, as persoas a agardar por unha operación eran a finais de xuño unhas 7.600, unha cantidade moi semellante á do momento en que abriu o hospital Álvaro Cunqueiro, no verán de 2015. Neste tempo si se reduciu o número de pacientes a agardar na lista oficial de Povisa, pasando de case 5.000 a pouco máis de 3.000.

Cando un paciente do Sergas é chamado para operarse nun hospital privado e decide agardar polo público, desaparece das cifras oficiais das listas de espera

Nos seguintes datos de listas de espera que divulgue o Sergas xa non estarán as persoas actualmente na lista de espera que, malia teren como hospital de referencia o Álvaro Cunqueiro, sexan chamadas para seren operadas en Povisa. Desaparecerán da lista oficial tanto se efectivamente son operadas como se rexeitan a asistencia no centro privado porque prefiren que a intervención se realice no público. Nese caso pasarían a formar parte da coñecida como lista non estrutural, cuxas cifras non son públicas e nas que os pacientes poden ser incluídos sen data de operación.

Contra esta práctica e outras semellantes alertou recentemente a Valedora do Pobo. Así, no marco da presentación do informe oficial da institución correspondente a 2018, a alta comisionada explicou que "o problema" non é "só que o tempo de espera resulte excesivo" en diversos casos, senón que "en moitas das reclamacións" que recibe fica "constatado" que "o paciente nin sequera ten concretada data" para a atención. Esa "práctica de non obter unha data concreta no momento de solicitar cita debe ser corrixida", reclamou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.