O hospital de referencia para máis de 130.000 persoas protexidas pola sanidade pública en Vigo está a piques de pasar a ser propiedade do grupo Ribera Salud e, por extensión, da corporación multinacional Centene, con sede nos Estados Unidos de América. Os responsables do policlínico privado vigués, que en virtude do concerto vixente co Servizo Galego de Saúde fai parte da estrutura asistencia da sanidade pública galega, veñen de confirmar á Consellería de Sanidade que ten "moi avanzadas" as negociacións para unha operación pendente, en todo caso, das autoridades da Competencia.
Os propietarios de Povisa ratifican a Sanidade que prevén vender o hospital ao grupo Ribera Salud, controlado ao 90% pola corporación estadounidense Centene
Como avanzou Faro de Vigo, os responsables do centro sanitario do que aínda é propietario o Grupo Nosa Terra 21 admitían nos últimos días a existencia das conversas con Ribera Salud, compañía que o pasado verán ficou definitivamente controlada pola americana Centene Corporation, que mercou o 40% accións da compañía ao Banco Sabadell, entidade que á súa vez as herdara da desaparecida Caja de Ahorros del Mediterráneo. Deste xeito Ribera Salud pasou a estar ao 90% nas mans de Centene, que se frutifica esta operación chegaría a Galicia por primeira vez.
Con estas novas sobre a mesa Sanidade "convocou os representantes de Povisa a unha reunión" para "solicitarlles información sobre a posible venda do centro médico vigués", informa a Consellería. Nese encontro, indica a Xunta, sentaron co conselleiro Jesús Vázquez Almuíña e outros cargos do Sergas membros de Povisa e mais de Ribera Salud, que "confirmaron que as negociacións entre ambos se atopan xa moi avanzadas".
Segundo a Xunta, Almuíña e o seu equipo "trasladaron" aos executivos de Povisa e Ribera Salud que "no caso de que as negociacións frutifiquen", deberán "garantir tanto a calidade asistencial na área sanitaria" como os postos de traballo". Todo isto, agregan, respectando os termos do concerto do Sergas con Povisa, que segundo o asinado en 2014 se estende ata o 31 de agosto de 2022.
O Consello de Contas detectou "falta de transparencia" no contrato da Xunta con Povisa e advertiu que ata o 80% do volume de negocio do centro sanitario vigués depende do concerto co Servizo Galego de Saúde
Este acordo, precisamente, estivo nos últimos tempos no centro da controversia non só polo rexeitamento das forzas da oposición, sindicatos e organizacións na defensa da sanidade pública, senón tamén polos receos expresados polo Consello de Contas. Así, o pasado verán o organismo responsable da fiscalización das contas públicas da Xunta advertía nun amplo informe da "falta de transparencia" deste contrato, que implica o pagamento de máis de 70 millóns de euros anuais á compañía viguesa.
Así, por exemplo, entre os aspectos sobre os que chamaba a atención o Consello de Contas no seu informe destaca que, a xuízo dos auditores, "non se pode garantir" que o prezo de 540 euros por doente e ano, estipulado no acordo, "fose establecido de acordo cun sistema axeitado para valorar os termos económicos das prestacións". Do mesmo tempo, advertía que o contrato da Xunta con Povisa implica que, a efectos prácticos, o diñeiro dedicado por Sanidade ao policlínico vigués "unicamente poida sufrir variacións á alza" e non baixar nunca, todo isto nun contexto no que ata o 80% da cifra de negocio de Povisa depende da sanidade pública galega.