O hospital privado vigués Povisa anunciou esta semana a presentación dun ERE cuxos detalles concretos ofrecerán este xoves na xuntanza que manterán cos representantes dos traballadores. Así mesmo, modificará substancialmente as condicións de traballo do conxunto do cadro de persoal. A medida foi xa moi criticada por sindicatos como CIG-Saúde, que lembra que hai catro meses Povisa asinou un concerto co Sergas de máis de 600 millóns de euros “que teoricamente garantía a estabilidade económica e laboral”. E destaca que a empresa vén de obter 11 millóns de euros de beneficios e aínda está pendente de ingresar 19 millóns máis polo incremento de actividade entre os anos 2005 e 2008.
Povisa é propiedade maioritaria do empresario vigués José Silveira Cañizares, que posúe o holding Naviera Elcano
Povisa é propiedade maioritaria do empresario vigués José Silveira Cañizares, que posúe o holding Naviera Elcano, formado por un gran número de sociedades, distribuídas por España, Portugal, Arxentina, Brasil, Bahamas ou Malta: Elcano, Lauria Shipping, Elcano Product Tankers, Empresa Naviera Petrolera Atlántica, Navegaçao Elcano, Doria Shipping, Jofre Shipping ou Ojeda Shipping son algunhas delas. Como destaca o xornal Economía Digital, o pasado ano Povisa foi a empresa que máis beneficios económicos lle proporcionou a José Silveira. Os 11 millóns de beneficios do hospital que agora sufrirá un ERE compensaron o descenso de beneficios da navieira (caeron dende os 18,6 aos 2,5 millóns), que como lembra Economía Digital, non sufrirá axuste ningún. A pesar dos millonarios beneficios obtidos, a dirección do hospital xustifica o ERE na previsión de ter un resultado negativo nas contas de 2015.
A pesar dos millonarios beneficios obtidos, a dirección do hospital xustifica o ERE na previsión de ter un resultado negativo nas contas de 2015
María Xosé Abuín, máxima responsable de CIG-Saúde, adiantou esta semana que o sindicato se oporá ás medidas e denunciou que "o ERE é unha chantaxe coa que pretenden cargarse o actual convenio colectivo para que os novos/as traballadores/as entren en peores condicións”. Abuín dirixiuse tamén ao presidente da Xunta para lembrarlle que é o responsábel de velar pola correcta utilización dos cartos públicos, en resposta ás delaracións de Feijóo nas que eludía calquera responsabilidade sobre o xeito que ten a dirección de Povisa de xestionar o centro médico.
María Xosé Abuín: "O ERE é unha chantaxe coa que pretenden cargarse o actual convenio colectivo"
Abuín tamén criticou que no último ano ao redor de 5000 pacientes que até ese momento eran atendidos en Povisca solicitaron o cambio de hospital de referencia. Para a responsable sindical, isto demostra "que as cousas non funcionan ben” e que os usuarios e usuarias perciben os efectos "da precarización do persoal". Os sindicatos denuncian que dos 1.390 traballadores e traballadoras que compoñen o cadro de persoal, ao redor de 500 teñen reducida a súa xornada laboral e lembran que o concerto do Sergas está vinculado ao mantemento do emprego.
De igual xeito, a deputada do BNG, Montse Prado, e o candidato do BNG ás eleccións municipais, Serafín Otero, demandáronlle ao goberno galego que paralice o ERE. “Ao BNG parécenos indecente e vergoñento que o goberno galego entregue unha cantidade inxente de cartos e logo diga que non ten nada que fiscalizar”, sinalou Prado.
Povisa: listas de espera, queixas e necesidade creada
CIG e BNG esíxenlle a Feijoo que paralice o ERE e fiscalice os cartos entregados pola Xunta a este hospital privado
Grazas a un convenio co Sergas, este policlínico privado é o centro sanitario de referencia para uns 140.000 pacientes potenciais da sanidade pública na área de Vigo. Este convenio supón a entrega cada ano de 75 millóns de euros do orzamentos da Xunta, ao redor de 535 euros por cada unha das tarxetas sanitarias das que o centro se fai cargo. Este concerto xustifícase pola falta de camas dispoñibles na área sanitaria de Vigo (calcúlase que Vigo necesita, cando menos, 1.450 camas máis), á espera da construción do novo hospital, na que o sector privado estará presente de xeito moi relevante.
Todo isto levou nos últimos anos a que a área de Vigo, a cidade máis poboada de Galicia, fose a que rexistrase listas de espera máis elevadas, en boa medida por mor do efecto Povisa. De feito, a distorsión xerada por Povisa era tal que a Xunta adoitaba proporcionar dúas medias globais de espera, unha con Povisa (83,4 días en 2013) e outra sen Povisa (69,3 días). Os datos máis recentes sitúan a espera media en Povisa en 199,9 días.