O salario medio en Galicia situouse no ano 2024 nos 2.230 euros brutos mensuais (contabilizados en 12 pagas), equivalentes a uns 26.670 euros anuais. O dato aumentou un 4,38% en relación ao ano anterior, por debaixo do aumento no conxunto de España
O salario medio en Galicia situouse no ano 2024 nos 2.230 euros brutos mensuais (contabilizados en 12 pagas), equivalentes a uns 26.670 euros anuais. Un salario que, máis ou menos, supón uns 1.748 euros mensuais netos, descontadas cotizacións e retencións.
O dato, procedente da Enquisa de Poboación Activa (EPA) e que foi publicado este venres polo INE, amosa un incremento dos salarios do 4,38% con respecto ao ano 2023, unha suba por riba do aumento do IPC, e que se suma ao rexistrado no ano anterior (+4,78%).
No conxunto do Estado o salario medio é máis de cen euros superior (2.386 euros), cun aumento do 4,95%, superior ao que se deu en Galicia. En 2023 o aumento salarial no conxunto de España tamén estivo por riba do dato galego (+7,3%). Nos últimos dous anos Galicia afastouse da media española. En 2022 a diferenza entre o salario medio español e galego era de 80 euros. En 2024 esa fenda abrírase aínda máis, ata os 156.
Nos últimos dous anos Galicia afastouse da media española. En 2022 a diferenza entre o salario medio español e galego era de 80 euros. En 2024 esa fenda abrírase aínda máis, ata os 156
En realidade, tan só catro comunidades autónomas (Euskadi, Madrid, Navarra e Cataluña) teñen salarios por riba da media do Estado, con moita diferenza sobe o dato xeral especialmente nos casos vasco e madrileño. O resto de territorios aparecen por debaixo. Galicia é a décima comunidade autónoma con maiores soldos entre as 17, por debaixo tamén da Rioxa, Aragón, Catabria, Asturias e Castela e León.
O 54,2% ten un salario bruto de menos de 1.889 euros mensuais (ao redor de 1.524 euros mensuais netos)
Iso, se falamos dos datos medios, que moitas veces agochan grandes desigualdades cando existen moitas diferenzas entre os valores máis elevados e os máis reducidos. O INE amosa tamén a distribución dos salarios en decís (división dos asalariados en dez grupos do mesmo tamaño), o que permite entender mellor as contías das remuneracións que están a recibir traballadores e traballadoras.
Iso sí, a distribución dos decís toma como referencia o conxunto dos asalariados en todo o Estado, o que introduce algunhas distorsións ao analizar os datos galegos. Por exemplo, mentres que en toda España o primeiro decil agrupa o 10% dos traballadores que menos gañan, establecendo unha fronteira nos 710 euros mensuais, en Galicia a porcentaxe que ingresa menos desa cantidade é o 9,5% do total de asalariados galegos.
Só unha pequena parte dos salarios, un 16%, pasa dos 40.000 euros brutos anuais, un 2.500 euros netos ao mes
Así, vemos como preto do 10% das persoas que ingresan un salario (o 9,5%) non chegan aos 710 euros brutos mensuais (trátase principalmente de traballos a tempo parcial ou intermitentes). O 20% non pasa dos 1.281 euros brutos (uns 1.137 netos). O 30,7% gaña uns 1.489 euros brutos (1.238 netos). O 43,2% ingresa uns 1.682 euros brutos (1.377 netos) e o 54,2% ten un salario bruto de menos de 1.889 euros mensuais (ao redor de 1.524 euros mensuais netos).
É dicir, algo máis da metade dos asalariados e asalariadas galegas non recibe nas súas nóminas mensuais máis de 1.500 euros netos.
Os datos do INE amosan que só unha pequena parte dos salarios, un 16%, pasa dos 40.000 euros brutos anuais, un 2.500 euros netos ao mes.
Os salarios veñen subindo nos últimos anos de forma paseniña. No ano 2019 a metade dos asalariados galegos (o 52,9%) gañaba menos de 1.595 euros mensuais brutos (1.313 netos)
Os salarios veñen subindo nos últimos anos de forma paseniña. Ás veces mesmo por riba do IPC, outras veces pola contra por debaixo do aumento de prezos, coa conseguinte perda de poder adquisitivo. Os incrementos, ademais, levan unha década por debaixo da suba do prezo dos alugueiros.
En todo caso, a evolución dos datos amosa, por exemplo, que no ano 2019 a metade dos asalariados galegos (o 52,9%) gañaba menos de 1.595 euros mensuais brutos (1.313 netos). E que no ano 2014 no 53,8% ingresaba menos de 1.503 euros brutos (1.244 netos). Os datos de 2009, no comezo da Gran Recesión, non eran moi distintos: o 54,6% gañaba menos de 1.444 euros brutos, uns 1.221 euros netos.