Sanción de 3.000 euros por descontar 10 de "absentismo" a unha empregada citada como testemuña nun xulgado

Protesta laboral ante a sede de Atento na Coruña nunha imaxe de arquivo © CGT Atento

Atento Teleservicios é condenada por considerar "absentismo inxustificado" que unha empregada sindicalista de USO se ausentase previo aviso hora e media para declarar citada como testemuña nun caso de acoso contra a empresa

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza que condena a Atento Teleservicios España SA por vulnerar o dereito fundamental á liberdade sindical dunha empregada representante de Unión Sindical Obrera (USO) á que descontou 10,53 euros da nómina por suposto "absentismo inxustificado". A traballadora ausentárase hora e media citada a declarar como testemuña nun caso de presunto acoso laboral contra a propia empresa, á que comunicara a citación xudicial como xustificante da ausencia, pero aínda así foi penalizada. Agora, ademais de recuperar os 10,53 euros, debe ser indemnizada pola empresa con 3.000 euros.

Feitos probados da condena a Atento Teleservicios España CC-BY-SA Imaxe: CIG | Montaxe: Praza Pública

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza, a presidenta do comité de empresa do centro de traballo de Atento na Coruña foi citada a comparecer como testemuña, na súa condición de representante sindical de USO, nun caso por presunto acoso laboral no que era investigada a propia empresa. A traballadora, constata a xustiza, "comunicou a súa ausencia á empresa e xustificou a mesma mediante a presentación da citación xudicial". Esa ausencia "durou 1,5 horas" e na nómina dese mes a empresa aplicoulle "un desconto de 10,53 euros baixo o concepto de 'absentismo inxustificado'".

A xustiza di que a empresa non puido desmontar "os fortes indicios de que o desconto que se lle practica na nómina é unha represalia"

A sentenza engade que "outros traballadores da empresa que foron citados para comparecer ante órganos xudiciais para prestar declaración, e que xustificaron a súa ausencia coa correspondente citación, non sufriron desconto salarial algún por este motivo, sendo unha práctica habitual da empresa considerar ditas ausencias como xustificadas e retribuídas". Ante isto a xustiza considera que a empresa "non acreditou, con proba plena, unha xustificación que dilúa os fortes indicios de que o desconto que se lle practica na nómina á actora é unha represalia".

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

A sentenza di que "a cuestión non é" se unha citación xudicial é suficiente ou non para ausentarse do traballo con dereito a remuneración senón "se a empresa, como práctica habitual e xeralizada, admite que a citación baste como xustificante" para outros traballadores e "xusto no caso" da sindicalista "decide que non é así". 

"Ademais é especialmente relevante que se actúe así nun proceso no que a parte investigada é a empresa", engade a sentenza, que considera que nesa situación "podía comprobar" se a sindicalista acudira ou non á citación xudicial. "Non se entende como en procesos xudiciais con terceiros (aos que a empresa non ten acceso) baste coa citación, mentres que en procesos xudiciais propios esixa un xustificante xudicial de asistencia a maiores, sobre todo cando ata agora non o esixira".

Ante esta situación, tanto un xulgado do Social da Coruña en primeira instancia como agora o TSXG consideran que a empresa vulnerou o dereito fundamental da empregada á liberdade sindical. A muller debe así recuperar os 10,53 euros que lle descontaron con xuros de mora do 10% e debe ser indemnizada por danos e prexuízos con outros 3.000 euros. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.