Abandonar o posto sen avisar non é causa de despido: o TSXG segue matizando o "absentismo" laboral

Persoal dunha industria CC-BY-NC-SA CIG

O Tribunal Superior declara improcedente o despido disciplinario dun traballador que abandonou o seu posto sen avisar e di que non se xustifica a sanción porque non supuxo un risco para o persoal nin causou un grave prexuízo para a empresa

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de divulgar unha sentenza que declara improcedente o despido disciplinario dun traballador dun estaleiro que abandonou o seu posto laboral sen avisar. A sentenza di que non se xustifica a sanción porque non supuxo un risco para o persoal nin causou un grave prexuízo para a empresa. Unha resolución que segue acoutando, como veñen facendo outras sentenzas previas, a campaña aberta por PP e patronal contra o "absentismo" laboral. [Facer vida cotiá de baixa non é causa de despido: a xustiza galega acouta a loita de clase aberta por PP e patronal].

Un traballador nun estaleiro CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

A sentenza agora divulgada polo TSXG acolle o recurso presentado polo traballador contra outra sentenza previa dun xulgado do Social de Ferrol que declarara procedente o despido. No novo fallo, os maxistrados explican que o afectado tivo una discusión cun compañeiro e abandonou o posto sen avisar a ninguén, o que motivou que o encargado asumise as súas funciones e o resto do persoal permanecese máis horas. A empresa abriu trámite de audiencia e comunicoulle o despido disciplinario por dúas faltas moi graves do convenio colectivo de aplicación, do sector da industria siderometalúrxica da provincia da Coruña.

O TSXG explica que, se ben o abandono do servizo ou do posto de traballo sen causa xustificada constitúe una infracción grave, "non xustifica o despedimento se o prexuízo para a empresa ou para o persoal non está especialmente cualificado”. Neste caso entende que "non se acredita que supuxese un risco para a saúde do persoal, nin que causara un accidente de traballo, nin que o prexuízo ocasionado á empresa sexa equivalente". Polo tanto conclúe que "atendendo a un criterio racional de proporcionalidade" non se xustifica a máxima sanción de despedimento disciplinario.

Tampouco a Sala aprecia que a conduta do traballador encaixe na infracción moi grave recollida no convenio colectivo sobre "fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestiones encomendadas", pois salienta que a súa actuación "poderá tacharse de errática ou caprichosa, pero non é constitutiva de infracción disciplinaria".

Sala de vistas na sede do Tribunal Superior de Xustiza © TSXG

A empresa ten que readmitir o traballador ou botalo cun despedimento improcedente e indemnizalo con 11.400 euros

En consecuencia, o TSXG acolle o recurso, polo que condena á empresa a que readmita ao demandante, con abono dos salarios deixados de percibir ata a súa readmisión ou ata que atopase outro emprego, ou a que, á súa elección, a compañía opte, dentro do prazo de cinco días desde a notificación de sentenza e sen agardar á súa firmeza, polo abono dunha indemnización de 11.462,27€.

A sentenza non é firme e cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.