Tribunais galegos lembran que as empresas tamén incumpren e anulan despidos baseados en seguimentos de detectives dunha muller que saía de compras tras un ictus e dun home con ciática que levantou pesos, e indemnízanos
O pasado abril, no debate anual sobre política xeral, o presidente Rueda puxo no albo o persoal de baixa laboral. Desde aquela Xunta, patronal e nas últimas semanas tamén o PP estatal de Feijóo veñen presentando como "absentismo" a demora coa que as persoas asalariadas obteñen un tratamento por parte do sistema de saúde e con ela a alta laboral. Neste loita de clase entre o capital e o traballo responsables políticos e empresariais adoitan poñer exemplos de supostos empregados de baixa que realizan actividades presuntamente incompatibles coa súa curación.
Pero na outra banda a xustiza galega tamén vén anulando despedimentos de persoas de baixa ás que se acusou de excederse a partir de informes de detectives privados e ás que as sentenzas recoñecen o seu dereito a facer "vida cotiá" mesmo lembrando que tamén as empresas en ocasións incumpren as súas obrigas.
Unha sentenza do pasado maio do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou o despedimento dun home con "lumbago con ciática" que foi botado tras dous meses de baixa amparándose a empresa nun informe dun detective privado. A empresa reprochou ao seu empregado que cortase o céspede, levantase unhas lousas de 25 quilos, empurrase unha carretilla con leña ou saíse dun establecemento cargando seis botellas de auga de litro e medio.
A sentenza do TSXG comeza valorando que neste caso a doenza non é simulada ou fraudulenta senón que "a realidade do lumbago con ciática non é discutida". Pero tamén sinala que a prescrición médica que tiña o traballador era "a de non facer esforzos, sen maior concreción e sen que estea acreditada unha indicación médica de repouso". E considera que "algunhas cas condutas imputadas e acreditadas non teñen especial significación ou relevancia". Así, tras salientar que habería que ter en conta a complexión do home para valorar o peso relativo das cousas que levantou, a sentenza sinala que cargou as lousas antes de recibir a prescrición de non facer esforzos ou que non se ten constancia do tipo de leña que levaba na carretilla.
O TSXG sinala "atrasos no aboamento das nóminas ou impagos por parte da empresa" como exemplos de incumprimentos "puntuais" da patronal similares aos dun traballador durante unha baixa
Si se puido establecer o peso das lousas e das botellas de auga, pero o tribunal di que hai que ter en conta a "proporcionalidade, ou non, da decisión de despedimento". "Estamos ante dúas condutas puntuais e só parcialmente obxectivadas, e iso posto que non se sinalan nos feitos probados datos como, por exemplo, a concreta distancia recorrida coas botellas", di a sentenza, que engade que "neste senso cómpre dicir que tampouco outros incumprimentos das persoas traballadoras ou das empresas, cando son puntuais, constitúen unha causa xustificativa da ruptura da relación laboral". E pon como exemplos "faltas de asistencia ou de puntualidade da persoa traballadora" ou "atrasos no aboamento das nóminas ou impagos por parte da empresa".
O TSXG valora tamén que o home tiña unha antigüidade laboral de máis de 30 anos e nunca fora sancionado polo que considera que "a sanción de despedimento non é proporcionada en atención ás circunstancias do caso concreto". Así, a sentenza non só anula o despedimento senón que tamén indemniza o traballador con 7.501 euros "por danos morais".
Outro tribunal defende que unha muller despedida tras sufrir un ictus fixese "actividades que se poden incluír dentro da vida cotiá de calquera persoa" e que non eran incompatibles coa súa doenza
Tamén nas últimas semanas vén de facerse pública outra sentenza, neste caso da sección do Social número 3 do Tribunal de Instancia da Coruña, que anulou o despido dunha muller que sufrira un ictus. Menos de cinco meses despois foi despedida amparándose a empresa tamén nun informe dun detective privado que a observou "levando a cabo, con intensidade e de forma reiterada, actuacións como permanecer sentada, camiñar, pasear, subir e baixar escaleiras e ramplas, acudir a centros comerciais, ir de compras e portar bolsos ou bolsas de tamaño xeneroso". Tamén mantiña "relacións sociais con toda normalidade" e realizaba "trámites administrativos en oficinas públicas" ou "actuacións co seu teléfono móbil". Mesmo se lle reprochou que acompañaba ao seu fillo menor de idade ata a parada do autobús.
Porén, a sentenza agora feita pública considera que "as tarefas que realiza a traballadora non supoñen ningún estrés, nin esforzo algún, máis alá de realizar funcións normais na vida cotiá dunha nai". "Son actividades que se poden incluír dentro da vida cotiá de calquera persoa, incluído a condución dun vehículo, e que se trata de actividades que non se acreditou que sexan incompatibles coa súa enfermidade, nin tampouco coa curación da mesma", salienta a sentenza.
Así, igual que no caso anterior, a sentenza anula o despido e obriga á empresa a indemnizar á traballadora con 5.000 euros por "danos e prexuízos por vulneración de dereitos fundamentais".
A sentenza cita diversa xurisprudencia e lembra que "cando o traballador está situación de incapacidade temporal, a realización de actividades incompatibles coa recuperación ou que evidencian simulación poden supoñer un despido disciplinario" por "transgresión da boa fe contractual". Porén, para que o despido por esa transgresión da boa fe sexa procedente debe cumprir varias esixencias: que o incumprimento sexa grave; que sexa culpable e a persoa actúe de xeito consciente e non sexa un erro ou descoido; que exista proporcionalidade entre a conduta e a sanción tendo en conta a antigüidade e traxectoria anterior do empregado; e que a empresa non "garde" os feitos indefinidamente senón que actúe nun prazo razoable desde o seu coñecemento.