Feijóo xa reduciu as baixas por enfermidade a "absentismo" cando as recortou na Xunta

Carteis contra os recortes ao persoal da Xunta no interior da súa sede central de San Caetano en 2012 CC-BY-SA Merixo

"Absentismo". É o termo empregado na actual ofensiva política sobre as baixas laborais, da que veñen facendo bandeira as patronais galega e española mentres a Xunta a leva a práctica. A mesma que nos últimos días foi elixida polo ex-presidente Alberto Núñez Feijóo como exemplo de debate "valente" que, di, está disposto a abordar no seu segundo intento para chegar ao Goberno de España. Porque para o actual líder estatal do PP o "absentismo" é un "cancro".

Década e media antes de incluír as incapacidades temporais por enfermidade no saco político dun "absentismo" que ve un "cancro", o agora líder do PP xa o fixo para gabarse da redución dos complementos ao persoal da Administración galega durante as baixas 

Como é sabido, no concepto "absentismo" manexado polos populares, polas patronais e por diversos axentes como as empresas de traballo temporal que elaboran estatísticas ao respecto, collen realidades ben diferentes. Dende o que popularmente coñecemos como baixas laborais (incapacidade temporal) ata permisos e licenzas por outras causas (caso da maternidade, a paternidade ou os coidados) pasando por non acudir ao traballo á mantenta e sen maior motivo que a propia vontade de non traballar. No caso de Feijóo, como tantos outros movementos dende o seu traslado a Madrid, é posible atopar reflexos nos seus ditos e feitos mentres gobernou en Galicia.

Reunión do Consello da Xunta do 31 de maio de 2012, que analizou un informe sobre as baixas do seu persoal © Xunta

A principios de 2012, en plena gran recesión e cos ingresos públicos en caída libre, o PP sacou adiante en solitario no Parlamento unha lei para recortar dereitos e remuneracións ao persoal ao servizo da Xunta. Entre as mudanzas destacaba unha redución do complemento que o plantel ao servizo da Administración galega cobraba cando estaba de baixa por "enfermidades comúns ou accidentes non laborais". Así, por exemplo, entre o primeiro e o terceiro día de baixa a Xunta pasou a pagar "un complemento ata acadar o 50% das retribucións cando sexa a primeira baixa no ano natural"; baixaba ao 40% se se trataba da segunda baixa do ano e se había máis, deixaba de pagalo. Do cuarto ao vixésimo día de baixa quedaba no 75% e só chegaba ao 100% nas baixas superiores a vinte días.

"Menos absentismo significa maior produtividade e unha maior produtividade significa unha maior responsabilidade e eficiencia dos servizos públicos", aplaudía Feijóo tras asegurar que lograra aforrar 26 millóns en baixas na Xunta

Aquel recorte nos complementos das baixas do persoal público tardaría máis de media década en desaparecer. En 2015 o Goberno galego suavizouno parcialmente ao abeiro da redacción inicial da Lei de Emprego Público e só a partir de 2019, mediante unha reforma introducida coa lei de acompañamento dos Orzamentos dese ano, a Administración galega volve contemplar un "complemento retributivo dende o primeiro día en situación de incapacidade temporal" ou "licenza por enfermidade" que, "sumado á prestación do réxime xeral da Seguridade Social, acade o 100 % das retribucións fixas do mes do inicio da incapacidade temporal" -a medida convive con reducións como a ausencia de cobramento total durante os primeiros tres días, entre outras-.

Dende pouco despois da aplicación daquel recorte, o Goberno do PP de Feijóo gabouse da redución das baixas laborais entre o persoal público. Pero meténdoas no saco do "absentismo". Así, por exemplo, en maio de 2012 o daquela titular da Xunta gabábase de que as súas medidas lograran "maior compromiso, maior eficiencia e produtividade" cunha "notable redución do absentismo", aforrando case 4 millóns de euros en baixas.

Feijóo, con Rueda nun acto preelectoral en 2012 © PPdeG

Na mesma liña, en febreiro de 2013 a Xunta emitía outro informe no que elevaba a 26 millóns o aforro en baixas. "Menos absentismo significa maior produtividade e unha maior produtividade significa unha maior responsabilidade e eficiencia dos servizos públicos", glosaba Feijóo, que evitara entrar en se o que consideraba unha mostra de "rigor" se podía ter tamén entre as súas causas o temor do persoal a ver reducido o seu salario en plena crise económica.

Naquel tempo o gabinete de Feijóo aplicara un 4% de redución media adicional aos salarios do persoal público tras asegurar que "xa non lles podemos pedir máis" tras os recortes que aplicara o Estado e o Goberno de Rajoy incrementara o poder das mutuas

Pouco antes, en decembro de 2012, a mesma Xunta de Feijóo viña de aplicar un novo recorte aos salarios do persoal da Administración galega, cunha redución media dun 4%. Sucedera despois de que, en vésperas da campaña electoral que acabou coa segunda maioría absoluta consecutiva dos populares, o propio presidente da Xunta e candidato á reelección asegurara que "aos empregados públicos xa non lles podemos pedir máis" porque xa fora dabondo co recorte medio do 5% aplicado polo Goberno de España na etapa de Zapatero e que el, aseguraba, non compartía. "Eu aos funcionarios non lles vou pedir máis esforzos dende o punto de vista retributivo, xa fixeron bastante", resumía.

Naqueles meses de tesoiradas as reducións nas baixas laborais non atinxiran só ao persoal público. Tamén chegaran ao sector privado con medidas que os actuais responsables da dereita e das patronais reclaman recuperar ou profundar. Foi o caso do aprobado polo Consello de Ministros do Goberno de Rajoy en decembro de 2013 para fortalecer o poder das mutuas nestes procesos, o cal neste 2026 o Executivo galego de Alfonso Rueda está tamén a incrementar. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.