Os líderes de BNG e PSdeG, ambos desde a Feira de Santos de Monterroso, coincidiron este domingo en reclamar que a investigación sobre o accidente ferroviario en Urda (Toledo) vaia "ata o final". A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, reclamou unha investigación "rigorosa e imparcial" e "até o fondo" para non repetir erros do pasado, dixo, como sucedeu coas vítimas de Angrois, polo que pide que se depuren todas as responsabilidades políticas “caia quen caia”.
Pontón pide unha investigación "rigorosa e imparcial" e "até o fondo" e que se depuren responsabilidades políticas "caia quen caia"
O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, pola súa banda, asegurou que "as familias e as vítimas" do sinistro "merecen coñecer toda a verdade e que se exixan as responsabilidades que correspondan".
“É o que lles debemos ás vítimas e ás súas familias. E tamén á cidadanía, que ten dereito a subir a un tren coa tranquilidade de que viaxa con todas as garantías de seguridade”, sinalou.
Por iso, dixo, apoia o compromiso do Goberno de España de "levar a investigación ata o final”, tras lembrar que Galicia sabe desde Angrois o que supón vivir de preto unha traxedia ferroviaria. Así, defendeu que as vítimas e as súas familias "merecen saber que pasou, por que pasou e se se podía ter evitado".
Besteiro asegura que as familias das vítimas "merecen coñecer toda a verdade e que se exixan as responsabilidades que correspondan"
Ana Pontón, pola súa banda, asegurou que a mellor maneira de homenaxear as vítimas é que realmente haxa “verdade, xustiza e reparación”. "Que haxa unha investigación rigorosa e independente, que vaia até o fondo, caia quen caia”, demandou a líder nacionalista, que pide que se esclarezan as causas que se tomen as medidas necesarias para que un accidente así non volva repetirse.
"Non podemos permitir que se repita o de Angrois", di Pontón, que cre que Óscar Puente "ten os días contados como ministro"
“O que non podemos permitir é que se repita o que pasou en Angrois, onde a ferida segue aberta porque as vítimas non tiveron verdade, xustiza e reparación”, lembrou. “As vítimas deste accidente non deben pasar polo calvario que pasaron as de Angrois porque evidentemente as cousas non se fixeron como tiñan que facerse naquel momento, no que houbo un pacto de silencio entre PP e PSOE para tapar as súas responsabilidades ante esa catástrofe”, criticou.
Pontón insistiu en que, diante de diferentes catástrofes, estamos a ver como “o bipartidismo non asume responsabilidades” , indicando que no caso de Angrois non só non dimitiu ningún membro do goberno de Mariano Rajoy senón que a daquela ministra Ana Pastor foi recompensada con tres anos máis no cargo e cunha presidencia no Congreso.
"Que non se repitan os erros do pasado"
“Eses erros non se poden volver cometer agora”, manifestou, indicando a continuación que a investigación ten que delimitar cales son as responsabilidades e que alguén ten que asumilas. “É evidente que Óscar Puente ten os días contados como ministro”, sentenciou.
Para a líder do BNG, é fundamental que “non se repitan os erros do pasado, que non se escatime un só euro á hora de solucionar os problemas de seguridade nas liñas de alta velocidade do Estado español”, reclamou.
Por outra banda, O PP anunciou este domingo que comparecerá na causa do accidente de Urda para pedir que se investigue "ata o final". O anuncio dos populares sumouse ao realizado tamén polo líder da ultradereita de Vox, Santiago Abascal, que adiantou que a súa formación presentarase como acusación popular na mesma causa.