“As leccións do accidente de Angrois non se aprenderon. Nin as aplican. A Axencia Ferroviaria Europea (ERA) deixou claro despois de Angrois que a alta velocidade non podía estar a expensas dun erro humano”. Con estas palabras, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, quixo poñer en evidencia que o accidente de tren desta semana en Urda (Toledo) demostra que non se sacaron as ensinanzas necesarias do sinistro ferroviario en Galicia de hai pouco máis dunha década.
“As leccións do accidente de Angrois non se aprenderon", advirte Ana Miranda, que lembra que a Axencia Ferroviaria Europea xa avisou "que a alta velocidade non podía estar a expensas dun erro humano”
Miranda referiuse á auditoría da axencia europea —saída á luz hai case dous anos— que advertiu de que a antiga CIAF (Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios) estatal sinalaba respecto de Angrois "o 'erro humano' como principal factor causal, sen afondar nos elementos causais relacionados co Sistema de Xestión da Seguridade nin nas responsabilidades dentro do marco legal".
"En consecuencia non se analiza como o comportamento humano se ve influído polo contexto ambiental e as condicións de traballo nas que este se desenvolve; ademais, a maioría das recomendacións contidas nos informes finais de investigación baséanse nas 'causas directas' ou nas 'causas subxacentes', pero non o suficiente nas 'causas raíz' (o sistema de xestión da seguridade e o marco normativo)", dicía. Isto é, alertaba de que é necesario analizar que falla nos sistemas de xestión da seguridade para que se poida dar un erro humano.
Para Miranda, trece anos despois do tráxico accidente de Angrois segue a haber "deficiencias claras" nos sistemas de seguridade, de control, ou sinalización das vías. “O sistema de control do tráfico ferroviario, o sistema ERTMS volve ser protagonista. En Angrois non estaba instalado”, asegurou a parlamentaria europea nacionalista, que compareceu xunto ao deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, para facer unha avaliación sobre a situación xerada tras o grave sinistro que deixa xa 69 falecidos.
O BNG presentará en Europa unha iniciativa tras o accidente de Urda para saber se o novo sistema de seguridade ferroviaria estaba instalado
Na rolda de prensa, Miranda comprometeuse a esclarecer en Europa se o Goberno de España cumpriu os compromisos en materia de seguranza ferroviaria. “O novo sistema de seguridade ferroviaria debería estar implementado a 30 de xuño. Así o di o calendario de pagamentos e a avaliación do Plan de Recuperación dos Fondos Next Generation. E agora o ministro Óscar Puente di que ese sistema estaba en probas. Isto debe ser aclarado”, reflexionou.
Pola súa banda, Rego reclamou que “non se repita a historia do accidente de Angrois” e se faga unha investigación “independente, rigorosa e até as últimas consecuencias”. Tamén dixo considerar "lóxico" que unha auditoría á rede ferroviaria aborde a "privatización" da infraestrutura no Estado, unha demanda que trasladará a vindeira semana ao ministro de Transportes, sobre o que ten a "impresión" de que "ten os día contados" á fronte do ministerio.
Ademais, apelou a facer xustiza e que as vítimas deste accidente poidan coñecer as auténticas causas do sinistro, o que “nunca tiveron as vítimas de Angrois, que foron abandonadas e maltratadas".
Néstor Rego reclama auditar a "privatización" ferroviaria no Estado e cre que Puente "ten os días contados" no ministerio
"Aínda hoxe", destacou o deputado nacionalista, "seguen sen recibir unha reparación xusta”. Rego tamén criticou a dupla moral do PP, "tan amigo agora das comisións de investigación". "Mais votou até catro veces en contra de comisións de investigación do Alvia no parlamento galego e tamén no Congreso”, lembrou, tras advertir tamén de que Feijóo, “hai nada, en xaneiro pasado, volveu culpabilizar o maquinista do Alvia do accidente de Angrois cando todo o mundo sabe que houbo fallos de seguranza". "Non se pode ser máis hipócrita”, sentenciou.
Rego reclamou “responsabilidade, seriedade, respecto e unha investigación profunda e áxil sobre a cadea de fallos que deron lugar a este último accidente". "Débese investigar a fondo e non incorrer nos erros do accidente de Angrois. As vítimas merecen saber a verdade”, dixo quen salientou a necesidade de que se restabeleza a confianza nun medio de transportes "eficaz, necesario, útil e sustentábel".
Para isto, puntualizou, “son precisas medidas resolutivas que pasan por modernizar a infraestrutura ferroviaria e mellorar os sistemas de seguridade. Investir máis en mantemento e na mellora da calidade”.
"Hipocrisía do PP"
Mostrouse crítico co proceso de liberalización introducido por PP e PSOE que “debe ser analizado e inspeccionado porque non trouxo nada bo”, así como a necesidade de dignificar e revisar as condicións laborais dos traballadores e traballadoras do sistema ferroviario”. Na Galiza, indicou, “queremos un tren seguro, moderno, útil e cunha infraestrutura renovada para que non volvan a suceder accidentes como o de Angrois”.
Néstor Rego advertiu ao Goberno de que evite criminalizar ou sinalar operarios e operarias do sistema ferroviario como fixo no seu día “o Goberno da Xunta de Feijoó no terríbel accidente de Angrois, apuntando desde o primeiro momento ao maquinista e como fixo a daquela ministra de Fomento”.
Neste sentido, criticou tamén a "hipocrisía do PP". "Non está para dar leccións de nada. Con 80 mortos en Angrois non dimitiu ninguén nin ninguén asumiu responsabilidades. Houbo un pacto de silencio entre o PP e o PSOE para tapar as responsabilidades compartidas polas deficiencias na seguridade e por non implantar o ERTMS na liña”, dixo.