En 2016 o titular de Exteriores pediu ao presidente da Comisión, Jean-Claude Juncker, manter oculto un informe crítico coa versión oficial que apuntara ao condutor do Alvia porque afectaba "aos nosos intereses nacionais", pero agora non o lembra "en absoluto"
O 27 de maio de 2016 o daquela ministro de Exteriores, o popular José Manuel García-Margallo, enviou unha carta ao presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, para pedirlle que non fixese público un informe moi crítico coa investigación oficial española que atribuíra ao maquinista a responsabilidade do accidente de Angrois de tres anos antes. No escrito, que seguiu a outra carta similar da ministra de Fomento, Ana Pastor, ambos documentos desvelados en exclusiva por Praza.gal, á comisaria de Transportes, o ministro de Exteriores dicíalle a Juncker que o asunto afectaba "aos nosos intereses nacionais".
Este martes, preguntado por aquela carta polo presidente da Plataforma de Vítimas de Angrois no programa Todo es mentira, da cadea de televisión Cuatro, García-Margallo dixo non lembrar "en absoluto" aquelas xestións súas.
Tras o accidente de Angrois a investigación técnica oficial do Ministerio de Fomento considerou como causa do mesmo o despiste que sufriu o maquinista do tren Alvia, que non freou a tempo antes da curva. En 2016 a Axencia Ferroviaria Europea rematou un duro informe contra esa investigación por non ser independente e poñer o foco só no maquinista e non noutras eivas de seguridade. O Goberno de España, coñecedor dese informe e da intención da Comisión Europea de desvelalo a petición da Plataforma de Vítimas e do BNG, manobrou en Bruxelas para tentar mantelo oculto a poucas semanas das eleccións xerais do 26 de xuño de 2016.
As manobras dos ministros García-Margallo e Pastor lograron que o informe da UE se fixese público despois das eleccións xerais de xuño de 2016
Por unha banda, a ministra de Fomento, Ana Pastor, escribiu o 26 de maio de 2016 á comisaria de Transportes, Violeta Bulc, advertíndolle da "gravidade" de facer público o informe. "Rógoche tomes nota de que o Reino de España se reserva o dereito de adoptar medidas", díxolle. Un día despois, o 27 de maio, foi García-Margallo, como ministro de Exteriores, quen escribiu ao presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, adxuntando unha "nota" da ministra de Fomento sobre o asunto e salientándolle que "o tema é de suma importancia para nós e afecta os nosos intereses nacionais".
As manobras dos ministros lograron que o informe non se fixese público antes das eleccións xerais do 26 de xuño senón uns días despois, o 7 de xullo.
Sobre esta cuestión foi preguntado este martes García-Margallo no programa Todo es mentira, de Cuatro, en cuxo faladoiro participa o agora eurodeputado. Estaba a ser entrevistado en directo o presidente da Plataforma de Vítimas de Angrois, Jesús Domínguez, cando este lembrou a carta remitida polo ex-ministro ao presidente da Comisión Europea. García-Margallo tomou a palabra por alusións pero dixo non lembrar a cuestión.
"Lembro que se enviou unha carta á Comisión Europea pero non lembro moito máis, eu supoño que me poría en contacto coa ministra de Fomento na época, que era a responsable, e coa Comisión Europea, pero a verdade é que neste momento non lembro en absoluto", dixo. "Non podo aclarar moito máis, nin cal foi a resposta da Comisión Europea que presidía efectivamente Jean-Claude Juncker", engadiu, para dar por rematada a cuestión.
O informe da UE foi relevante para que a investigación penal analizase as eivas de seguridade da curva de Angrois, malia que non puido culpar desas eivas ao único cargo de Adif que chegou a xuízo
Aquel informe da UE que o Goberno de Mariano Rajoy tentou manter oculto foi relevante para que a investigación penal do sinistro analizase as eivas de seguridade que tiña a liña de alta velocidade Ourense-Santiago máis alá do despiste do maquinista. Esas eivas quedaron reflectidas nos feitos probados da sentenza definitiva do caso, emitida o pasado xaneiro, que pola contra non atopou probas para facer culpable desas carencias de seguridade ao único cargo de Adif que chegara a xuízo, polo que acabou condenando unicamente ao maquinista.