No accidente de 2013, con 79 mortes, a xustiza probou eivas na liña Ourense-Santiago pero non puido atribuílas ao único cargo de Adif que foi xulgado logo de que varios maxistrados lamentasen a "fragmentación" do sector ferroviario para atopar culpables
Tras o accidente de Urda (Toledo) no que faleceron 69 persoas, o ministro de Transportes, Óscar Puente, puxo o foco na orde "inexplicable" emitida desde o centro de control a un dos trens para que continuase circulando a velocidade normal, o que acabou provocando o seu choque con outro convoi detido máis adiante na mesma vía. Tamén tras o accidente de Santiago de 2013, con 79 falecidos, o máis grave da alta velocidade española, se puxo o foco inmediatamente no maquinista do tren que, despistado por recibir unha chamada do interventor, non freou a tempo antes da curva de Angrois sen que houbese ningún sistema que evitase o seu erro humano.
O maquinista rematou como único condenado o pasado xaneiro, 13 anos despois, malia que a xustiza tamén constatou eivas de seguridade. Pero esa xustiza non foi quen de atribuír unha culpa concreta pola falta de seguridade ao único cargo de Adif que chegou a ser xulgado logo dunha lenta instrución na que varios xuíces lamentaron que a "complexidade" e "fragmentación" tanto da estrutura organizativa da empresa pública como da normativa ferroviaria dificultaban aclarar as responsabilidades.
Tras estar imputados ao longo da instrución varias ducias de altos cargos e técnicos de Adif, ao xuízo finalmente só chegaron dous acusados: o maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón, e o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte. En xullo de 2024 a xuíza do Penal 2 de Santiago, Elena Fernández Currás, condenounos aos dous ao mesmo nivel, pero en xaneiro deste ano a Audiencia da Coruña corrixiu esa sentenza e, sen mudar nada dos feitos probados, absolveu o cargo de Adif por falta de probas de que el fose o responsable das eivas de seguridade que había na liña de alta velocidade Ourense-Santiago.
Foi unha nova e definitiva sentenza, a da Audiencia, asinada por dúas maxistradas, Ana Belén Sánchez González e Ana Belén López Otero, co voto particular discordante dunha terceira xuíza, Marta Canales Gantes, que defendeu a corrección da condena de primeira instancia. En todo caso, a segunda sentenza limitouse a mudar a valoración xurídica para absolver ao cargo de Adif pero aceptando por completo, sen mudar unha coma, os feitos probados da primeira sentenza. A Audiencia só corrixiu puntualmente a valoración das lesións dalgunhas vítimas.
Así que a sentenza de Angrois, ratificada neses feitos probados de xeito unánime por catro xuízas -a de primeira instancia e as tres da Audiencia-, deixou como verdade xudicial que a liña Ourense-Santiago era insegura máis alá do erro cometido polo maquinista.
Os feitos probados da sentenza, entre outras cuestións, sinalan que o sistema de control constante da velocidade dos Alvia -o ERTMS, similar ao LZB da liña Madrid-Sevilla- fora desconectado "sen que en ningún momento se valorase por Renfe nin por Adif o impacto que para a seguridade na circulación supuña tal medida".
Tamén din eses feitos probados avalados pola Audiencia que "non consta" que o director de Seguridade de Adif, "como máximo responsable en materia de seguridade na circulación de Adif, aplicase ou encomendase a outros a aplicación dalgún dos procedementos de avaliación e xestión de riscos previstos no Sistema de Xestión da Seguridade na Circulación nin ningún outro previsto noutras normas, ao risco exportado da circulación dos trens con ASFA comunicado pola UTE e Ineco na análise, avaliación e xestión de riscos e avaliación independente realizada respecto da liña de Alta Velocidade 082, nin antes nin despois da súa posta en servizo".
Malia discrepar na valoración xurídica, as catro xuízas de Angrois coincidiron nos feitos probados, algo que vén de salientar hai unhas semanas a maxistrada de primeira instancia lembrando "a deficiente sinalización do treito"
Malia manterse estes e outros feitos probados, a Audiencia mudou a valoración xurídica dos mesmos para rematar absolvendo o cargo de Adif. Unha circunstancia, o mantemento dos feitos probados, que este setembro aínda salientou a primeira xuíza, Fernández Currás, ao pronunciarse a favor do indulto que solicitou o maquinista. No seu escrito a maxistrada sinala, para xustificar o seu apoio ao indulto, que "na sentenza de instancia —cuxos feitos probados respectou a sentenza ditada pola Audiencia Provincial en grao de apelación— considerouse que, sen prexuízo do reproche penal que merecía a conduta do penado, na gravidade do resultado producido concorrían, coa súa conduta neglixente, outras circunstancias atinentes á deficiente sinalización do treito en que se produciu o descarrilamento e de medidas de seguridade que diminuíran o risco".
"Esta consideración non queda descartada pola sentenza de apelación, aínda que non se materializase na condena da única persoa a quen se acusou como responsable desas deficiencias da vía", engade a primeira maxistrada. Isto é, a xuíza que foi corrixida pola Audiencia salienta que non se lle corrixiron os feitos probados nos que constata a falta de seguridade da liña, senón só que iso non bastou para considerar responsable dos mesmos ao cargo de Adif, "única persoa a quen se acusou" desa empresa pública e polo tanto única que podía ser condenada.
Por outra banda, o cargo de Adif chegou ao xuízo como único acusado desa organización logo de que durante a longa instrución tanto os dous sucesivos xuíces instrutores como maxistrados da Audiencia da Coruña que supervisaron as súas decisións manifestasen en varias ocasións a dificultade que lles estaba a supoñer para aclarar as responsabilidades penais do caso a "complexidade" e "fragmentación" tanto da estrutura organizativa de Adif como da normativa ferroviaria.
"Nunha organización tan grande ás veces as responsabilidades non quedan totalmente claras", dixo no xuízo perito máis independente do caso
Algo que tamén salientaron durante o xuízo varias testemuñas, especialmente o perito o máis independente de todos por ser o único seleccionado por sorteo polo xulgado de entre os mellores profesionais ofrecidos polo Colexio Oficial de Telecomunicacións, César Mariñas, fronte a outros dous peritos designados 'a dedo' pola Xunta. Na súa declaración, o perito independente dixo que en Adif "hai unha compartimentación que desde o punto de vista de seguridade pode xerar un problema cando quedan cousas sen cubrir". "Nunha organización tan grande ás veces as responsabilidades non quedan totalmente claras", dixo noutro momento o mesmo perito.
Así, o resultado final do accidente de Angrois para a xustiza foi a condena só do maquinista polo seu erro e a incapacidade de atribuír a ninguén de Adif a responsabilidade polas eivas de seguridade que había.