O ministro Puente lembra que a daquela ministra Ana Pastor non compareceu ante os medios de comunicación como si fai el
Alberto Núñez Feijóo, ex-presidente da Xunta e agora líder do PP estatal, considera unha "frivolidade impropia dun ministro" que Óscar Puente poña o foco en erros dos controladores de Adif como causa do accidente de Urda. Hai 13 anos, tras o accidente de Angrois, co PP no Goberno de España, el mesmo puxo o foco no maquinista do Alvia como único responsable do sinistro, salientando a calidade internacional da alta velocidade española. Este venres foi preguntado por esa disparidade de valoracións tras un encontro con "expertos en infraestruturas e servizos ferroviarios" no que participou a ex-conselleira Ethel Vázquez.
Feijóo defendeu que "despois de once anos de instrución, de distintas instancias xudiciais" xa hai unha sentenza sobre Angrois que "foi moi concluínte". "A miña tese foi respaldada xudicialmente despois de moitas probas, moitas testemuñas, moitas comprobacións", engadiu, polo que considera que "hai que estar moi necesitado para coller este exemplo".
Porén, a sentenza de Angrois non só condenou ao maquinista senón que tamén estableceu que Adif non fixera o necesario para garantir a seguridade, aínda que non puidese condenarse a ningún cargo concreto desa organización. A sentenza "moi concluínte" sobre Angrois á que se refire Feijóo foi primeiro unha condena inicial dun cargo de Adif ao mesmo nivel que o maquinista e despois, tras unha revisión por parte da Audiencia Provincial da Coruña, unha seguinte sentenza xa firme co voto a favor de dúas maxistradas e en contra dunha terceira que absolveu o cargo de Adif e deixou o condutor como único condenado.
Pero á marxe de absolver o cargo de Adif por falta de probas contra el en concreto, esa segunda sentenza non mudou nin unha coma dos feitos probados e estableceu que "non consta" que "como máximo responsable en materia de seguridade na circulación de Adif, aplicase ou encomendase a outros a aplicación dalgún dos procedementos de avaliación e xestión de riscos previstos no Sistema de Xestión da Seguridade na Circulación nin ningún outro previsto noutras normas, ao risco exportado da circulación dos trens con ASFA comunicado pola UTE e Ineco na análise, avaliación e xestión de riscos e avaliación independente realizada respecto da liña de Alta Velocidade 082, nin antes nin despois da súa posta en servizo".
Os feitos probados desa sentenza "concluínte" segundo Feijóo tamén din que nos Alvia como o sinistrado o sistema ERTMS de control constante da velocidade se desconectou "sen que en ningún momento se valorase por Renfe nin por Adif o impacto que para a seguridade na circulación supuña tal medida".
Sobre Angrois foi tamén preguntado este venres o ministro Óscar Puente. "Sei o que fixo o meu partido no accidente de Angrois, que foi non pedir a dimisión [da daquela ministra popular Ana Pastor], e isto que fago eu, non o fixo nin unha vez, dar explicacións", dixo. Ana Pastor compareceu no Congreso días despois do accidente, como fará Puente, pero nunca o fixo ante os medios de comunicación.
"A única comparecencia que fixo a ministra, na Comisión de Transportes, foi unha comparecencia de luva branca, que é o que fai a xente decente cando hai un accidente que involucra vidas humanas", engadiu Puente a respecto do trato que deu o PSOE a Pastor. "Iso é o que fixo o meu partido, e o que fago eu é dar a cara, que é o que non fixo Ana Pastor, que tivo a desgraza de ter un accidente con 80 mortos", concluíu.