O ministro Puente atribúe o accidente a unha orde errónea e "inexplicable" tras un fallo técnico

O ministro Puente intervén ante os medios tras o accidente ferroviario de Urda CC-BY-SA Sinal de TVE

O ministro de Transportes, Óscar Puente, atribúe as causas do tráxico accidente ferroviario de Urda a unha orde errónea dun técnico de Adif desde o centro de control logo dun fallo técnico: a caída informática do sistema de seguridade LZB nun tramo concreto. 

Puente cualifica de "inexplicable" que o centro de control autorizase ao AVE de Renfe a reiniciar a marcha con normalidade cun convoi de Iryo detido na vía

Puente, sen falar en ningún momento de erro humano, si chegou a cualificar de "inexplicable" que o centro de control de Adif autorizase o tren de alta velocidade de Renfe a reiniciar a marcha con normalidade cando o convoi de Iryo, co que acabaría batendo, estaba detido na vía. 

Foi, segundo o ministro, unha decisión desde o centro de control "a todas luces errónea" dun operario que está identificado e que, segundo adiantaron varios medios, foi ou vai ser interrogado por orde xudicial na investigación aberta para determinar as causas do sinistro que deixa polo menos 68 falecidos e máis de medio cento de feridos. 

Imaxes do accidente de Urda difundidas pola Garda Civil © © Garda Civil / Gravación de vídeo

O responsable de Transportes explicou que o accidente tivo lugar ás 8:53 e que foi, antes, contra as 8:30, cando o sistema de control LZB —que mantén unha comunicación constante entre a vía e o maquinista e detén o tren en caso de perigo ou fallo grave— caeu como consecuencia "dun fallo de comunicación entre ordenadores da rede". "Non é un fallo frecuente pero pode suceder, sucede ás veces e para iso están previstas as reaccións na normativa", engadiu. 

Un fallo técnico do sistema LZB detivo seis trens e o centro de control ordenou reiniciar a marcha pouco despois, tamén a do tren que tiña o Iryo na mesma vía e a velocidade normal e non limitada

O fallo afectou un tramo de 63 quilómetros, o que provocou que os seis trens que circulaban nel se parasen. Ao caer o sistema, explicou, "actívase un mecanismo que detén os trens" na zona afectada. Porque os fallos informáticos do LZB —sistema de control automático da liña Sevilla-Madrid, a primeira de alta velocidade en España, equivalente ao ERTMS activo no resto de posteriores liñas— están previstos no propio sistema e, no caso de ocorrer, provocan que todo se pare por seguridade. 

Logo, a decisión de reiniciar a marcha "non a toma o sistema, senón que ten unhas pautas". E faise dese o centro de control de Atocha, en Madrid: verifica a existencia de trens na vía e decide se reactivar ou non as rutas. 

Ás 8:36, tan só seis minutos despois do fallo técnico, e segundo Puente, desde o centro de control "tómase a decisión de que o tren que bate co Iryo reinicie a marcha con normalidade" e non en situación de "marcha á vista", que limita a velocidade ata un máximo de 40 km/h para que o maquinista poida deter a máquina se é preciso. 

"É isto correcto?", preguntouse o ministro. Atendendo ás súas palabras, claramente non. "Había un meta cero [situación para evitar calquera risco e problema] e o tren tiña que deterse obrigatoriamente segundo a regulamentación e os protocolos de Adif". 

Puente asegura que un dos maquinistas corrixiu ao centro de control nunha das ordes "equivocadas" ao mandarlle reiniciar a marcha a velocidade normal e non limitada

De feito, explicou Puente, desde o centro de control dáse a instrución de reiniciar a marcha a outros trens afectados, e a un deles "de maneira equivocada". É o maquinista deste convoi quen "corrixe" ao centro de control e advirte de que non se pode reiniciar a marcha "normal, senón á vista", con velocidade limitada. Foi unha das ordes "equivocadas" que se deron, dixo.

 "Mándase reiniciar ao resto de trens e hai un caso no que se ordena a marcha normal, cun tren diante e no mesmo cantón", resumiu. Faise, advertira, "nunhas circunstancias inexplicables". 

Vía equipada con sistema LZB CC-BY-SA Jailbird

"Non podería reiniciar a marcha con normalidade porque a vía estaba ocupada polo Iryo e cun sinal vermello que impedía a marcha", insistiu o ministro, que aclarou que, malia esas circunstancias, deuse a orde de que continuase o seu camiño. Logo, entre as 8:36 e as 8:53 nas que se produce o accidente, o AVE "percorre 25 quilómetros co tren Iryo detido, alcanzado unha velocidade que pode chegar a ser de 200 km/h, e tarda entre 15 e 17 minutos en bater co convoi". 

"Feitos irrefutables"

"Teñen un tempo máis que suficiente para corrixir o erro e non sucede", engadiu Puente, que asegura que non se sabe o que ocorreu desde que o tren AVE reiniciou a marcha e ata que bateu co Iryo.  

O ministro de Transportes, que sinalou claramente o erro dun técnico desde o centro de control. aclarou que non atribuíu "responsabilidades a ninguén" e que "será a investigación o que o fará". "Narrei feitos constatados" e "feitos irrefutables", dixo. "Foi un accidente verdadeiramente inverosímil", explicou. 

Ademais, e ao ser preguntado por se tiña pensado dimitir, Óscar Puente asegurou que non estaba pensando en si mesmo e que o quere é "clarexar todo isto e tratar de resolvelo". "O meu estado emocional é irrelevante, o que importa é o das familias, pero é bastante fácil entender cal é ", concluíu. 

Pedro Sánchez, comparecendo ante a prensa na zona do accidente ferroviario © Ministerio do Interior

"Se houbo neglixencias, saberase e se houbo fallos no sistema de seguridade, responderase con total contundencia", di Sánchez

Pola súa banda, en liña co expresado polo ministro de Transportes, na súa visita ao lugar do accidente o presidente do Goberno de España lanou a promesa de "esclarecer o que sucedeu" e "chegar ata o final" desta "traxedia". "Se houbo neglixencias, saberase e se houbo fallos no sistema de seguridade, responderase con total contundencia", afirmou Pedro Sánchez antes de lembrar motu proprio o acontecido no accidente de Adamuz hai apenas dez meses.

"Non é asumible para un país como España sufrir dous accidentes ferroviarios de alta velocidade nun mesmo ano como sufrimos", evidencia Sánchez, quen asegura medidas para "garantir aínda máis a seguridade", mais tamén para "reconstruír a confianza" na alta velocidade española. O titular do Executivo confirmou tamén a declaración de tres días de loito oficial na memoria das vítimas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.