Vítimas de Angrois ven "un insulto á intelixencia que se volva poñer o foco nun posible erro humano"

Baliza de control da velocidade dos trens na curva de Angrois © Adif

O presidente da Plataforma lamenta que tras accidentes como o de Santiago ou o de Adamuz "non se aprende porque non hai consecuencias políticas"

Segundo as primeiras informacións sobre o accidente de alta velocidade en Toledo divulgadas por medios como El País ou a Cadena SER, citando fontes gobernamentais, o choque entre trens produciuse porque ante unha avaría do sistema automático de control da liña Sevilla-Madrid (o LZB, equivalente ao ERTMS do resto de liñas de alta velocidade) un dos trens tería recibido unha orde errónea desde o centro de control de Adif en Madrid. Un suposto erro humano dun controlador contra o que se rebela o presidente da Plataforma de Vítimas de Angrois, Jesús Domínguez, que lembra que os erros humanos deben darse por suposto e que por iso deben existir distintos mecanismos redundantes de seguridade. 

Imaxes de arquivo de protestas das asociacións de vítimas do Metro de Valencia e do Alvia de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

En Angrois as autoridades apuntaron aos poucos minutos do accidente a un erro humano do maquinista do tren Alvia por non frear a tempo, pero a sentenza final do caso considerou que ademais dese erro humano había fallos de seguridade responsabilidade de Adif que non puideron ser atribuídos a unha persoa concreta. "É un insulto á intelixencia que se volva poñer o foco nun posible erro humano", lamenta Domínguez. "Os humanos equivócanse, antes ou despois, por iso hai sistemas e protocolos de seguridade", critica.

O presidente da Plataforma considera que o novo accidente na alta velocidade ferroviaria é froito de que tras os de Angrois e Adamuz o Estado non tomou as medidas necesarias. "Non se aprende porque non hai consecuencias políticas", di Domínguez, que considera que o ministro de Transportes, o socialista Óscar Puente, debe dimitir de xeito inmediato igual que o debeu facer en 2013 a daquela ministra popular Ana Pastor.

Lembranzas ás persoas falecidas na curva de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

 "Europa pediu facer unha nova investigación do accidente de Angrois e aínda non se fixo, e as análises de risco tardaron anos, pero aquí non pasa nada"

Domínguez lembra que tras o accidente de Angrois unha auditoría da Unión Europea evidenciou que en España non se estaban a investigar correctamente os accidentes ferroviarios e non se estaban a realizar adecuadamente as análises de riscos do sector. "Europa pediu facer unha nova investigación do accidente de Angrois e aínda non se fixo, e as análises de risco tardaron anos, pero aquí non pasa nada", lamenta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.