A investigación técnica de Angrois é unha "obriga" de España, insiste a UE

Violeta Bulc, Adina Vălean e Apostolos Tzitzikostas, sucesivos comisarios de Transporte que veñen deixando constancia de que España aínda non fixo unha investigación técnica de Angrois como esixe a normativa europea CC-BY-SA Imaxes: Comisión Europea | Montaxe: Praza Pública

Tras a denuncia das vítimas ante o Tribunal de Dereitos Humanos pola negativa de España a unha análise independente, a Comisión Europea reitera, por terceiro comisario consecutivo e a petición do BNG, pronunciamentos previos nunca atendidos

O accidente de Angrois ten desde o pasado xullo sentenza penal, pendente de recursos, que condena ao mesmo nivel ao maquinista do tren e a un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif. Porén, no eido técnico segue sen haber unha investigación independente conforme á normativa europea. A negativa de España a realizar esa investigación está a ser estudada desde comezos deste ano polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, tras unha denuncia da plataforma de vítimas, e agora a Comisión Europea, ante unha nova pregunta do BNG sobre esa cuestión, reitera que a "obriga" de realizar ese tipo de análises dos sinistros "recae plenamente nos Estados membros". É o terceiro comisario consecutivo de Transporte en dez anos que fai o mesmo pronunciamento.

Sede do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos en Estrasburgo © Consello de Europa

Un ano despois do accidente de 2013 a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, pensada non para buscar culpables como a causa penal senón para mellorar o sistema ferroviario, concluíu que o maquinista fora o único responsable do ocorrido en Angrois. Esa investigación técnica foi invalidada en 2016 pola Axencia Ferroviaria Europea por incumprir a normativa comunitaria xa que non analizou todas as posibles causas do accidente máis alá do despiste do maquinista e porque a CIAF non era independente cando a realizou. Esa crítica europea acabou facéndose pública en 2016 malia as manobras do Goberno de Mariano Rajoy en Bruxelas para ocultala ou minimizala, movementos revelados por Praza.gal.

A CIAF négase a realizar unha nova investigación conforme á normativa europea e o Goberno de España, tanto co PP como co PSOE, di que agora eses investigadores son independentes e non poden ordenarlla. Un bloqueo ao que a xustiza española non foi quen de dar resposta, o que levou á plataforma de vítimas a denunciar o caso ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. 

O novo comisario de Transporte, Apostolos Tzitzikostas, mantén a postura das súas antecesoras na última década, Violeta Bulc e Adina Vălean

Ante esta situación a eurodeputada do BNG Ana Miranda volveu preguntar á Comisión Europea, como adoita facer cada certo tempo, pola falta tantos anos despois dunha investigación técnica do sinistro acorde coa normativa comunitaria. 

A resposta da Comisión chega de man do novo comisario de Transporte Sostible, Apostolos Tzitzikostas, o terceiro que pasa polo cargo reiterando o que xa viñan dicindo durante a última década dúas predecesoras, Violeta Bulc e Adina Vălean.

Algunhas das respostas a vítimas ou BNG dos tres últimos comisarios de Transporte da UE, Bulc, Vălean e Tzitzikostas, sobre a falta dunha investigación técnica de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

A resposta comeza dicindo que "a Comisión toma nota" da información transmitida pola eurodeputada do BNG sobre a chegada do caso ao Tribunal de Dereitos Humanos. E salienta que o marco xurídico segue "sen cambios" polo que se remite á súa anterior resposta sobre a cuestión, en xuño do pasado ano, salientando que "a obriga de garantir que se leve a cabo unha investigación" ante un accidente grave "recae plenamente no Estados membros". 

A UE considera que España aínda non fixo a investigación técnica obrigada pola normativa comunitaria pero nin sucesivos gobernos nin o sistema xudicial foron quen de desbloquear a situación

A anterior resposta á que agora se remite a Comisión, emitida pola anterior comisaria de Transporte, Adina Vălean, salientaba tamén que o executivo comunitario "non ten competencias xurídicas para provocar que o organismo nacional de investigación inicie unha investigación formal". E remitíase á súa vez a unha terceira resposta anterior, de febreiro de 2023, na que a mesma Vălean recoñecía abertamente que "a recomendación da Comisión a España de reabrir a investigación do accidente de Santiago de forma totalmente independente non tivo éxito ata o momento".

Conclusións da comisión de investigación de Fomento sobre o accidente de Angrois e críticas que lle fixo a Axencia Ferroviaria Europea en 2016 CC-BY-SA Praza Pública

A constatación por parte do novo comisario Tzitzikostas do incumprimento de España da súa obriga súmase así a respostas similares das súas antecesoras Bulc e Vălean cando menos en xullo de 2017, marzo e novembro de 2020, agosto de 2022, febreiro de 2023 ou xuño de 2024. Incumprimento reiterado pola propia Axencia Ferroviaria Europea, varios de cuxos máximos responsables participaron en xullo de 2023 nun foro organizado polo BNG en Bruxelas con vítimas de Angrois no que insistiron en que segue sen haber unha investigación técnica correcta do sinistro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.