O director xeral de Transportes da UE ratifica por escrito que segue “en curso” un procedemento de infracción que “non se pechará a menos que as autoridades españolas aborden de maneira eficaz as cuestións propostas”
“A Comisión non logrou que España reabrira a investigación do accidente de Santiago. Polo tanto, mantemos a nosa opinión de que as autoridades españolas non levaron a cabo unha investigación totalmente independente de dito accidente”. Quen así se pronuncia é o director xeral de Mobilidade e Transportes da Comisión Europea, Kristian Schmidt, nunha carta con data do 29 de xullo á plataforma de vítimas de Angrois que ratifica por escrito o que lles trasladou verbalmente no encontro que mantiveron o pasado 13 de xullo en Bruxelas coa mediación da voceira do BNG en Europa, Ana Miranda. Unha carta que non vén derivada desa reunión, aínda que a cite, senón dunha queixa formal da plataforma ante a Comisión pola negativa de España a realizar unha investigación independente do sinistro.
A investigación penal do accidente de Angrois vai chegar a xuízo aínda en outubro, máis de nove anos despois. Nel están acusados ao mesmo nivel o maquinista do tren e un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif. Pero ademais da causa penal España tiña a obriga de realizar unha investigación técnica do sinistro, que rematou un ano despois poñendo o foco só no maquinista e que influíu nos primeiros pasos da investigación penal.
A investigación técnica oficial puxo o foco un ano despois do accidente só no maquinista, pero en 2016 a Axencia Ferroviaria Europea invalidouna e España aínda non fixo unha nova
Aquela investigación técnica foi invalidada en 2016 pola Axencia Ferroviaria Europea non só porque se centrara só no maquinista obviando outras eivas de seguridade senón tamén porque a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento que a realizara non era independente, como obrigaba a normativa europea. Desde aquela a Comisión Europea pediu en varias ocasións a España que fixese unha nova investigación, pero agora a CIAF foi reformada e considérase independente, o Goberno central di que xa non lle pode dar esa orde e os propios investigadores veñen negándose.
Ante esa negativa a sequera contestar ás súas peticións a plataforma de vítimas vén de obter unha vitoria xudicial parcial que obriga á CIAF a responder a solicitude. Se a decisión segue sendo negativa, a plataforma xa podería recorrer ante a xustiza unha decisión firme que consideran que vai contra a normativa comunitaria.
Esta situación aparece reflectida na carta do director xeral de Transportes, que admite que a Comisión Europea considera que a CIAF xa cumpre coa normativa europea e a súa falta de independencia pasada xa non afectará a “futuras investigacións”. Pero sobre a de Angrois insiste en que a Comisión Europea segue sen considerala ben feita, aínda que non ofrece alternativas.
Hai un ano a Comisión dixo que, debido á pandemia da COVID, España tivera que aprazar varias actuacións previstas para cumprir coas esixencias europeas
A carta do alto cargo europeo tamén ratifica por escrito, como lles dixera na reunión do pasado 13 de xullo, que a Comisión Europea segue mantendo aberto un procedemento de infracción contra España por non cumprir aínda o seu sistema ferroviario os requisitos da UE. No seu momento a propia Comisión Europea informou ao BNG, do que partira a denuncia contra España, de que unha das cuestións que estaba a analizar era a correcta avaliación de riscos ("proper risk assessment") por parte de España, cuestión clave na investigación penal sobre Angrois e pola que está acusado o cargo de Adif. Hai un ano a propia Comisión admitiu que, debido á pandemia da COVID, España tivera que aprazar varias actuacións previstas para cumprir coas esixencias europeas.