"Vencemos o Estado": vítimas de Angrois celebran a vitoria xudicial nun 12 aniversario aínda sen resposta política e técnica

Un tren Alvia pasa pola curva de Angrois nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Praza Pública

A plataforma de afectados esixe desculpas públicas de Sánchez, Feijóo, Blanco, Pastor "e de todos quen non cumpriron co seu deber"

No 12 aniversario do accidente de Angrois, con 79 persoas falecidas e 143 feridas, no primeiro ano no que xa hai sentenza penal que condenou ao mesmo nivel ao maquinista do tren e a un cargo de Adif, a Plataforma de Vítimas do sinistro fixo público un comunicado no que lamenta que "12 anos despois o Estado segue sen responder". 

Neste aniversario os afectados decidiron non celebrar a súa habitual manifestación pedindo xustiza, unha reclamación que xa non ten tanto sentido unha vez que xa hai unha primeira sentenza penal. "Sen medios nin recursos enfrontámonos e vecemos a un aparato de poder disposto a silenciarnos: gobernos, Fiscalía, Avogacía do Estado, etc.", salientan os afectados. Pero á espera de que esa sentenza se confirme e se execute, xa que están pendentes de resolverse diversos recursos contra ela, as vítimas seguen insistindo nas vertentes técnica e política do caso. 

Tras a condena penal do cargo de Adif hai case un ano, a plataforma de vítimas segue sen ver ningunha reacción por parte dos principais cargos políticos responsables do sistema ferroviario español tano cando ocorreu o accidente como na actualidade: "Pedimos que se retracten e pidan perdón: o presidente do Goberno, os ministros responsables, os partidos que participaron no encubrimento, e todos os que mentiron e sumaron máis dor ao sufrimento das vítimas. En especial, esiximos unha desculpa pública do señor Sánchez, Feijóo José Blanco, Ana Pastor e de todos quen non cumpriron co seu deber".

Pero máis alá da causa xudicial, as vítimas lembran que España segue sen realizar a investigación técnica oficial do accidente que esixe a normativa europea. Unha cuestión que desde comezos deste ano está a analizar o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Ademais, os afectados tamén reclaman "unha resposta política", logo de que a comisión de investigación política aberta en 2018 no Congreso dos Deputados nunca emitise as súas conclusións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.