O Tribunal de Dereitos Humanos analiza a negativa de España á investigación técnica de Angrois que esixe a UE

Sede en Estrasburgo do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos © Tribunal Europeo de Dereitos Humanos

Estrasburgo estuda un recurso da Plataforma de Vítimas por indefensión ante o rexeitamento do sistema xudicial español a entrar no fondo da cuestión do incumprimento por parte do Estado da lexislación comunitaria

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos é o último recurso da cidadanía dos países a el adheridos se consideran que a xustiza estatal non deu resposta aos seus dereitos. Iso é o que considera a Plataforma de Vítimas de Angrois, a quen o tribunal con sede en Estrasburgo vén de responder que analizará a súa demanda contra España por non realizar aínda unha investigación técnica do accidente do Alvia como esixe a normativa da UE. Un incumprimento que a Comisión Europea vén lembrando de xeito reiterado pero sobre o que a xustiza Española eludiu pronunciarse. 

Agora desde Estrasburgo as vítimas veñen de recibir resposta oficial que sinala que "o caso será sometido a exame do Tribunal [de Dereitos Humanos] tan pronto como sexa posible" nun procedemento que é "en principio, escrito" e no que non sería necesario que comparecesen persoalmente.

Vítimas de Angrois ante o Tribunal Supremo, que non entrou a valorar se a investigación técnica feita hai unha década foi incorrecta, como di a UE CC-BY-SA Praza Pública

Porque o accidente de Angrois, que o 24 de xullo de 2013 deixou 79 mortes, xa ten sentenza penal, que condena ao mesmo nivel ao maquinista do tren e a un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif. Pero no eido técnico segue sen contar coa debida investigación oficial que contribúa a evitar novos sinistros.

Un ano despois do accidente a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, pensada non para buscar culpables como a causa penal senón para mellorar o sistema ferroviario, concluíu que o maquinista fora o único responsable do ocorrido en Angrois. Esa investigación técnica foi invalidada en 2016 pola Axencia Ferroviaria Europea por incumprir a normativa comunitaria xa que non analizou todas as posibles causas do accidente máis alá do despiste do maquinista e porque a CIAF non era independente cando a realizou. Esa crítica europea acabou facéndose pública en 2016 malia as manobras do Goberno de Mariano Rajoy en Bruxelas para ocultala ou minimizala, movementos revelados por Praza.gal.

Tras desmontar aquela investigación, a Comisión Europea leva anos pedindo e constatando que España aínda non realizou unha análise técnica independente do accidente de acordo coa normativa europea. Pero os sucesivos gobernos tanto de PP como de PSOE argumentan que agora a CIAF xa si é independente e polo tanto non lle poden dar ordes. E a propia CIAF négase a realizar esa nova investigación porque mantén, en contra do que di a UE, que a feita hai unha década foi correcta.

Conclusións da comisión de investigación de Fomento sobre o accidente de Angrois e críticas que lle fixo a Axencia Ferroviaria Europea en 2016 CC-BY-SA Praza Pública

A UE considera que España aínda non fixo a investigación técnica obrigada pola normativa comunitaria pero nin sucesivos gobernos nin o sistema xudicial foron quen de desbloquear a situación

Ante este bloqueo e o silencio da CIAF ás súas peticións, a plataforma de vítimas recorreu á vía contencioso-administrativa para que a xustiza obrigase á comisión de investigación a facer a nova análise. Nunha primeira instancia o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid sentenciou en maio de 2022 que a CIAF tiña a obriga de responder a petición das vítimas, pero sen prexulgar o contido desa resposta. As vítimas recorreron ante o Tribunal Supremo, que en novembro de 2023 reiterou que debía ser a CIAF actual a que decidise libremente, como órgano independente que xa é, se abre ou non unha nova investigación sobre Angrois. 

Pero en ningunha desas sentenzas os tribunais analizan se a CIAF era independente cando emitiu a súa investigación de 2014 e se esta cumpre coa normativa europea. A Plataforma de Vítimas tampouco tivo sorte co último chanzo a nivel estatal, o Tribunal Constitucional, que inadmitiu a trámite o seu recurso.

Ante estas negativas a nivel estatal, o pasado outubro a Plataforma de Vítimas presentou recurso ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, alegando violación do seu dereito a un proceso xudicial con todas as garantías xa que "as resolucións ditadas non entran no fondo do asunto, e polo tanto, impiden o lexítimo dereito a un proceso equitativo coa práctica da proba solicitada". "Ningún dos tribunais anteriormente citados entrou a coñecer o fondo do asunto: que se leve a cabo unha investigación técnica independente, cumprindo co procedemento legalmente establecido", resumía a demanda das vítimas. 

Sede do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos en Estrasburgo © Consello de Europa

E agora o tribunal de Estrasburgo comunícalles que examinará o seu caso "tan pronto como sexa posible" nun procedemento "en principio, escrito" pero no que se podería chegar a invitar aos afectados a comparecer persoalmente. Para o avogado da asociación que leva esta causa, Antonio Benítez Ostos, director de Administrativando Abogados, "é un éxito absoluto que Europa decida revisar a actuación levada a cabo pola xurisdición española no que foi o accidente ferroviario máis grave da democracia. Esperamos obter unha resolución favorable que ordene ao Estado español a realizar unha nova investigación independente". 

"Máis de 11 anos, 4 gobernos e 5 ministros de Fomento e todavía non hai unha investigación técnica independente como reclama a UE", lamenta a Plataforma de Vítimas

Pola súa banda, a Plataforma de Vítimas salienta que "di moi pouco das nosas institucións e dos nosos gobernantes que aínda non se realizase a investigación independente que solicitou a UE reiteradamente. Máis de 11 anos, 4 gobernos e 5 ministros de Fomento e todavía non hai unha investigación técnica independente como reclama a UE".

Á espera do que poida decidir sobre a investigación técnica o Tribunal de Dereitos Humanos, a sentenza penal que condenou ao mesmo nivel ao maquinista e ao cargo de Adif foi recorrida por numerosas partes ante a Audiencia Provincial da Coruña, que aínda tardará meses en pronunciarse. Ademais, Adif e o seu cargo condenado piden unha nova vista pública que demoraría aínda máis esa revisión do caso, que aínda poderá ser recorrido novamente ante o Tribunal Supremo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.