A demanda de seis mozos contra 32 Estados tras o incendio de Pedrógão Grande é inadmitida polo Tribunal de Dereitos Humanos porque non esgotaron vías xudiciais en Portugal, pero recoñece o problema e noutro caso paralelo condena a Suíza pola súa inacción
O pasado setembro seis mozos portugueses de entre 11 e 24 anos expuxeron ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo unha demanda contra 32 Estados, incluída España, pola súa inacción climática. Os incendios de 2017 en Portugal, en particular o de Pedrógão Grande que deixou 66 mortes, levounos a esixir o cumprimento dos acordos internacionais contra o cambio climático. Vinculáronos co Convenio Europeo dos Dereitos Humanos que garante o dereito á vida ou o dereito á non discriminación, que vían vulnerado porque a súa xeración sufrirá as consecuencias do cambio climático en maior medida que xeracións anteriores.
O tribunal fixo pública este martes a súa decisión sobre o caso, que inadmite a demanda pero que recoñece que o problema do cambio climático é "existencial para a humanidade". Ao tempo, noutro caso paralelo dunha asociación de mulleres que denunciaban incumprimentos climáticos concretos de Suíza, o tribunal si lles dá a razón e condena a ese Estado.
A resolución do Tribunal de Dereitos Humanos feita pública este martes inadmite a demanda dos mozos portugueses porque, no caso das posibles responsabilidades de inacción climática de Portugal, non esgotaran as vías xudiciais de reclamación no seu propio país. E no caso da posible responsabilidade dos outros 31 estados polos efectos das súas inaccións climáticas sobre os seis mozos portugueses, o tribunal rexeita estender de xeito xeral a denominada "xurisdición extraterritorial" ou responsabilidade dos estados fora dos seus territorios ao entender que non había fundamentos no convenio de dereitos humanos para a interpretación que reclamaban os demandantes.
O tribunal di que "unha maior queima de combustibles fósiles en calquera parte do mundo" levará a "un empeoramento dos efectos do cambio climático a nivel mundial", pero rexeita o xeito en que os mozos portugueses demandaron a 32 estados
O tribunal admite que "o problema do cambio climático é de natureza verdadeiramente existencial para a humanidade, nun sentido que o distingue doutras situacións de causa e efecto". A súa resolución engade que "unha maior extracción ou queima de combustibles fósiles en calquera parte do mundo, máis alá do que pode compensarse nos sumidoiros naturais de carbono, conducirá inevitablemente a maiores concentracións de gases de efecto invernadoiro na atmosfera e, polo tanto, a un empeoramento dos efectos do cambio climático a nivel mundial". Pero matiza que "estas consideracións non poden por si soas servir como base para crear, mediante interpretación xudicial, un novo fundamento para a xurisdición extraterritorial ou como xustificación para ampliar os existentes".
Porén, ao tempo que emitiu esta resolución sobre a demanda dos seis mozos portugueses, o tribunal fixo pública tamén este martes outra sentenza sobre unha denuncia dunha asociación de mulleres suízas contra os incumprimentos climáticos concretos do seu Estado. E nese caso, o tribunal si considera probadas inaccións concretas e sentencia que Suíza vulnerou, polo tanto, os dereitos humanos das demandantes por non prestar a suficiente atención ao cambio climático.
"Precisamos que tomem acções e medidas que sejam urgentes, de forma que possamos ter o futuro que merecemos, um futuro seguro", reclamou en setembro ante o tribunal Cláudia Duarte
En setembro, na súa comparecencia en Estrasburgo, os seis mozos portugueses, André, Catarina, Cláudia, Mariana, Martim e Sofia, amosaron a súa indignación coa lentitude xeral dos Estados fronte ao cambio climático. “O que tentámos fazer foi marcar uma posição: dizer aos governos que estamos realmente desiludidos e precisamos que tomem acções e medidas que sejam urgentes, de forma que possamos ter o futuro que merecemos, um futuro seguro", dixo Cláudia Duarte Agostinho, de 24 anos, a máis vella do grupo.