En xuño de 2017, numerosos e pavorosos incendios afectaron varios puntos de Portugal. En Pedrógão Grande, a zona cero, as lapas levaron por diante milleiros de hectáreas e a vida de 66 persoas, deixaron máis de 250 feridos e escenas arrepiantes, con aldeas illadas e persoas atrapadas polo lume sen escapatoria.
Aquel suceso deitou luz sobre os graves efectos do cambio climático, que tornan en moito máis perigosos e frecuentes incendios moi daniños e incontrolables. Foi daquela cando seis mozos portugueses xuntáronse e decidiron actuar, presentando unha demanda contra os gobernos de 33 Estados —todos os da UE máis Noruega, Rusia, Suíza, Turquía, Reino Unido e Ucraína, que foi sacada da lista tras a invasión rusa— por inacción climática. Por non facer dabondo contra a crise climática que afecta gravemente o planeta e que afectará, se non se adoptan medidas máis contundentes, ao futuro da mocidade.
Os seis mozos, de entre 11 e 24 anos, foron escoitados este mércores no xuízo que se iniciou no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) de Estrasburgo, nunha xornada histórica e que pode crear un precedente no que ten que ver coa xustiza climática, xa que os ditames do devandito tribunal son vinculantes para os 46 países membros do Consello de Europa e crean xurisprudencia.
Os seis mozos foron escoitados este mércores no TEDH, onde sentaron 32 Estados por inacción climática: "Que tomem acções e medidas que sejam urgentes"
André, Catarina, Cláudia, Mariana, Martim e Sofia son os seis mozos que lograron procesar 32 Estados e que este mércores acudiron á vista en Estrasburgo. “Estes últimos seis anos foram repletos de desafios”, afirmou Cláudia Duarte Agostinho, de 24 anos, a máis vella do grupo, á chegada ao tribunal. “O que tentámos fazer foi marcar uma posição: dizer aos governos que estamos realmente desiludidos e precisamos que tomem acções e medidas que sejam urgentes, de forma que possamos ter o futuro que merecemos. Um futuro seguro".
Foi antes do inicio do proceso Duarte Agostinho e Outros v. Portugal e 31, onde os Estados foron os primeiros en presentar os seus argumentos nunha posición conxunta contra a acusación da rapazada: a falta de xurisdición, o non esgotamento das vías xudiciais estatais e a ausencia do estatuto de vítima dos mozos.
Desde os demandantes, como indica o TEDH, aseguran que os incendios forestais que se producen en Portugal cada ano desde 2017 "son consecuencia directa do quecemento global". Así, alegan un risco para a súa saúde por mor destes incendios, e aseguran que xa experimentaron patróns de sono alterados, alerxias e problemas respiratorios, que se ven agravados pola calor.
Os demandantes alegan que os 32 Estados, asinantes do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos, incumpren varias das obrigadas derivadas dos seus artigos
Tamén destacan que a mudanza climática "está a provocar tormentas moi potentes no inverno e manteñen que a súa casa, que está situada preto do mar en Lisboa, está potencialmente en risco de danos". Ademais, aseguran ter experimentado "ansiedade" causada por estes desastres naturais e pola perspectiva de "pasar toda a súa vida nun ambiente cada vez máis cálido", afectándoos a eles e ás futuras familias que poidan ter.
Os seis mozos portugueses denuncian que os 32 estados están a "incumprir" as obrigas derivadas dos artigos 2 (dereito á vida) e 8 (dereito ao respecto da vida privada e familiar) do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos e lembran tamén os compromisos adquiridos no Acordo de París de 2015 sobre a mudanza climática.
Ademais, alegan tamén unha violación do artigo 14 da mesma Convención —que alude á prohibición de discriminación— ao argumentar que o quecemento global afecta de maneira particular á súa xeración que, dada a súa idade, sufrirá unha perda de dereitos maior que xeracións máis antigas.
Entre outras cuestións, os seis demandantes consideran que os Estados "incumpriron as súas obrigas" en virtude da Convención de Dereitos Humanos, así como dos tratados climáticos asinados por cada un dos países, aos que acusan de "falta de medidas axeitadas" para limitar as emisións contaminantes globais.
O caso, levado pola Global Legal Action Network (GLAN) e presentado ante o TEDH en setembro de 2020, baseouse nesa teórica interferencia que a crise climática provoca neses preceptos que protexe a Convención Europea dos Dereitos Humanos. O tribunal aceptou a demanda e decidiu levar o caso pola vía rápida, ata que este mércores se iniciou o xuízo, celebrado na Gran Sala, composta por 17 maxistrados.
Na vista, tal e como informou o diario portugués Público, a avogada dos seis mozos, Alison Macdonald, explicou que o que os trouxo ao tribunal é "o prezo que están a pagar polo fracaso dos Estados" na acción climática. E denunciou que os gobernos están a argumentar que é un problema demasiado global e grande e, en definitiva, pedindo aos demandantes "que abandonen o TEDH coas mans baleiras". "Se o permiten, marcará a fin da protección efectiva dos dereitos humanos en Europa, tal e como fo concibida hai 70 anos". "Nada disto é política, é ciencia", insistiu.
Os seis mozos sentaron no tribunal 87 avogados en representación de máis de 30 gobernos para defenderse das acusacións por non facer dabondo contra o quecemento global
Logo de responderen xa antes da audiencia os Estados ás preguntas dos demandantes e aos requirimentos do tribunal, na vista deste mércores os avogados dos países tamén deron resposta a outras, ademais de pedir autorización para facelo por escrito e a través dunha posición común ás que aínda quedan. Os xuíces advertiron que deberán ser remitidas nun prazo de dúas semanas e que eles comezarán a deliberar sobre se admiten ou non o caso.
É o primeiro paso pero fundamental. Sexa como for, Gearóid Ó’Cuinn, director da GLAN, cre que o TEDH deu "sinais de que está a levar o caso moi en serio". "Hoxe tivemos un tribunal cheo, cos seis mozos e o seu equipo xurídico dunha banda e 87 avogados en representación de máis de 30 gobernos da outra, a contestar sistematicamente as reivindicación dos rapaces e dunha forma centrada en aspectos técnicos", dixo quen tamén asesora xuridicamente os demandantes.
Para a GLAN, esta actitude supón "un padrón", o de que os Estados "están a tentar fuxir ao escrutinio das súas políticas climáticas" ao centrar a súa defensa fundamentalmente nos "criterios de admisibilidade" ou non da demanda. Ningún refutou as probas presentadas, "as de que as súas políticas están a conducir, colectivamente, dun quecemento de 3 graos centígrados ou máis".