O informe técnico sobre Pedrógão pide mudar a política antiincendios polo cambio climático

Dous bombeiros ante o incendio en Portugal © Associação Bombeiros para Sempre

Xa hai ditame. A comisión técnica independente que avaliou os tráxicos incendios acontecidos no mes de xuño en Portugal entregou este pasado xoves o relatorio á Assembleia da República. Por mandato da Cámara lusa, doce expertos avaliaron a orixe, causas e circunstancias das lapas que en varios lugares, nomeadamente en Pedrógão Grande, levaron por diante milleiros de hectáreas e a vida de 64 persoas. Entre eles, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Edelmiro López, único investigador europeo non portugués que participou durante estes tres últimos meses nun traballo que será analizado nun Consello de Ministros extraordinario convocado ad hoc.  

A comisión técnica de expertos, cun galego nela, entregou esta semana un completo informe sobre o incendio de Pedrógão Grande

O informe, de case 300 páxinas, analiza con detalle como sucedeu o tráxico incendio, as eivas e erros que provocaron tal desgraza e establece unha serie de recomendacións para evitar situacións semellantes. En resumo, os expertos advirten de que fallou case todo na loita contra aquel tráxico incendio que, ademais, reuniu todos os condicionantes meteorolóxicos, orográficos e poboacionais para rematar en traxedia. Pero ademais, deixa unha conclusión clara: "os sistemas atuais de combate a incêndios não estão preparados para enfrentar um novo problema com raiz nas alterações climáticas". O cambio climático obriga a mudar a loita contra o lume

O incendio de Pedrógão Grande, tal e como certifica o estudo, "foi causado por descargas a partir da rede de distribuição de energia". Queimou case 29.000 hectáreas e é o segundo meirande de sempre en Portugal desde que hai rexistros e "muito provavelmente aquele que libertou mais energia e o fez mais rapidamente, exibindo fenómenos extremos de comportamento do fogo". Para entendelo, un só dato: queimou arredor de 4.500 hectáreas en tan só unha hora

O incendio "foi causado por descargas a partir da rede de distribuição de energia" e queimou case 29.000 hectáreas

O comité de expertos intenta responder á pregunta que todo o mundo se fai: como foi posible esa virulencia do lume? Para comezar, o territorio onde se espallou ten un "relevo ondulado e continuidade forestal", o que favorece grandes incendios. Ademais, chegou logo dunha vaga de calor longa, tras unha primavera seca e moi quente e logo dun inverno tamén seco. Xa que logo, a humidade da vexetación era "bastante baixa para a época": un combustible preparado para arder... E moito. Pero aínda así, foi excepcional. Por que? Pola sinerxia destes varios factores: "vegetação em estado adiantado de secura; atmosfera muito instável com perfil de humidade conducente a fenómenos convectivos vigorosos e fortes correntes de ar descendente; e o efeito da frente de rajada na velocidade de propagação, energia libertada e capacidade do incêndio para gerar focos secundários". 

A columna de lume colapsou e provocou chuvia de fogo e o desprazamento das lapas a 15 km/h: "Daí resultou a maioria das vítimas mortais"

Os expertos fan referencia a ese fenómeno, semellante á tormenta ígnea, que provocou que a columna de lume medrase moito en altura ata formar un "pirocúmulonimbo": o lume torna tridimensional e interactúa coa atmosfera provocando turbulencias. "Pouco tempo após as 20 horas a coluna de convecção colapsou, originando uma forte corrente de ar descendente (downburst) que fez avançar subitamente as frentes de chama e produziu uma chuva de projeções", explica. O resultado, o desprazamento das lapas a 15 km/h durante uns dez minutos. "Daí resultou a maioria das vítimas mortais", aclara o informe sobre o fogo que acabou por atrapar ducias de persoas. Percorreu 2,5 quilómetros en menos dun cuarto de hora. 

File:Incêndios Pedrógão Grande 2017-06-18 (01).png

 

Monte abandonado e sen limpar

Á hora de determinar o que fallou, o informe é amplo. De inicio lembra que o monte que ardeu é esencialmente extractivo, polo que é "residual" a xestión do monte. Ademais, lembra que a creación de faixas de protección ás casas e á rede viaria foi "muito limitada e incompleta". As accións de xestión previstas nos planos municipais contra incendios só fora aplicado nun 1,4% do territorio forestal e só no 0,6% do Pedrogão Grande; e nunha das zonas onde se creou o fogo "não havia “limpeza” do combustível sob a linha de média tensão". En definitiva, monte sen traballar, pouco limpo e con cortalumes escasos. 

Os expertos advirten dun monte abandonado, sen limpar e cortalumes escasos ao carón das casas

No resumo do informe, ao que tamén tivo acceso Praza.gal, aclárase que as condicións e previsións existentes para aquel 17 de xuño advertían do risco e "justificariam plenamente um nível elevado de prontidão da resposta". Pero, como lembra, os postos de vixilancia máis achegados "não estavam ativos" e a vixilancia móbil estaba "limitada aos sapadores florestais". Ademais, os medios dispoñibles eran "insuficientes" para as condicións do día "dado o tempo decorrido desde a ignição". "Não tendo o fogo sido extinto rapidamente após a eclosão o seu controlo tornou-se progressivamente mais difícil", di o relatorio, que engade que, malia non mobilizarse todos os medios, logo das 16 e 17 horas, "a probabilidade de contenção do incêndio seria sempre reduzida, mesmo na presença de ataque ampliado reforçado e bem organizado".

O comité asegura que a evacuación e preparación desta debería terse activado xa sobre as 16 horas

Por iso, destacan os expertos que "do ponto de vista da efetividade das operações de controlo do incêndio são comparativamente pouco relevantes as deficiências identificadas no comando e gestão da operação de socorro e as dificuldades de comunicação". Pola contra, as catastróficas consecuencias "não são alheias às opções táticas e estratégicas que foram tomadas". Segundo din, as necesarias e prioritarias medidas de protección civil (evacuación e preparación desta) "deveriam ter sido equacionadas logo às 16-17 horas e cumpridas a partir das 18 horas".

O informe resume así que a "insuficiente prontidão dos meios de pré-supressão e combate face às condições meteorológicas e a consequente resposta desajustada à ocorrência estão na génese da tragédia". E destaca que esta "incapacidade" en recoñecer o risco e responder en tempo e axeitadamente a el é "uma característica intrínseca do sistema nacional de combate a incêndios, devido à rígida calendarização dos recursos disponíveis e à inexistência de conhecimento especializado". Un ditame que non está moi lonxe das críticas que outras políticas contra o lume, tamé en Galicia, reciben acotío. 

O informe advirte da "incapacidade" en recoñecer e responder ao risco é algo "intrínseco ao sistema nacional contraincendios"

Os expertos conclúen que o incendio de Pedrogão Grande é "um caso especial de superação do potencial previsível de propagação ao exibir duas alterações de comportamento": a primeira, a alteración da dirección e a rápida evolución do lume, algo que era posible "antecipar" se houbese acompañamento en tempo real das condicións meteorolóxicas e dos incendios activos. Pero, din, o sistema non dispón de operacionais especializados en  meteroloxía aplicada a incendios nin integra a análise de incendios no apoio á decisión. A segunda, a modificación do comportamento do lume e o devandito colapso da columna "não poderia ser prevista por nenhum serviço de emergências em Portugal ou na Europa".

Os expertos "urxen" a "substituír a lóxica de 'máis medios' pola lóxica do coñecemento e da proactividade"

En conclusión, aquel tráxico incendio foi un "exemplo" e un "aviso" de "como os sistemas atuais de combate a incêndios não estão preparados para enfrentar um novo problema com raiz nas alterações climáticas". Por iso din que "urge entender o fenómeno", asumindo as leccións aprendidas e "adaptando as estruturas de proteção civil para adquirir capacidade de antecipação e planeamento, substituindo a lógica de 'mais meios' pela lógica do conhecimento e da proatividade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.