Dous dos maiores incendios da actual vaga de lume —e de toda a historia— en Galicia comezaron en zonas de alto risco e en núcleos onde a Xunta realiza "un seguimento exhaustivo" das actividades no territorio e "intensifica as actuacións de vixilancia e disuasión" ante as lapas.
O incendio de Chandrexa iniciouse en Requeixo, sinalada como parroquia de alta actividade incendiaria, onde se intensifica a "vixilancia" e se aplican "medidas extraordinarias" de prevención e protección
O gran fogo de Chandrexa de Queixa, no que confluíron varios focos, arderon 17.500 hectáreas e que era ata este luns o máis grande documentado nunca, orixinouse o pasado 8 de agosto en Requeixo, incluído este ano na listaxe de Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI). Unha de entre as 26 que conforman un grupo de núcleos "en zonas declaradas como de alto risco que, polo número de incendios forestais reiterados ou pola súa gran virulencia", precisan "medidas extraordinarias de prevención de incendios e de protección dos montes fronte aos impactos producidos por eles", tal e como explica a lei de Montes.
Unha listaxe que se renova cada ano e na que está tamén —e estivo nos últimos anos— a parroquia da Granxa, en Oímbra, onde comezou o terceiro incendio máis importante desta vaga e da historia de Galicia, que acabou xuntándose con outro de Xinzo e que leva queimadas máis de 15.000 hectáreas.
Tal e como explica o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) deste 2025, a de Requeixo foi unha das dúas parroquias que se incorporaron á listaxe de PAAI do ano anterior, da que saíron 16, ata quedar en 26, 24 delas xa incluídas en 2024.
Segundo os datos facilitados pola Consellería do Medio Rural, en seis destas 26 parroquias —sinaladas como de alto risco e onde se reforza a vixilancia e a disuasión ante o lume— houbo incendios este ano. Ademais dos dous grandes de Chandrexa de Queixa e Oímbra, declaráronse fogos en Randín (Calvos de Randín), Cures (Boiro), Tállara (Lousame), San Millao (Cualedro) e Requiás (Muíños). E outro dos focos máis importante da actual vaga, o que en Maceda queimou unhas 3.500 hectáreas, comezou en Castro de Escuadro, núcleo que estaba incluído no grupo de PAAI o pasado ano.
En 8 das 26 parroquias con especial vixilancia houbo incendios este ano; o de Oímbra, un dos maiores, iniciouse noutro destes núcleos: A Granxa
Máis aló dunha maior vixilancia e disuasión nesas parroquias, a inclusión na listaxe de PAAI supón tamén un "control exhaustivo das axudas públicas concedidas", así como que non se concedan "autorizacións extraordinarias para a práctica do pastoreo nos terreos queimados".
Ademais, a poboación das parroquias de alta actividade incendiaria son prioritarias, por exemplo, nas accións formativas que a Xunta leva a cabo en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, como no caso dos cursos que ten programados para o bienio 2025-26. Nestes, o obxectivo é preparar a veciñanza "para afrontar situacións de risco coas mellores garantías de seguridade", especialmente nestes núcleos sinalados.

Reiteración e virulencia
A listaxe de PAAI vai mudando cada ano e nela inclúense localidades segundo varios criterios. O primeiro deles abrangue aquelas parroquias que tiveron en media anual sete incendios ou máis nos últimos anos, mentres que o segundo inclúe as localidades con dous fogos ou máis maiores de 200 hectáreas nos últimos dez anos e nas que a superficie total media por incendio sexa igual ou superior ás 9 no mesmo período.
Requeixo, parroquia onde se iniciou o que é o segundo incendio documentado máis grande da historia de Galicia, entrou este ano na listaxe logo de saír en 2024 ao cumprir co criterio referido á virulencia dos fogos. O indicador que marca o Pladiga sitúa en algo máis de 47 hectáreas a media de superficie por lume na última década.
Ademais, nesta parroquia houbo 14 incendios diferentes nos últimos cinco anos e na última década ardera unha superficie total de case 700 hectáreas, cifras que quedan en case nada en comparación coa dimensión do calcinado na actual vaga, que todo indica que foi provocado.
No caso da Granxa, en Oímbra, foron seis os incendios sufridos nos últimos cinco anos e preto de 500 as hectáreas ardidas na última década. Ata este fatídico verán. No caso deste fogo, un home foi detido e ingresado en prisión provisional comunicada e sen fianza por imprudencia grave. Todo indica que o lume que queimou máis de 12.000 hectáreas prendeu por mor das tarefas de limpeza e roza que esta persoa levaba a cabo cun tractor malia o índice de risco extremo vixente naquela altura.