A loita contra as lapas da veciñanza de Chandrexa: "Sabemos por onde vai vir o lume e por onde saír"

Incendio en Chandrexa de Queixa CC-BY-SA AT BRIF

"Ninguén nos preguntou nada, pero estamos preparados. Temos o noso propio plan de evacuación, comezando pola xente maior da aldea", conta Raquel de Acevedo, unha aldea de Chandrexa de Queixa á que aínda non chegou o lume

Son as tres da mañá e o lume permanece activo no horizonte. Raquel, veciña da aldea de Acevedo, no municipio de Chandrexa de Queixa, vixía o avance das lapas pola serra adiante xunto a unha trintena de veciñas e veciños. Saben que se o incendio que afecta dende o 8 de agosto a este concello da comarca da Terra de Trives cruza o río Navea, tardará menos de dúas horas en chegar ao pé das súas casas.

“Ninguén nos preguntou nada, pero estamos preparados. Temos o noso propio plan de evacuación, comezando pola xente maior da aldea, e unha casa preparada para levalos alí. Sabemos por onde vai vir o lume se atravesa o río e por onde saír. Se miras agora a fachada da miña casa parece un expositor: temos colgadas as botas, os monos de traballo, os pallastros, todas as mangueiras estendidas...”, conta Raquel a Praza.gal mentres fai a comida.

A vida non para, nin sequera cando o lume ameazou xa varias veces as casas das aldeas de Vilar, Senra, Taboazas, Espasa, Zamorela, Requeixo, Bretelo, Forcadas, Parafita, Chao, Casteligo e Paradaseca durante estes días nos que case ninguén concilia o sono en Ourense.

Na madrugada do mércores 13 ao xoves 14 tiña toda a traza de que o lume ía atravesar o río Navea e chegar ata Acevedo “e de aí xa pode non parar ata o río Sil”, como alerta Raquel. “O río agora vai case seco, é un paso. Vendo isto, non sería necesario que un axente forestal ou algunha mente pensante se achegase ata aquí e falase coa veciñanza que está nesta situación de estrés desde hai unha semana vendo como arde toda a serra?”, pregúntase. A veciña de Acevedo conta que esa noite viron pasar moitos helicópteros, pero que ningún deixou caer auga sobre a súa serra.

“Neste punto, e mira que é horrible que eu diga isto, podería entender que den por perdida a serra de Queixa e se centren en salvar as aldeas e as casas”, di con pesar esta veciña de Acevedo

“Neste punto, e mira que é horrible que eu diga isto, podería entender que den por perdida a serra de Queixa e se centren en salvar as aldeas e as casas”, di con pesar Raquel, que necesita explicar que as causas deste gran lume, que se vén de unir ao do Macizo Central ourensán superando as dez mil hectáreas queimadas, veñen de moi atrás: “Antes os pobos estaban cheos de xente con gando e todo estaba limpo, había cortalumes naturais. A xente foi marchando, cada vez hai menos animais pero ninguén fai nada, todo segue como cando aquí vivía moita xente que se ocupaba do terreo. Así claro que arde a terra, e arde moi profundamente porque nada llo impide, porque a maleza avanza de forma imparable mentres ningunha Administración pública fai nada en materia de organización do territorio ou xestión forestal”.

Todo o gando de Chandrexa de Queixa vai pastar á serra en primavera. “Que imos facer agora?”, exclama Raquel, que pide desculpas pola carraxe que sente ao falar da impotencia das veciñas e veciños. “Tal e como están agora as leis, nas terras queimadas non se pode pastar durante catro anos. Se cando a chegue a primavera non hai alternativa ningunha en dous anos pechamos e marchamos de aquí. Supoño que algo inventarán... Agora mesmo a xente sobrevivirá coa forraxe acumulada do inverno e tirando do penso, que seguro subirá de prezo. Vin onte unha imaxe de todas as vacas que lograron reunir os gandeiros concentradas na pista de esquí da estación de Manzaneda, déronme moita pena as vaquiñas, pero polo menos os gandeiros conseguiron salvalas. A ver que sucede agora...”, razoa.

Persoal da UME despregado no incendio de Chandrexa de Queixa este xoves © Delegacion do Goberno de España en Galicia

"De verdade que ninguén pensa que sería bo falar coa xente que leva aquí toda a vida para saber mellor como enfrontar os incendios?", pregúntase Raquel

Raquel conta que a moitos dos pobos non chegou ninguén e que se defenderon das lapas cos seus propios medios. Nunha aldea de Chandrexa foron un matrimonio e a súa filla de vinte anos os que defenderon as casas. “Alguén terá que dirixir isto”, afirma a ourensá. “Son consciente de que a situación é moi complexa, pero non vexo os medios que din que están traballando; non nego que estean, pero falta coordinación e información á veciñanza das zonas afectadas. Meu pai pasou moitos días no monte apagando lumes e cada noite é quen de predicir o que vai pasar ao día seguinte, de verdade que ninguén pensa que sería bo falar coa xente que leva aquí toda a vida para saber mellor como enfrontar os incendios?”, manifesta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.