A vaga de incendios que asola a provincia de Ourense arrasou en poucos días arredor de 22.000 hectáreas, concentradas sobre todo nos concellos de Chandrexa de Queixa —cun gran fogo aínda sen control que arde desde as primeiras horas da tarde do venres—, Maceda. A Mezquita e Oímbra.
No que vai de ano xa arderon máis de 25.000 hectáreas en Galicia, máis da metade en tan só dous días
O lume provoca o caos na provincia ourensá, con varios desaloxos, evacuacións, confinamento de poboacións e cortes de estradas e vías férreas, estando cortada aínda a comunicación por tren coa Meseta. Centos de brigadistas, medios aéreos e voluntarios traballan nunha extinción na que colabora tamén a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e que as condicións climatolóxicas fan moi complicadas.
A prolongada seca das últimas semanas, unida ás altas temperaturas, aos fortes refachos de vento e ao difícil acceso a algunhas zonas elevadas fan moi difícil deter as lapas. No fondo, a dispersión da poboación, a xestión forestal, a orografía e o abandono rural, unido ás consecuencias dun cambio climático que fan máis virulentos e perigosos os focos, tamén para os núcleos de poboación, provocando confinamentos, desaloxos e evacuacións, e mesmo causando feridos, como no caso de tres brigadistas en Oímbra.
Só nos últimos días, desde que o venres prendera o Grande Incendio Forestal (GIF) de Chandrexa de Queixa, son máis de 22.000 hectáreas ardidas; nos dous últimos días, entre o 12 e o 13 de agosto, preto de 17.000. No que vai de ano, concentradas moi maioritariamente no verán, as lapas queimaron máis de 25.000 e, tendo en conta unicamente o mes de agosto, alcanzáronse as 24.000.
Supoñen, tendo en conta que hai que engadir fogos dos que a Xunta non informa por non superar as 20 hectáreas, case o triplo que as dos dous últimos anos xuntos —2023 e 2024—, cando o lume arrasara arredor de 9.400 en dous anos que destacaron por ser nos que menos superficie foi calcinada. En tan só dous días, a superficie ardida practicamente dobra a deses dous exercicios.
O pasado 2024 foi, con 2.644 hectáreas, o terceiro ano con menor superficie ardida en incendios forestais nos montes galegos dende que hai datos comparables, só por tras de 2014 (1.991) e 2018 (2.599). En 2023 foron arredor de 6.800 as calcinadas.
Na banda contraria están catro exercicios dos anos 70 e 80 do século pasado, con máis de cen mil hectáreas anuais arrasadas. E, máis ou menos próximos a aqueles catastróficos rexistros, as 95.000 hectáreas de 2006 ou as máis de 60.000 de 2017, nestes últimos dous casos produto de vagas de lume concentradas en moi poucos días.
Segundo os datos da Xunta, as 20.000 hectáreas arderon en pouco máis de medio cento de incendios
A media de superficie ardida en Galicia na última década, entre 2015 e 2024, sitúase en algo máis de 18.500, unha cifra xa superada este ano e, concretamente, no mes de agosto polas condicións meteorolóxicas e a virulencia dun lume que avanza se control.
En canto ao número de incendios, as algo máis de 2.600 hectáreas que arderon en 2024, nun ano anómalo pola escaseza de lume, foron debido a 755 incendios. En 2023, segundo os datos da Consellería do Medio Rural, foron 908 fogos os que provocaron a queima de 6.800 hectáreas.

Neste 2025, e segundo as cifras que facilita a Consellería do Medio Rural —que só informa dos fogos que superan as 20 hectáreas ou afectan parques naturais ou núcleos de poboación— as 20.000 hectáreas afectadas arderon en só 50 incendios.
O Pladiga (Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia) para este 2025 resalta que "as principais causas" do lume "en canto á superficie afectada" están "en gran parte determinadas por circunstancias estruturais tanto de dispersión da poboación, xestión forestal, orografía e socioloxía" como polo "abandono do poboamento rural". A comezar "polo réxime da propiedade da terra, con máis de dous terzos do solo forestal" en "montes de titularidade privada moi disgregado e heteroxéneo".
A este feito, indica o documento elaborado dende Medio Rural que recibiu o visto e prace do Goberno galego en pleno, "súmase a herdanza do resultado dunha política de (re)forestación non dotada en ocasións dunha conveniencia propia" en canto a "especies arbóreas, distancia e xestión". "Todo isto —agrega— acompañado por unha rexeneración do estrato vexetal moi abondosa e vigorosa" por mor da meteoroloxía e outras condicións do territorio galego, "convertendo este manto en combustible cun alto grao de ignición e propagación" que "favorece" situacións "complexas" como "reproducións" dos incendios, "multiplicidade de focos" ou "rápido avance das lapas".reas.
"O crecente consumo de enerxías coma o gas, o petróleo e a electricidade e o aumento das explotacións gandeiras intensivas fixeron que as actividades tradicionais do monte diminuísen en gran medida" e isto tamén contribuíu a un "aumento significativo da biomasa vexetal" ata virar os montes en "grandes reservas de posible combustible para os incendios forestais". Así, resalta, "décadas atrás os incendios eran máis recorrentes, pero menos destrutivos" porque "a biomasa acumulada era menor, ao igual que a continuidade horizontal e vertical dos combustibles".
O Pladiga 2025 detense en maior medida no acontecido no monte galego na última década, entre 2015 e 2024. E neste punto tampouco figura por ningures a teoría da trama organizada ou terrorista que fora defendida pola Xunta e mesmo o Goberno do Estado anos atrás, malia evidenciar que case o 75% dos case 13.000 incendios dese período foron intencionados e supuxeron máis do 65% da superficie ardida nese tempo, algo máis de 122.000 hectá