A 'Operación Centinela' implica despregar 35 patrullas militares para "misións de vixilancia e disuasión" fronte aos incendios nunha corentena de concellos. A Xunta finánciaa con algo máis de medio millón de euros
A finais de xullo o Boletín Oficial do Estado publicou a reedición do convenio entre o Ministerio de Defensa e a Xunta para que patrullas militares colaboren para "previr incendios forestais". Trátase de "35 patrullas terrestres e dous equipos de mantemento móbil" aos que o Goberno galego encomenda "misións de vixilancia e disuasión" dentro da chamada Operación Centinela nunha corentena de concellos.
O acordo entre ambos gobernos, asinado o 17 de xullo, non difire no substancial dos de anos anteriores, alén dun incremento de custos. A Xunta comprométese a achegar ata 551.937 euros, fronte aos 469.604,41 de 2024. Ata 394.029 están destinados a persoal do Exército de Terra, 87.588 para efectivos da armada e 70.320 para combustible dun dispositivo que prevé estar activo entre o 15 de agosto e o 30 de setembro.
Os militares chegarán así aos montes galegos, segundo asinou a Xunta, tres semanas despois de que desde o 28 de xullo o Goberno galego veña dando conta de novos incendios diarios nunha serie ininterrompida que xa levaba queimadas ata este mércores máis de 16.000 hectáreas.

O que persiste sen cambios na activación deste acordo é a imposición do monolingüismo en castelán. "En todas as comunicacións oficiais, tanto verbais como escritas, que vaian dirixidas ás Forzas Armadas involucradas nesta colaboración e que teñan relación co servizo, utilizarase sempre o castelán", indica o documento. Asemade, agrega, "en caso de discrepancia lingüística entre versións do texto" do propio convenio, "para a súa interpretación prevalecerá a súa versión en castelán".
Defensa impón usar "sempre o castelán" en "todas as comunicacións oficiais" ás Forzas Armadas que participan na operación. Faino apelando a unha orde de 1987 que en realidade si permite usar o galego
Para incorporar este precepto Defensa alude á orde ministerial que en 1987 regulou "o uso das linguas oficiais das comunidades autónomas na Administración Militar". Esa orde indica que "en todos os actos e relacións de servizo no seo das Forzas Armadas se utilizará sempre o castelán" con independencia de quen "sexan os destinatarios das ordes, comunicacións ou notificación e da comunidade autónoma na que se realicen".
Pero o certo é que a devandita norma de hai case catro décadas di algo máis. Tamén especifica que "os escritos redactados na lingua oficial e propia dunha comunidade autónoma que se dirixan á Administración militar por particulares, corporacións públicas ou institucións de autogoberno pertencentes a aquela terán plena validez e eficacia". E se se "refiren a cuestións que teñan que resolverse fóra do ámbito da comunidade autónoma" pero "se presenten dentro do seu propio territorio, de oficio procederase á súa tradución".

Do mesmo xeito, esa orde especifica que "os documentos ou certificacións" na "lingua propia e oficial dunha comunidade autónoma" que sexan emitidos por "autoridades e organismos radicados nesta" serán "admitidos pola Administración Militar nos expedientes administrativos" que teñan que resolvese no territorio autonómico en cuestión. E, asemade, "procederase á súa tradución cando deban ter efectos fóra do ámbito lingüístico.
Agrega, ademais, que "no caso de relacións verbais entre particulares e centros ou dependencias da Administración militar con sede nunha comunidade autónoma con lingua propia, os primeiros serán atendidos, á súa elección, en castelán ou na lingua da comunidade". "Excepcionalmente e atendido o grao de dificultade da consulta", especifica, "o representante da Administración Militar poderá solicitar de quen a realice a súa colaboración para formulala por escrito, poñendo á súa disposición os medios" para facelo.
Desta maneira, unha ollada ao convenio de 2025 e á orde de 1987 na que di basearse permite concluír que, en realidade, o documento actual restrinxe moito máis o uso do galego que a disposición orixinal. Porque a orde dos 80 si permitiría á Xunta dirixirse aos efectivos militares tamén en galego.