Defensa boicotea a comisión de incendios do Parlamento malia cobrar medio millón anual por participar no dispositivo

Membros da UME, con Rajoy e Feijóo durante a vaga de incendios de outubro de 2017 © Goberno de España

Dende finais de xaneiro está en marcha no Parlamento de Galicia a comisión de estudo que aborda o acontecido na vaga de incendios que o pasado outubro arrasou unhas 50.000 hectáreas en apenas dous días e avalía posibles vías de futuro para a política forestal galega. Este órgano parlamentario ten como guieiro o plan de traballo aprobado na propia comisión, que definiu a documentación que manexará e as persoas que chamará a comparecer. Unha das comparecencias solicitadas, neste caso por petición do PP, foi a dun "representante" da Unidade Militar de Emerxencias, unha forza do Exército creada en 2007 para intervir en situacións de "grave risco, catástrofe, calamidade ou outras necesidades" e que reforza o dispositivo contra incendios nas vagas de lume de maior gravidade. Dado que a UME actuou durante os incendios de outubro e noutros anteriores o Parlamento pretendía que achegase información sobre a súa actuación na materia, pero negouse.

A petición da Cámara galega foi canalizada nos primeiros días de marzo a través do Ministerio de Defensa, departamento do Goberno central que cada ano asina un convenio coa Xunta para colaborar no combate dos incendios forestais, acordo que na última década sumou unha achega de case 6 millóns de euros das arcas galegas ás estatais e que nos últimos tempos vén supoñendo algo máis de medio millón anual. A resposta da UME, remitida tamén polo Ministerio, entrou hai menos dunha semana no Rexistro parlamentario e o propio departamento dirixido por María Dolores de Cospedal indicaba que escribía para "declinar o convite a dita comparecencia".

Carta remitida da UME remitida polo Ministerio de Defensa ao Parlamento anunciando a negativa a comparecer  

Na comunicación do Ministerio incluíase unha carta asinada por Miguel Alcañiz Comas, tenente xeneral xefe da UME. Nela acusa recibo da "comunicación" na que o lexislativo galego "convidaba a comparecer a un membro desta Unidade" ante a comisión de estudo -non de investigación- sobre os incendios forestais, a política forestal e a prevención e extinción do lume. "Dende esta Unidade e dende todas as Forzas Armadas", di a carta, "temos o maior dos respectos polos labores dos parlamentos autonómicos e as súas comisións de estudo", declara. No entanto, di, "por motivos obvios" de "ámbito competencial e de dependencia e suxeición administrativa, lamento ter que declinar o ofrecemento".

Os pagamentos da Xunta ao Exército para previr os incendios

A "dependencia e suxeición administrativa" á que o tenente xeneral da UME alude para non acudir ao Parlamento non é outra que a do Ministerio de Defensa, que na última década recibiu case 6 millóns de euros do Goberno galego para prevención de incendios

A "dependencia e suxeición administrativa" da UME en última instancia non é outra que co propio Ministerio de Defensa, que dende comezos de século colabora coa Xunta en materia de incendios previo pacto de financiamento por parte de Galicia. Esta relación entre ambas Administracións foi reformulada tras a vaga de incendios do verán de 2006, a peor en vinte anos, coa sinatura dun novo protocolo de actuacións, con novas definicións de niveis de risco e dispositivos que veñen sendo concretados en convenios anuais. 

O convenio máis recente, o de 2017, tivo un financiamento inicial de case 570.000 euros públicos procedentes da Consellería de Medio Rural, e implica o "despregamento operativo de patrullas terrestres" do Exército nos montes galegos coa "misión de vixilancia e disuasión, compostas por militares sobre vehículo e medios aéreos" que contan ademais con instrumental achegado pola Xunta. No nivel máis alto de risco o acordo contempla ata 75 patrullas militares e 2 helicópteros. Deixa aberta a porta a achega de máis medios sempre e cando a Xunta pague máis e sempre coa condición de que calquera desperfecto causado polos corpos militares sexa sufragado tamén polo Goberno galego. Non detalla, tampouco, as intervencións excepcionais da UME.

Esta non é a primeira vez que o Goberno central boicotea unha comisión do Parlamento de Galicia, aínda que anteriores ocasións sucedera con departamentos que non manteñen unha relación tan estreita coa Xunta e que, sobre todo, non reciben financiamento anual da Administración pública galega. Así, por exemplo, son varios os departamentos e entidades dependentes ou ligados co Goberno de España que evitaron achegar a información solicitada dende o Pazo do Hórreo para incorporala á investigación sobre a fusión e desaparición das antigas Caixa Galicia e Caixanova

A conselleira do Medio Rural e o director Forestal, con representantes do Exército a avaliar a campaña de incendios de 2017 © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.