0 Gardados para despois

O primeiro experto na comisión de incendios desdeña a teoría das tramas: "Non resiste a análise"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Aínda hai menos de quince días, o Goberno de Rajoy teimaba nas "tramas organizadas" como unha "posible explicación" aos incendios en Galicia. Facíao nunha resposta á pregunta escrita da deputada de En Marea Alexandra Fernández e logo de que tanto o Executivo central como a Xunta insistisen nesa teoría tras a vaga de lume que en outubro de 2017 arrasou unhas 50.000 hectáreas de monte en apenas dous días. Aínda que as primeiras pescudas sobre o acontecido o pasado outono desbotaban esa acción criminal organizada, as dúas administracións apóianse nela como "posible" explicación. Neste martes, o primeiro experto que compareceu na comisión de incendios creada tras aqueles tráxicos días botou por terra a devandita teoría. "Non resiste a análise", dixo. 

Quen inaugurou a comisión foi Juan Picos, profesor e director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra e un dos maiores expertos no monte galego, que o fixo, no entanto, non nesa calidade de experto tamén nos incendios, as súas causas e o seu contexto, senón como representante do Foro Económico de Galicia. Malia centrar a súa intervención no sector forestal e no seu aproveitamento económico, respondeu tamén ás preguntas dos deputados en relación co lume e, nomeadamente, á que o inquiriu sobre a posibilidade da existencia desas tramas organizadas. "Non creo nunha organización preparada para prender lume", advertiu.

"Non creo nunha organización preparada para prender lume; é unha aproximación moi fácil que non resiste a análise", dixo Juan Picos

"Hai moita intencionalidade, ás veces moita neglixencias e moitos problemas vencellados ao medio que acaban nun incendio, pero non creo que haxa ninguén que se poña de acordo, aquí en en Portugal, para xerar un problema de tal magnitude", asegurou. "É unha aproximación moi fácil que non resiste a análise", engadiu. 

A súa comparecencia foi a primeira da, oficialmente, denominada Comisión especial de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia, avaliando a experiencia acumulada dende 2006 e, especificamente, a extraordinaria vaga de lumes que ven de sufrir Galicia en outubro de 2017.

Logo de debullar a importancia, as posibilidades e a complexidade do sector forestal no país, Picos non dubidou en sinalar as súas eivas e en poñerlle deberes á Administración. Así, sinalou o "gran déficit" que, ao seu parecer, sofre o sector por "falta de mellor e máis información". "Temos que facer un esforzo por medir ben, porque unha cousa é dicir canto crece a masa forestal e outra saber cantas hectáreas teñen dono, que tipo de especies, cales son as restricións legais...", dixo. 

Picos aposta por un "modelo galego propio de xestión forestal sustentable" e cunha "ordenación racional do territorio"

Ademais, avogou por "mellorar o marco legal" e "simplificar" os trámites burocráticos de propietarios e empresarios, así como apostar por un "modelo galego de xestión forestal sustentable" cunha "ordenación racional do territorio" que "ten que ser propio". "Debemos defendelo ante outras políticas e outros países que si teñen moi clara a súa estrutura", advertiu, tras incidir na oportunidade que Galicia ten ante un futuro no que a madeira ha servir para "substituír carbón, combustibles fósicles, formigón, plásticos ou aceiro". 

Traballos de extinción en Parada de Sil durante a vaga de incendios de outubro

Traballos de extinción en Parada de Sil durante a vaga de incendios de outubro / @BrifLaza

Ante as preguntas dos deputados, Picos considerou "imprescindible" unha "transformación diversa e equilibrada" no monte galego, polo que instou a Xunta a incentivar e "compensar" aqueles propietarios que apostan por plantacións menos rendibles a curto prazo. "Que un particular asuma o cultivo que máis lle dá e menos custa pode ser ata intelixente, pero colectivamente é complicado se todo o mundo fai o mesmo; a política ten que traballar nesa diversidade para ter suficientes ferramentas para nos enfrontar ao futuro", explicou. "Non podemos esperar a que os propietarios arrisquen sós, hai que axudalos", engadiu. 

O experto insta a Xunta a "compensar" e incentivar os propietarios para diversificar as plantacións no monte

 

Tanta madeira cortada como en todo o Reino Unido

Preguntado polo abandono, Picos apostou por "saber diferenciar o que ten un abandono irreversible do resto". Nese caso, di, a Administración estaría "obrigada a intervir sobre esa propiedade". En canto ao Plan Forestal e aos incumprimentos nas plantacións de eucaliptos, o enxeñeiro forestal cre que "o maior incumprimento non se mide en hectáreas, senón no que no seu día se pensou en investir e finalmente non se fixo". Ademais, lembrou, malia que Galicia superou en diferentes especies a extensión prevista, "as cortas de madeira aínda están na metade do previsto". "Iso significa abandono e menor produtividade e indícanos que algo pasa", engadiu. 

Alén disto, Picos sinalou o modelo de montes veciñais como unha "importante oportunidade" para o país, tanto "pola súa extensión como polo concepto" ao daren "a posibilidade de fixar poboación", polo que debe ser unha opción "tratada con cariño. En canto ao eucalipto, aclarou que "a súa erradicación non é posible" e que o debate debe centrarse en "que se fai agora e ata onde chegamos". Con todo, advertiu que a gran preocupación é "o piñeiro" por ser "a cerna da industria forestal" en Galicia e non ser suficiente en canto a produción. 

Picos fixo a súa análise logo de destacar o valor do sector forestal galego e sinalando datos que certifican a súa importancia, como que se cortan para destino industrial uns 8 millóns de metros cúbicos cada ano, ademais de leña privada -"aproximadamente todo o que corta o Reino Unido"-, que hai 80.000 cortas que achegan unhas rendas netas ao propietario de 300 millóns, que o sector supón o 1,8% do PIB galego, o 1,3% do emprego total pero o 12% do industrial ou que hai 50.000 propietarios (familias e comunidades) que venden madeira no país. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.