0 Gardados para despois

Os atestados de Interior desmontan a tese de Feijóo sobre "o terrorismo incendiario"

José PrecedoJosé Precedo | @joseprecedo


Un mes despois da vaga de incendios que arrasou decenas de miles de hectáreas en Galicia e causou catro mortes, non existe un só atestado da Garda Civil ou da Policía Nacional que apoie as teses sobre o "terrorismo incendiario" defendidas daquela polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nin tampouco a "acción coordinada" á que aludiu durante a súa visita a Galicia o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy.

Non hai un só atestado da Garda Civil ou da Policía Nacional que apoie as teses sobre "terrorismo incendiario" ou "acción coordinada"

Durante aquela fin de semana negra na que as lapas sacudiron non só Galicia, senón tamén Portugal e a zona máis occidental de Asturias, ambos os dirixentes insistiron en que o que ocorría nas provincias da Coruña, Vigo e Ourense obedecía a unha acción criminal concertada, da que hoxe non existe indicio ningún.

Ao pouco de aterrar en Ourense, desde a localidade de Pazos de Borbén, o presidente do Goberno central asegurou:  "O que vivimos aquí non se produce por casualidade, foi provocado, son máis de 125 incendios á vez". Tras gardar o minuto de silencio polas vítimas mortais, Rajoy dirixiuse ás forzas e corpos de seguridade: "Fagan o maior esforzo posible para deter as persoas responsables".

Ao seu carón, Feijóo repetiu como fixera durante toda a fin de semana -no que tamén Portugal e Asturias sufriron esa crise incendiaria- en que o lume da súa comunidade era obra de "terroristas".

Os atestados de Interior apuntan distintas imprudencias graves na queima de maleza nun contexto de grave risco

Cando ambos os dirixentes fixeron esas declaracións non había ningunha investigación en marcha que avalase a tese de que tramas organizadas estivesen tras os lumes, que causaron catro mortes aquel domingo 15 de outubro. E trinta días despois as cousas non mudaron, por máis que o Goberno galego investise 77.000 euros de diñeiro público en pagar anuncios en medios de comunicación para alentar a teoría do terrorismo.

Os atestados do Ministerio do Interior daqueles focos nos que interveu algún corpo policial en poder de eldiario.es apuntan distintas imprudencias graves nas queimas de maleza nun contexto de grave risco e tamén sinalan un home con problemas mentais como sospeitoso de prender un pequeno lume en Lugo.  Pero nada máis. Nin rastro de accións coordinadas nin de artefactos incendiarios. Nin moito menos de bandas organizadas.

Na media ducia de incendios que deron lugar a detencións ou interrogatorios, os perfís dos sospeitosos repiten o mesmo patrón das últimas décadas en Galicia: imputados por imprudencias ou por lumes intencionados sen ningunha relación entre si desvinculados de intereses económicos ou políticos.

Nas detencións ou interrogatorios repítese o patrón: imprudencias ou intención sen relación ningunha entre si e desvinculados de intereses económicos ou políticos

O único detido que segue en prisión pola vaga de lume daquel domingo 15 de outubro é un  home, M.A.M.N., de 55 anos, ao que se lle descontrolou unha queima nunha leira familiar, pero o seu arresto garda relación coa resposta violenta que deu aos axentes no cuartel.

O episodio está por escrito nas dilixencias 2017-4567-50 da Garda Civil. A este funcionario de 55 anos impútaselle un lume iniciado ás 13:40 do domingo 15 de outubro na paraxe de Barrucadas, termo municipal dos Blancos (Ourense), e que arrasou unhas hectáreas de terreo entre superficie arboreda e monte raso ata as 18 horas. Escribe a Garda Civil no seu documento: "Practicadas xestións na leira na que se iniciou o lume corresponde co polígono 502, parcela 654 dos Blancos sendo titular da mesma a suposta esposa do autor. Este feito engadido a que este individuo non tratou de apagar o lume, non avisou a ninguén, tratou de agocharse, o estado de nerviosismo no que se atopaba, así como a súa conduta posterior podería indicar como móbil dos supostos feitos que se plantase lume co fin de limpar a maleza da leira e eliminación de matogueira".

O único detido que segue en prisión está imputado por atentado á autoridade e desobediencia nun altercado no cuartel

O parte de intervención da Comandancia da Garda Civil en Ourense atribúelle un lume dunha hectárea e dentro das motivacións apunta "intencionadas" e especifica "limpeza monte". Ademais, está imputado polos delitos de atentado á autoridade e desobediencia grave por un altercado posterior que tivo no cuartel da Garda Civil onde acudiu cun pau de grandes dimensións e un can que pedía atacar os axentes. Unha vez dentro, emprendeuna a cabezadas contra o mobiliario e acabou sendo trasladado en ambulancia a un centro hospitalario. Logo foi parar ao cárcere, onde segue.

O segundo parte de arresto dos incendios do 15 de outubro é unha muller de 73 anos, M.L.C.C., veciña de Mos, na provincia de Pontevedra. Deste lume de apenas dúas hectáreas que puxo en risco tres vivendas do nucleo municipal (dous delas habitadas), ocupouse a Unidade Adscrita da Policía Nacional en Vigo. Nas súas dilixencias 1449/17 os investigadores apuntan que dúas testemuñas sitúan o inicio do lume na parte traseira da vivenda desta muller. E que a pesar de ser alertada polos veciños do lume, negoulles a mangueira para que puidesen apagalo "e desatendeuse totalmente da situación".

Área afectada por un dos incendios en San Cristovo de Cea

Área afectada por un dos incendios da vaga de outubro, en San Cristovo de Cea / MAPAMA

Detida por prender lume a dous metros de casa

Segundo o relato policial, M. L. prendeu restos de maleza a escasos 2,5 metros da súa vivenda familiar na que convivía co seu marido e un fillo, ambos con problemas de mobilidade derivados de graves enfermidades. Fíxoo durante a mañá do domingo en que o vento sopraba cunha forza de 90 quilómetros por hora. No interrogatorio policial, a muller contou que acudira tres veces ese ano ao Concello de Mos para tentar que se limpase a franxa de seguridade da súa casa. Durante a súa declaración autoinculpouse dese incendio e doutros dous anteriores (en 2013 e 2016) orixinados na mesma zona e tamén produto de utilizar o lume para as tarefas de roza.

Cando os policías lle preguntaron por que non prestou a mangueira aos seus veciños, a imputada alegou que a auga é da traída e que non pode gastar moito.

A segunda investigada queimaba maleza ao carón da casa; o terceiro ten antecedentes de enfermidades mentais

O terceiro "investigado non detido", así aparece nos ficheiros policiais, polos incendios daquel fin de semana de outubro é un veciño de Lugo de 33 anos con antecedentes de enfermidades mentais. Descubriuno unha compañeira de traballo escondido tras un sinal de tráfico ás 3:27 da madrugada do 16 de outubro, moi preto do lugar onde empezaba a arder un pneumático nunha zona boscosa. Cando a moza o chamou polo seu nome, el botou a correr polo monte e a seguinte chamada foi á Policía Nacional. O home que vestía un chándal manchado de terra explicou que el mesmo tentara apagar o lume, que estaba preocupado porque ninguén se ocupou do incendio e que ata chamara ao 112 para avisar. Ensinou nas súas móbil fotos do incendio -que non foi a máis- e desvinculouse dos feitos. No atestado 10602/17 continúa como sospeitoso.

A Comandancia da Garda Civil de Ourense dá por esclarecido outro lume ocorrido na zona de Castrelo do Val despois de que J.A.C.P., de 86 anos, un veciño do lugar, admitise outros dous focos ocorridos o 30 e 31 de outubro. Todos ocasionados polo mesmo motivo: "limpeza de matogueiras".

A J.P.M. de 72 anos e veciño de Cualedro (Ourense) a Garda Civil impútalle outro lume o mesmo mes nos Muíños (dentro da mesma provincia). A investigación concluíu cunha conclusión que lle soa moito aos axentes que levan vinte anos investigando no monte: "o obxecto era a limpeza da leira da súa pertenza e o abandono do lugar".

A limpeza de mato repítese como o obxectivo inicial dos investigados

Nada diferente do que se atoparon durante os últimos 20 anos  as forzas de seguridade en Galicia á hora de investigar lumes cando concorren circunstancias climáticas adversas: máis de 30 graos de temperatura, ventos superiores a 30 quilómetros por hora e humidade por baixo do 30%.

A Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza desbotou a invitación de eldiario.es para referirse a expedientes concretos á espera da investigación que abriu sobre a vaga da terceira fin de semana de outubro. O responsable de medioambiente do ministerio público no país, Álvaro García Ortiz, repetiu en todos os medios de comunicación que non hai ningún dato que apunte ao crime organizado.

Nos corpos policiais hai malestar polas declaracións políticas que atribúen os incendios a un problema de orde pública

Nos corpos policiais que se ocupan da investigación do lume en Galicia creouse moito malestar polas declaracións políticas que atribúen os incendios en Galicia a un problema de orde pública. Sosteñen que é facer recaer sobre eles unha responsabilidade que non lles corresponde: a de ordenar o monte e combater problemas estruturais do mundo rural. Os axentes están afeitos a escoitar historias de motoristas encarapuchados e de artefactos incendiarios desde hai trinta anos. Os seus atestados non rexistran nada semellante. Desde hai tres décadas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Dous novos imputados por dous incendios que afectaron a algo máis de cen hectáreas durante a última vaga

D.R.

A Xunta e o delegado do Goberno informaron este xoves da imputación de dous homes por dous incendios rexistrados durante a vaga do pasado domingo 15 de outubro, cos que a cifra total ascendería a oito persoas. Segundo o delegado do Goberno, Santiago Villanueva, un home duns 50 anos está a ser investigado por un incendio rexistrado en Meis que afectou a máis de cen hectáreas e obrigou a desaloxar a máis de 70 persoas.

A descrición que fai a Xunta do sucedido na Fonsagrada é similar á da maioría dos casos coñecidos: imprudencias sen coordinación entre elas

Pola súa banda, a Xunta informou de que a policía autonómica imputou outro varón por un incendio na Fonsagrada que o luns 16 de outubro afectou a unhas sete hectáreas. Segundo o propio Goberno galego, “o incendio iniciouse, supostamente, cando o investigado prendeu lume nunha parcela a carón dunha da súa propiedade coa intención de espantar ao xabarín, que estaba a causar danos nas fincas, así como para limpar restos de matogueiras, nun día en que estaban totalmente prohibidas as queimas debido as condicións meteorolóxicas”. A descrición que fai a Xunta do sucedido é similar á da maioría do resto dos casos coñecidos ata agora: incendios producidos por imprudencias pero sen que se poida establecer unha coordinación entre eles.