O PP aplaude a comisión de estudo sobre incendios unha década despois de boicoteala por ser unha "farsa"

Sesión da Xunta de Portavoces que aprobou a comisión de estudo sobre os incendios de outubro © Parlamento de Galicia

O pasado 7 de novembro o Parlamento de Galicia viviu unha sesión semellante á do 5 de setembro de 2006. Como unha década atrás, o presidente da Xunta comparecía ante a Cámara para abordar unha dura vaga de incendios; en 2006 Emilio Pérez Touriño falou da xestión do seu Goberno nas dúas semanas nas que arderan unhas 77.000 hectáreas e neste 2017 Feijóo fixo o propio cos dous días nos que ficaron arrasadas case 50.000, segundo as últimas estimacións. Os dous debates estiveron marcados pola lembranza ás vítimas mortais do lume, catro en ambos casos, e nos dous o presidente apelou a tecer un pacto de país contra o lume a partir dos traballos dunha comisión parlamentaria de estudo sobre o acontecido, mentres que dende a oposición se apostaba por unha comisión doutro tipo, de investigación.

Como avanzaran no debate do día 7, os grupos da oposición deron este martes 14 en aparcar a aposta pola investigación e asumiron entre cautelas sobre as intencións do PP a integración na comisión de estudo. A Xunta de Portavoces activou a nova comisión como fixera o mesmo órgano o 29 de agosto de 2006, unha semana antes da devandita comparecencia de Touriño. PSdeG e BNG, que compartían Goberno, deran en reservar a vicepresidencia da comisión para o PP, que dende o primeiro minuto advertiu de que a boicotearía. Se socialistas e nacionalistas apostaban polo estudo e non pola investigación non era para abordaren alternativas para o monte galego, senón porque "hai algo que ocultar" e pretender abrir "un paraugas para eludir responsabilidades", dixera o daquela voceiro popular, José Manuel Barreiro, número dous de Feijóo.

Feijóo, tras negarse Touriño á comisión de investigación, ratificou que o PP boicotearía a de estudo e advertiu: "Vostede traizoou ás vítimas"

A belixerancia dos conservadores foi aumentando coas semanas á calor da negativa á investigación e tamén da convocatoria da manifestación da plataforma SÓS contra o lume, auspicidada polo propio PP, contra a xestión da Xunta na vaga de incendios. A comisión de estudo ía ser "unha farsa", un "paripé", augurara Barreiro. Máis que de estudo, PSdeG e BNG impulsaban a "comisión da ocultación", acrecentara Núñez Feijóo tres días despois da protesta durante a sesión de control a Touriño, na que confirmara o boicot do PP ao estudo. "Lle pido que non lle negue a este Parlamento a súa obriga de investigar, pase o que pase; non lle teña medo á verdade, porque senón lle terá medo á súa conciencia", retou o actual presidente, que ante a negativa á comisión de investigación, lanzou unha acusación ao socialista: "dende logo, vostede traizoou ás vítimas e á maioría social de Galicia".

O PP admite que a nova comisión vai ter como "referencia" as conclusións de 2006, que segundo Rueda era un documento "manipulado" que "bordea o ridículo"

Coa ausencia do PP xa constatada a comisión de estudo desenvolveu os seus traballos durante todo o outono -con episodios salientables como a comparecencia do alcalde de Barro e voceiro de SÓS contra o Lume, José Antonio Landín, quen acusara o Goberno de "causar mortos" por "non apagar os lumes"- e o seu ditame final chegou a pleno o 26 de decembro. Vinte e catro horas antes o secretario xeral do PPdeG e actual vicepresidente, Alfonso Rueda, adiantara o seu rexeitamento ás conclusións da comisión, un documento "manipulado" que "bordea o ridículo", e durante a votación todo o grupo do PP evitara participar nela, evidenciando a protesta estendendo as mans sobre a mesa de cadanseus escanos.

En Marea, PSdeG e BNG integraranse na comisión de estudo, reclaman que o PP non vete ningunha comparecencia e reclaman que as conclusións cheguen antes da seguinte campaña de incendios

Antes de culminar o boicot con este xesto simbólico o actual subdelegado do Goberno de España en Ourense, Roberto Castro, interviñera no nome do PP para explicalo, ademais de pedir a dimisión do "ex-conselleiro" Suárez Canal. A comisión de estudo resultara unha "ópera bufa", unha "ignominia" para a "autoexculpación" na que PSdeG e BNG facían un "exercicio de covardía política dificilmente explicable". "Queda claro que para vostedes non importa que morresen compatriotas galegos nos incendios; temos dúbidas razoables de que esas mortes puidesen ser evitables", pero "perderon unha oportunidade para investigalo, preferiron botar terra". "Negáronse á comisión de investigación habendo mortos polo medio; que tiñan que ocultar?", cuestionara o popular.

A valoracións posteriores á aprobación da comisión de estudo son ben diferentes neste 2017 a dereita e esquerda. Segundo o voceiro do PP, Pedro Puy, partindo da "referencia" daquelas conclusións de 2006, a "última vez que no Parlamento se fixo un informe sobre os incendios forestais", a comisión de estudo vai escoitar "aos que saiban, aos expertos" para "determinar as reformar" que cómpren co obxectivo de que "non volva ocorrer o que pasou coa vaga de lumes no mes de outubro". En Marea, PSdeG e BNG advertiron de que non permitirán que o PPdeG use a comisión para "exculparse", agardan que os de Feijóo non veten a ningún comparecente e reclaman que as conclusións da comisión, na que os tres participarán, sexan a base para un "pacto de país" contra o lume antes da vindeira campaña de incendios.

Feijóo, no Parlamento como líder da oposición © Vieiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.