0 Gardados para despois

"En anos de investigación, nunca atopamos esa famosa trama incendiaria"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O fiscal delegado de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, acumula moreas de investigación sobre incendios, mesmo xa sobre aquela importante vaga de 2006. Recomenda calma, prudencia e deixar traballar aos investigadores antes de lanzar conclusións máis baseadas en teorías que en datos, indicios ou probas. Lembra que, ata hoxe en día, nunca se demostrou a existencia de tramas incendiarias no país e advirte dun problema "complexo" con "moitos factores e variables". Desde a Fiscalía, coordinará as pescudas que se deriven das investigacións en marcha e asegura que se porán todos os esforzos en deitar luz sobre un fenómeno que, no entanto, nunca terá unha conclusión común para todos os casos. 

Outra grave vaga de incendios, outro caos... É inevitable sufrir isto en Galicia?

Inevitable non hai nada. Repítese, iso si, e levamos con este problema moitos anos, moito tempo... Pero é un problema de tantos factores e tantas variables que é moi difícil de parar, de atallar e de solucionar. 

"Sempre hai hipóteses pero non é tempo de especular, senón de traballar e analizar o que pasou"

Logo dunha vaga así, adóitase centrar o discurso nos incendiarios, o terrorismo forestal e supostas tramas, é tan doado?

Non, non é tan fácil. Os problemas complexos teñen respostas complexas e solucións nada doadas. Sempre se manexan moitas hipóteses, pero non é tempo de especular, é tempo de traballar e de poñernos, logo de que se faga o importante agora que é a extinción, a analizar o fenómeno e a ver o que pasou. Comprobar se se repiten as pautas e patróns doutros anos, nos que descartamos a existencia dunha trama, ou se estamos ante un fenómeno novo. No entanto, polo momento non temos indicios de que haxa novidade ningunha. Que non os teñamos non quere dicir que non os vaiamos ter ou que non poidamos telos, pero en todos estes anos atrás non atopamos esa famosa trama. 

"Polo de agora non temos indicios de que haxa esa famosa trama incendiaria; pode que os teñamos, pero nestes anos nunca os atopamos"

Nas diferentes investigacións sobre incendios dos últimos anos sempre se falou de causas variadas...

A cuestión dos incendios sempre é parecida.Falamos dun fenómeno global e á vista está que hai moitos incendios á vez en moitos sitios, pero en realidade é que a causación dos incendios ten un punto moi local. Pola causa, motivación ou orixe que sexa, hai que ir a cada un dos sitios. É moi difícil facer unha extrapolación global dos incendios e dicir que isto ocorre por esta razón e xa está. Non, para nada. Hai que ir a cada sitio e caso, investigalo e ver que problemática hai, non só para que se incendiase unha zona, senón para que se propagase, expandise e multiplicase na súa afectación. 

"É moi difícil facer unha extrapolación global sobre os incendios; non se pode determinar unha causa común"

Parece difícil pensar que unha suposta trama actúe en Galicia, norte de Portugal e parte de Asturias e que noutros sitios non haxa tramas nin pirómanos.

Claro, por iso mesmo é importante destacar que os factores e as variables son moitos, van desde a apropiación humana, ata a relación que temos co territorio, como está configuradas Galicia, Asturias ou o norte de Portugal, os usos das terras, a cultura, a utilización do lume como ferramenta e instrumento, as motivacións que levan a xente a utilizar fogo.... Hai que analizar cada unha destas variables e estudalas no contexto no que se producen. 

"Falemos sobre certezas e sobre o que sexamos capaces de probar; deixemos traballar aos investigadores"

Que lle recomendaría ás administracións ou á clase política nestes momentos?

Agora mesmo, nada. Que agardemos ao resultado das investigacións e que falemos sobre certezas e sobre o que sexamos capaces de probar, pero eu non son quen para recomendarlle nada a unha administración. Deixemos que os investigadores traballen e a partir do que eles nos digan e indiquen xa formularemos hipóteses ou propostas. 

"As circunstancias da fin de semana foron excepcionais e así é moi difícil de controlar os incendios"

Fálase de varios focos intencionados pero tamén de que moitos puideron saltar e expandir incendios polas condicións especiais desta fin de semana.

As circunstancias do sábado e do domingo son excepcionais: a cola dun furacán, un longo período de seca... Iso é moi difícil de controlar. Todo pode ocorrer nesas circuntancias e non esquezamos que hai incendios no sitio máis rico do mundo, que é California, e ninguén é capaz de controlalos. Os incendios son un fenómeno co que o home aínda non deu a clave para rematar con eles en extinción e moitas veces tampouco en prevención. Os comportamentos de incendios mediterráneos, semellantes aos que ocorreron aquí, con ventos que inflaman e queiman e que se espallan facilmente por milleiros de hectáreas dan conta do serio que é isto ao que nos enfrontamos. 

Nas críticas á política forestal insístese na necesidade de prevención, no de "apagar o lume no inverno". Falta incidir niso?

Axuda, claro. Todo axuda a apagar e calquera traballo que se faga en inverno é positivo para o verán, pero tampouco é tan sinxelo. Tamén inflúe como nos instalamos no territorio, como o coidamos, se lle damos un uso axeitado e útil... O que quero dicir é que non hai unha variña máxica e que non só cunhas determinadas medidas de prevención teremos arranxado o problema. Ademais, agora sufrimos o fenómeno do cambio climático, con períodos de seca moi amplos e maior risco de incendios, algo que levan tempo advertindo expertos e medioambientalistas. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.