0 Gardados para despois

Galicia concentra un terzo das hectáreas ardidas en todo o Estado durante 2017

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A comisión parlamentaria de estudo sobre a vaga de incendios que o pasado outubro arrasou unhas 50.000 hectáreas de monte en pouco máis de dous días está a piques de comezar os seus traballos. Na súa primeira fase a Xunta terá que entregar, entre outra documentación, un informe "sobre os incendios acaecidos en Galicia" dende a anterior gran vaga, en 2006, no que cabe agardar que xa figuren os principais datos do ardido en 2017. A Xunta xa manexa esa información e xa achegou ao Ministerio de Agricultura; no entanto, aínda non a divulgou. Así e todo, xa é posible asegurar que os montes galegos acumularon en torno a un terzo do ardido en todo o Estado durante o pasado ano .

Antes de difundir a súa estatística anual de incendios forestais, o Ministerio difunde unha vez ao mes avances informativos provisionais baseados en datos fornecidos polas comunidades autónomas. O departamento estatal vén de facer público o informe de decembro, cos datos acumulados de todo o 2017. Nel reflíctese un balance provisional de 178.436,39 hectáreas, practicamente o duplo que no exercicio anterior -cando arderon case 92.000-, o que supón a segunda suba interanual consecutiva.

O Ministerio non desagrega os datos que manexa por autonomías, senón que só os distribúe en catro grandes zonas: Mediterráneo, comunidades interiores, Canarias e Noroeste; nesta última división é na que inclúe a Galicia xunto a Asturias, Cantabria, Euskadi e mais as provincias de León e Zamora, o que fai imposible coñecer por esta fonte canto ardeu en cada territorio. Si permite, no entanto, constatar que malia aos incendios vividos en Levante ou Andalucía, o groso do impacto do lume se concentra no noroeste, con case o 74% da superficie forestal afectada polos incendios.

En todo o Estado arderon durante 2017 algo máis de 178.000 hectáreas e en Galicia a estimación provisional ata novembro achegábase ás 62.000

Neste contexto, a fonte máis actualizada para aproximar o ardido en Galicia é a estimación ofrecida pola Consellería de Medio Rural o pasado novembro, cando rectificou as medicións da vaga de outubro de 35.500 hectáreas a case 50.000. Nesa rectificación Medio Rural informou ademais de que ata os grandes incendios do outono arderan xa unhas 12.600 hectáras, o que elevaba o cómputo global ata case 62.000; concretamente, ata as 61.698 hectáreas.

Deste xeito e á espera de coñecer os datos definitivos -adoitan ser públicos en torno ao mes de abril, pola banda do Ministerio, e ás portas da temporada de alto risco, pola da Xunta-, cabe concluír que case un 35% de todo o ardido no Estado padecérono os montes galegos. Confírmase, igualmente, que o ano 2017 foi o peor neste aspecto dende o ano 2006, cando tras a gran vaga que arrasara unhas 77.000 hectáreas en dúas semanas, o balance total do ano foi de case 96.000 hectáreas arrasadas polas lapas.

asdfasdf

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.