Nacionalistas e socialistas apuntan ás responsabilidades políticas da conselleira e o propio presidente Rueda
A remuda este luns da cúpula da consellería de Medio Rural tras o ano dos peores incendios da historia de Galicia fixo coincidir a BNG e PSdeG en esixir responsabilidades superiores. Para nacionalistas e socialistas os cesamentos do secretario xeral e dos directores xerais de Defensa do Monte e Ordenación Forestal confirman o "desastre" da xestión dos incendios, da que responsabilizan tamén á conselleira, María José Gómez e o propio presidente Rueda.
Desde o BNG o deputado Secundino Fernández considera que "non abonda cun cambio de caras de segundo nivel para cambiar o rumbo das políticas cara o rural, tamén teñen que cambiar os responsables", polo que critica "que as destitucións eviten a conselleira, verdadeira responsable política do desastre dos incendios".
"Estes ceses significan o recoñecemento da errada e negativa política que ten a Xunta do Partido Popular en relación coa ordenación do territorio, coa produción agroforestal e coa defensa do noso medio rural fronte aos incendios forestais", di o nacionalista. O BNG incide en que leva tempo propoñendo que este "desastre" ten que significar "un punto de inflexión". "É hora dun cambio profundo nas políticas cara ao rural" no que "non chega con cambiar certas caras de segundo nivel" senón que "teñen que cambiar os responsables, comezando pola conselleira".
Pola súa banda, desde o PSdeG a deputada Carmen Dacosta considera que os ceses confirman "o desastre da xestión da conselleira de Medio Rural, María José Gómez, marcada pola falta de planificación, o desorde e a improvisación permanente, coa responsabilidade política directa do presidente da Xunta, Alfonso Rueda".
Para Dacosta os cesamentos "son a confirmación de que algo se fixo mal e de que as advertencias que vimos facendo desde hai meses estaban máis que xustificadas". Pero ao seu xuízo, "chegan tarde e non afrontan o problema de fondo: “unha conselleira sen rumbo, avalada por un presidente que mira para outro lado".