Adeus ao ano dos maiores incendios forestais documentados na historia de Galicia

Bombeiros forestais da Xunta e da UME realizan labores de extinción en Seceda (Folgoso do Courel) o pasado 17 de xullo © UME

Nunca antes en Galicia arderan máis de 11.000 hectáreas nun único incendio forestal. Ou, cando menos, nunca antes ata o verán deste 2022 se documentara algo semellante. O pasado 28 de xullo a Consellería do Medio Rural daba por extinguido o gran incendio resultado da unión de ata cinco focos en dous concellos do Courel Folgoso e A Pobra do Brollón- e estimara que alí arderan unhas 11.100 hectáreas de monte mentres a información do satélite da UE Copernicus elevaba o número a 13.200.

En dúas semanas de xullo arderon entre 11.000 e 13.000 hectáreas no Courel e unhas 10.500 en Valdeorras

Ambas eran cifras provisionais e incomparables entre si, por seren obtidas mediante métodos distintos. En todo caso, as dúas significaban o mesmo: un récord de superficie ardida nun só incendio que por pouco non superou outro acontecido nos mesmos días, cunhas 10.500 hectáreas ardidas en Carballeda de Valdeorras -12.000, segundo Copernicus-. Todo, no medio dunha vaga de calor inusitadamente intensa.

Mapa coas medicións provisionais do Sistema de Información Europeo de Incendios Forestais sobre a zona afectada polo incendio do Courel, a partir de imaxes do satélite do pasado xullo © EFFIS / UE

O acontecido no Courel e Valdeorras, se cadra xa algo esvaecido nos resumos que nestas datas dan en lembrar o máis destacado do ano, respondeu en boa medida aos retratos robot dos novos incendios que múltiples voces expertas viñan trazando dende había anos no marco da alerta xeral pola crise climática. Esas análises falaban de incendios menos numerosos, pero de moita maior superficie e duración, moito máis difíciles de controlar ou mesmo "incontrolables" ata que non chega a chuvia. "Non hai dispositivo no mundo capaz de controlar estes incendios de nova xeración", resumía o pasado xullo para Praza.gal un bombeiro forestal en primeira liña de lume.

Expertos sobre o terreo advertiron que a intensidade do incendio do Courel provocou nubes que contribuíron a avivar o de Valdeorras. Ambos responden ao 'retrato robot' dos novos incendios dos que diversas voces levaban anos alertando

Xa nos primeiros días de ambos incendios houbo advertencias neste sentido. Así, por exemplo, o director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, Juan Picos, explicaba naquelas xornadas as conclusións ás que el mesmo e outros expertos e persoal sobre o terreo viñan de chegar: ambos incendios, os do Courel e Valdeorras, "interactuaron claramente". "A intensidade do lume no Courel forma un pirocúmulo [nube provocada polo incendio] bastante importante que coincide coa propagación repentina e errática, e en contra do que estaba previsto, do incendio en Carballeda de Valdeorras", explicaba.

E isto, que significa? A "combustión foi tan grande" no Courel que creou esas nubes con "milleiros de metros de altitude", columnas "que absorben o osíxeno e acaban comportándose como o tiro dunha cheminea". A súa intensidade foi tal que chegaron "a mudar o réxime de ventos previsto polas predicións meteorolóxicas", dificultan a extinción e provocan novos refachos que axudan á "propagación intensa e caótica do lume" en Valdeorras cando "semellaba controlado". Un gran incendio alimenta e descontrola outro.

Pirocúmulo formado pola vaga de incendios do pasado xullo © Javi Calvo

Sen marxe para o "terrorismo incendiario"

Estes enormes incendios do Courel e Valdeorras respondían en boa medida ás advertencias científicas a respecto da crise climática e tamén a outras alertas sobre despoboamento e mala xestión. Así o sinalaron diversas voces no ámbito do ecoloxismo e forzas políticas naqueles días, pero non só. Tamén o reflectía un informe manexado pola propia Xunta e incluído, precisamente, na edición 2022 do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), o documento que cada ano compendia as actuacións e medios cos que conta o Goberno galego para previr e extinguir o lume nos montes.

Un estudo manexado pola propia Xunta advertía da necesidade de "fixar poboación" no Courel e alertaba do "abandono da xestión tradicional" do monte como factor de risco ante os incendios na zona

Como informou Praza.gal, xunto a medio cento de propostas concretas para mellorar a infraestrutura de prevención de extinción de incendios na Zona de Especial Protección dos Valores Naturais Os Ancares - O Courel (que abrangue unha ducia de concellos), o estudo puña o foco na necesidade de "fixar poboación" na zona e alertaba do "abandono da xestión tradicional" do monte. Porque, continuaba, o abandono das áreas rurais e de zonas protexidas coma estas trae consigo "cambios importantes na composición da estrutura dos ecosistemas", fundamentalmente pola "diminución das actividades tradicionais" como "recollida de leña ou pastoreo", dando lugar a "gran acumulación de biomasa forestal" de "forma continua". E así, "ante calquera raio, descoido, neglixencia ou causa intencionada" desátanse "grandes incendios difíciles de extinguir".

Os raios das treboadas desencadeadas en plena vaga de calor foran, precisamente, as orixes destes grandes incendios, como quedou acreditado. Isto impedira á Xunta reeditar o argumentario de anos anteriores, cando atribuíra algúns dos peores incendios á suposta obra de "terroristas" incendiarios. Desta volta mesmo a Consellería do Medio Rural dera en incidir no "carácter anómalo" dos incendios a respecto do vivido anteriormente, un "comportamento que nunca se vira" e puña as lapas "fóra da capacidade de extinción" mentres non só ardía o monte, senón tamén casas, moitas delas abandonadas.

Conclusións do estudo sobre os incendios na zona protexida O Courel - Os Ancares, incluídas no Pladiga 2022 CC-BY-SA Praza.gal

Así foi como tras media década de relativa calma en canto á superficie total ardida nos montes galegos, en apenas mes e medio do verán arderon máis de 43.000 hectáreas. Nos primeiros meses de 2023 chegarán os balances que traerán consigo as cifras exactas, pero en todo caso xa é posible afirmar que o 2022 foi, no que a incendios se refire, o peor ano dende a dura vaga de lume de 2006.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.