Desde hai xa tempo, expertos forestais e en incendios, mais a comunidade científica, advirten da cada vez maior virulencia, perigosidade e dificultade de control dos incendios. Os efectos do cambio climático e a suba das temperaturas, o tempo cada vez máis seco e o abandono do rural impulsan os temidos fogos de sexta xeración. Con eles, un fenómeno, o das tormentas de lume, que será cada vez máis probable e do que tampouco se libra Galicia, afectada sobre todo pola rápida e elevada acumulación de combustible vexetal nos montes.
Así o explican os físicos Martín Senande Rivera, Damián Insua Costa e Gonzalo Míguez Macho, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), nun estudo que verá a súa versión definitiva en setembro e onde advirten do cada vez maior risco destas tormentas de lume (firestorm é o termo en inglés). Fenómenos producidos cando a intensidade extrema dun incendio provoca unha nube de convección (pirocúmulo) tal que afecta a atmosfera circundante e pode crear violentas e fortes correntes ascendentes, pero tamén descendentes.
Físicos da USC advirten nun estudo do risco cada vez maior de que os incendios provoquen tormentas de lume, que fan os fogos máis rápidos e incontrolables
"Nese caso, cando chegan á superficie, esas correntes expándense de maneira caótica en diferentes direccións, espallando o lume moi rápido e mudando o comportamento previsto do incendio ata facelo totalmente impredicible e incontrolable", explica Martín Senande a Praza.gal. En resumo, unha gran cantidade de enerxía que é liberada de golpe ao colapsar a columna convectiva, acelerando moito -ata entre seis e doce veces- a velocidade de propagación esperable e provocando esa especie de temporal, fenómeno que nos graves incendios que sufriu Portugal en 2017 algunhas testemuñas resumían cunha única frase: "Chovia lume". E unhas condicións que, especialmente en zonas con alta dispersión poboacional no rural, son de enorme perigosidade, con cada vez máis ameaza para casas e poboación.
Para que este fenómeno se produza é necesario que haxa unha situación de risco de incendio moi elevado, así como moita carga de combustible vexetal na zona, pero tamén inestabilidade atmosférica.
Na súa investigación, os tres físicos da USC, sabedores de que estas tormentas son cada vez máis recorrentes, levaron a cabo simulacións de incendios a través dun modelo con diferentes configuracións meteorolóxicas e topográficas, tendo en conta xa o índice de inestabilidade atmosférica necesario para que dea lugar a estes fenómenos. E engadiron diferentes modelos segundo a previsión dun maior ou menor impacto do cambio climático a raíz das políticas máis ou menos ambiciosas para frealo.
As simulacións, baseadas en situacións atmosféricas reais de vento, temperatura e humidade nos días de maior risco de incendio, abrangueron Portugal, España, Italia, Grecia, Francia e Turquía. A conclusión foi que o risco e a posibilidade de creación desta piroconvección profunda ou tormentas de lume vai en aumento e que nalgunhas zonas xa se situaran en ata 20 os días propicios para que xurdan estes perigosos fenómenos.
"Analizando os dous índices que dependen da meteoroloxía e comprobando as tendencias que ditan os modelos para o futuro comprobamos que o número de días nos que coincide esa necesaria inestabilidade con alto risco de incendio aumentan significativamente para varios escenarios", explica Senande, que advirte de que esta tendencia xa se ten analizado no presente, "sobre todo no que ten que ver coas condicións que facilitan" as tormentas de lume.
“Dous dos tres factores que determinan o risco de piroconvección profunda, é dicir, o risco de incendio na superficie e a inestabilidade atmosférica, aumentarán significativamente en Europa durante o século XXI”, indican os investigadores.
A acumulación masiva de combustible vexetal, un dos factores clave para as tormentas de lume, sitúa Galicia entre os lugares de risco
En todos os casos, para que este risco atmosférico se torne nunha tormenta de lume, ao incendio ten que ir unido unha importante cantidade de combustible vexetal para queimar. O terceiro factor. E é aí onde Galicia aumenta claramente o seu risco, sendo o da inestabilidade algo menor. A estimación da produtividade da materia seca indica que as zonas de maior produtividade están, precisamente, no noroeste da península ibérica, ademais de no sur de Francia, Italia e a parte occidental dos Balcáns.
No caso de Galicia, con invernos húmidos e mornos, "o cambio climático está a sumar máis enteiros na evolución do problema", tal e como advertía un informe o Eixo Atlántico. En moitas zonas do país acumúlase de xeito "máis rápido e constante a carga de combustible a base de ecosistemas non afeitos a situacións de aridez extrema e longa" que agora son cada vez máis habituais. A dispersión poboacional, o abandono rural, a fragmentación da propiedade na terra, as neglixencias e a falta dunha política forestal e de prevención axeitadas engaden maior risco.
"As tormentas de lume e a creación de importantes pirocúmulos son cada vez máis habituais. No caso de Galicia, non semella que a tendencia sexa a que a inestabilidade atmosférica aumente moito, pero si no caso do risco de incendio, ao que se une a importante carga de combustible", insiste Senande.
"Nos últimos anos apréciase un importante aumento do combustible vexetal en Galicia, un compoñente ao que habería que prestar moita máis atención"
"Nos últimos anos apréciase un importante aumento deste combustible vexetal en Galicia que, ademais, arde moi facilmente. Polo abandono rural, polos cambios socioeconómicos e polo influxo do cambio climático, tanto Galicia como o norte de Portugal teñen este compoñente ao que habería que prestar moita máis atención", advirte o físico da USC e un dos autores do informe, que vai máis aló. "Reducir o impacto da mudanza climática e, xa que logo, desa maior inestabilidade atmosférica e maior risco de incendio, é posible pero faise con políticas estruturais e a máis longo prazo; no caso de evitar máis acumulación de combustible, as actuacións son máis locais, inmediatas, controlables e eficientes", explica.
"Agora mesmo, aí está a marxe que temos para evitar maiores riscos no caso de fenómenos extremos como os que analizamos; aí é onde deberíamos facer fincapé para, cando menos, protexer as casas e as vidas das persoas", engade.
"As estratexias de prevención de incendios máis centradas na xestión do combustible, a limpeza do monte e as políticas que impidan o abandono do rural poden axudar a mitigar os efectos do cambio climático na incidencia de tormentas de fogo", advirte o estudo.
Os investigadores da USC piden centrarse na "xestión do combustible no monte para mitigar os efectos do cambio climático na incidencia das tormentas de lume"
O risco, advertido, xa foi real cando o fatídico incendio en Pedrógão Grande, o primeiro cualificable de sexta xeración en Europa, en xuño de 2017. Ademais, só uns meses máis tarde, a enorme nube de convección xerada polos graves focos do centro do territorio luso fixeron de barreira: crearon "uma sombra" no norte de Portugal que amainou e fixo rolar os ventos, o que "explica a não formação de maiores incêndios" en terreo galego, tal e como destacaba o informe de expertos impulsado pola Assembleia da República Portuguesa.
Neste verán, o lume que arrasou o Courel no incendio máis grande rexistrado na historia de Galicia provocou unha nube de convección que mudou o vento e impulsou a propagación imprevista do incendio de Valdeorras, a uns 40 quilómetros de distancia en liña recta.