Máis de 9.000 hectáreas ardidas en incendios forestais neste agosto. Logo da intensa vaga de lume en xullo, na que só na última quincena de mes arderon en toda Galicia máis de 34.000 hectáreas, un mes despois as cifras da superficie queimada continúan a medrar.
A moita menos velocidade, pero marcando tamén récords para un verán histórico pola intensidade e virulencia dunhas lapas impulsadas pola forte calor, o tempo seco e os efectos do cambio climático, que favorecen a presenza de moito combustible vexetal nun rural cada vez máis abandonado.
En mes e medio, desde o 14 de xullo, arderon en Galicia máis de 43.000 hectáreas, no peor verán dos últimos quince anos
Xa que logo, e tan só nos meses de xullo e agosto, o total de hectáreas ardidas, segundo os datos que facilita a Xunta, supera xa as 43.000. É o peor verán en 15 anos e o segundo peor ano -cando aínda quedan catro meses para que remate- desde 2006.
Ata este ano, non houbera verán peor en canto a hectáreas ardidas desde aquel de 2006, cando en apenas dúas semanas arderan máis de 80.000. Desta vez, son algo máis de 43.000 en mes e medio, logo de que o pasado sábado quedase extinguido outro incendio importante: o que afectou en Lobeira o parque natural da Serra do Xurés, que queimou 625,2 hectáreas, 46,36 delas arboradas e o resto de monte raso.
Outro no mesmo parque natural, pero no concello de Muíños, foi extinguido o pasado luns tras queimar 1,5 hectáreas rasas, ao igual que o que afectou á Pobra de Trives, iniciado na parroquia de Barrio, que queimou 12,3 hectáreas (dúas arboradas e 9,3 de monte raso). Máis grande foi o rexistrado en Viana do Bolo, na parroquia de Grixoa, apagado tamén na noite deste luns logo de calcinar 114,4 hectáreas (dúas arboradas e 112,4 de monte raso).
Ademais, tamén na provincia de Ourense, permanecen activos outros incendios en Melón, na parroquia de Quins, (con 75 hectáreas xa ardidas), Cenlle -cunhas 50- ou Oímbra. Neste último, estabilizado, arderon xa 140 hectáreas en Bousés polas lapas que entraron desde Portugal. Ademais, outro fogo en Vilardevós foi extinguido logo de queimar 1,57 hectáreas.
Na provincia da Coruña, pola súa banda, o incendio en Porto do Son quedou extinguido logo de queimar 80 hectáreas, seis arboradas e 74 de monte raso. Son, en total en toda Galicia, 9.146 hectáreas ardidas no que vai de agosto.
Neste verán rexistráronse en Galicia dez Grandes Incendios Forestais (GIF), sendo dous deles os maiores da historia desde que hai rexistros
Así, o lume segue aumentando hectáreas calcinadas a unha estatística que nos últimos anos só supera o 2017, aínda que daquela o 80% das 62.000 ardidas nos doce meses correspondéranse á gran vaga de outubro tras un verán moito máis tranquilo.
Agora, no que vai de temporada estival, son dez xa os fogos considerados Grandes Incendios Forestais (GIF) que afectaron Galicia, ao superaren as 500 hectáreas de superficie ardidas, o último deles o de Lobeira, no Xurés. Un tipo de fogos cada vez máis habitual e virulento. Só hai que repasar as estatísticas: na última década, só o 0,2% dos focos declarados concentraron a metade das hectáreas ardidas.
De feito, este 2022 xa rexistrou un novo fito, o dos dous maiores incendios en Galicia desde que hai rexistros comparables, os do Courel e Valdeorras do mes pasado, os dous con máis de 10.000 hectáreas. Unhas cifras que evidencian como os grandes incendios “incontrolables” están a asentar en Galicia polo influxo do cambio climático.
Neste mes de agosto, aínda que con menos impacto, as cifras tampouco son menores. Con máis de 9.000 hectáreas ardidas, a superficie supón máis do dobre de todo o que ardeu en 202, un ano que foi excepcional -por positivo- nos montes galegos en canto superficie queimada, cunhas 4.400 hectáreas, sendo o exercicio con menor número de focos en catro décadas.