Só os incendios dos que informa a Xunta xa superan as 42.400 hectáreas queimadas de 2011, e por diante só quedan as 60.000 hectáreas de 2017
Desde 2006, cando en toda Galicia arderan, fundamentalmente no verán, preto de cen mil hectáreas, só dous anos ata o actual superaran as 40.000 hectáreas queimadas: 2017, cando a vaga de incendios do outono disparou o total anual por riba das 60.000 hectáreas, e 2011, cando en todo o exercicio se queimaran 42.400 hectáreas. Esa última cifra vén de superarse este 2022 só cos incendios dos que informa a Xunta, fundamentalmente cos rexistrados no último mes, desde a vaga iniciada coa treboada de raios do día 14 de xullo.
As máis de 42.000 hectáreas queimadas no último mes, sumadas ás máis de mil das que informara a Xunta no que ía de ano, sitúan así 2022 como o segundo ano con máis superficie ardida desde 2006, só por tras das 60.000 mil hectáreas de 2017. E aínda quedan os meses de comezo do outono que adoitan rexistrar periodicamente incendios en determinadas zonas de Galicia.
As cifras deste balance, ademais, só teñen en conta os incendios dos que informa a Xunta, que son os que superan as 20 hectáreas ou afectan a espazos protexidos ou poboacións. Para poder facer un balance do resto de incendios haberá que agardar, como todos os anos, a que a Xunta presente o seu plan de loita contra o lume do seguinte ano, no que se actualizan as cifras de exercicios anteriores. Será daquela cando se poida saber ademais algo máis das características dos incendios, como a porcentaxe de hectáreas arborizadas ou rasas.
As 42.0000 hectáreas queimadas só no último mes rexístranse despois de que o pasado 2021 fose o ano con menos incendios forestais en catro décadas, con só 950 (o 80% de menos dunha hectárea) e o terceiro mellor ano en hectáreas queimadas desde 2006, con só 4.400.
Pola contra, este 2022 xa rexistrou un novo fito, o dos dous maiores incendios en Galicia desde que hai rexistros comparables, os do Courel e Valdeorras do mes pasado, os dous con máis de 10.000 hectáreas. Unhas cifras que evidencian como os grandes incendios “incontrolables” están a asentar en Galicia polo influxo do cambio climático.
Na mañá deste martes quedan aínda seis incendios sen extinguir despois de que na ponte se apagasen ou controlasen varios iniciados a semana anterior pero aparecesen novos focos
A estas cifras chégase despois de que durante a pasada fin de semana e no luns festivo quedasen extinguidos o incendio de Boiro, que levaba máis dunha semana ardendo e queimara 2.200 hectáreas, así como o do Irixo (680 hectáeras), Carballeda de Valdeorras (440), Boborás (case 100) ou A Gudiña.
Pola contra, nas últimas horas declaráronse novos focos que elevan o queimado nas dúas semanas que van de mes de agosto a unhas 8.000 hectáreas. Segundo a información oficial da Xunta, a primeira hora da tarde deste martes día 16 hai catro incendios sen extinguir logo de que se iniciase un en Pantón que queimou xa máis de 20 hectáreas. O de Castelo de Val quedou tamén extinguido logo de arrasar preto de 175 hectáreas.
Ademais, o incendio que afecta o municipio de Oímbra, iniciado na parroquia das Chas o pasado domingo, arrasou a capela de Santa Ana, un templo altomedieval. "Desolación é o que sinto", expresou a alcaldesa da localidade, Ana María Villarino, nunha publicación na que compartiu as fotos da edificación destruída
"Reconstruirémola, pero a dor é inmensa", explica, logo de aclarar que a dirección do vento mudou a dirección do lume, atrapando un templo situado no medio do monte.