Por primeira vez baixan de mil os lumes rexistrados, o 80% de menos dunha hectárea, segundo reflicte o plan contra incendios que vén de aprobar a Xunta para este ano, sen grandes novidades no dispositivo de extinción
Como desde 2009 a Xunta só informa de xeito activo dos incendios de máis de 20 hectáreas ou dos que afectan á poboación ou a espazos protexidos, para coñecer a superficie total queimada en Galicia en todo un ano hai que agardar ás cifras provisionais que a finais de cada campaña ofrece o Estado ou ao balance definitivo que fai a Xunta ao ano seguinte na actualización do seu Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga).
Ese documento foi aprobado no Consello da Xunta deste xoves e vén de ser feito público, e nel constátase que 2021 foi o ano con menos incendios forestais das catro últimas décadas, cos máis graves concentrados no sur de Lugo. O plan para este ano, que non presenta grandes novidades respecto do pasado ano no que ten que ver cos dispositivos de prevención e extinción, aspira a continuar na senda descendente de incendios e hectáreas queimadas.
O Pladiga reflicte que en 2021 rexistráronse un total de 950 incidencias ou lumes -tecnicamente só se consideran incendio cando superan a media hectárea de arborado ou unha hectárea entre arborado e superficie rasa-. Iso supón que é a primeira vez en catro décadas que se baixa dos mil lumes nun ano, e o cuarto ano consecutivo que se baixa dos dous mil. Porén, a superficie afectada acadou as 4.400 hectáreas (a metade arboradas e a metade de superficie rasa), unha terceira parte que o ano anterior pero o dobre que no mellor ano da serie histórica, o 2014.
Só 10 incendios superaron as cen hectáreas, pero un deles, en Ribas de Sil en setembro, chegou ás 1.500 e foi considerado gran incendio forestal, co 52% de toda a superficie arborada queimada do ano
Canto ao seu tamaño, o 80% dos lumes de 2021 non chegaron a unha hectárea, e só o 2% superaron as 25 hectáreas. As cen hectáreas só as superaron 10 incendios en todo o ano, pero un deles, en Ribas de Sil en setembro, con arredor de 1.500 hectáreas, acadou a consideración de gran incendio forestal. O Pladiga salienta del que o 78% da superficie estaba arborada, “o que supón un 52% da superficie arborada afectada en todo o ano, dando idea da influencia deste incendio no total das estatísticas para este ano”.
O documento destaca que catro dos dez incendios de máis de cen hectáreas rexistrados en 2021 concentráronse no distrito forestal VIII, de Terra de Lemos, no sur da provincia de Lugo. Nese distrito o total de incendios rexistrados queimaron 2.300 hectáreas, “o que supón o 53% do total afectado para toda Galicia”.
Segue habendo 35 parroquias de alta actividade incendiaria, pero da lista saen catro e entran outras catro distintas a respecto do ano pasado
Canto ao dispositivo para este este ano, non hai grandes novidades no número de medios materiais e persoais dispoñibles, coas principais melloras no eido da tecnoloxía e a coordinación, como a implantación de seis cámaras máis de vixilancia en tres novas localizacións, o que suporá un total de 148 cámaras en 74 localizacións. Tamén se facilitará sectorización dos incendios máis grandes para facilitar a súa extinción.
Canto ás parroquias de alta actividade incendiaria, na que se centran os esforzos de prevención e vixilancia, seguirán sendo 35, como o pasado ano, pero da listaxe saen catro -Ribasieira, (Porto do Son), Covas (San Cristovo de Cea), Soutipedre (Manzaneda) e A Ponte (A Veiga)- e entran outras catro -Meiraos (Folgoso do Courel), A Gudiña (A Gudiña), O Pereiro (A Mezquita) e Calvos (Calvos de Randín)-.