Os incendios que nas últimas horas afectan a parte sueste da Ribeira Sacra, iniciados no concello lucense de Ribas de Sil, agraváronse a pasada noite ata que o amainar do vento e a chegada das primeiras chuvias fixo que "evolucionasen de xeito favorable" e quedaran estabilizados a primeira hora da tarde deste martes, tal e como confirmou a Xunta, aínda que sen controlar e con varios focos activos.
A última estimación da superficie arrasada polo #IFRibasdeSil, comunicada pola Consellaría de Medio Rural contra as dúas do mediodía, elevaba a 1.580 as hectáreas queimadas, que se suman ás 140 hectáreas do #IFNogueiraRibasDeSil, moi próximo.
As condicións nas primeiras horas desta madrugada seguían a ser moi difíciles e moi favorecedoras para a extensión do lume: moito vento, calor e pouca humidade
As condicións nas primeiras horas da madrugada foron moi difíciles para os equipos de extención e moi favorecedoras para a extensión do lume, avivado tamén pola dificultade que a orografía da zona supón para os bombeiros e brigadistas.
A calor do día e unha moi baixa humidade complicaron os labores, ademais dun forte vento, con refachos que superaron os 30 km/h nalgún momento e temperaturas continuas por riba dos 30 graos durante o luns. Todo isto levou a que a Consellería do Medio Rural tivese que solicitar a situación 2 --desactivada na tarde do martes-- como medida preventiva pola proximidade das lapas algún núcleo habitado. Con todo, dende a Xunta confirmouse que ningunha persoa chegou a estar en perigo, aínda que si varias casas.
Dispositivos que participan nos traballos de extinción advirten do perigoso dun lume "desmandado" e "preocupante", que afectou unha valga de especial valor paisaxístico e que pasou xa aos municipios limítrofes da Pobra do Brollón e Quiroga, onde houbo que cortar a estrada LU-933 polos problemas que na circulación causou o fume.
O máis importante dos dous incendios, o #IFRibasdeSil, comezara ás 12.47 horas. Nel traballaran ata onte pola noite 4 técnicos, 4 axentes, 15 brigadas, 6 motobombas, 8 avións e 14 helicópteros. E tamén foran solicitados medios da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que comezou a actuar nas últimas horas da noite, con 137 efectivos e 56 vehículos. O outro incendio, #IFNogueiraRibasDeSil, iniciárase na noite do domingo e no seu control traballaran ao longo de todo este luns 5 técnicos, 17 axentes, 31 brigadas, 26 motobombas, 4 pas, 7 avións e 6 helicópteros.
Segundo explicou a UME, os traballos durante a madrugada centráronse en defender as aldeas de Carballo de Lor, O Pacio e Beirán das lapas, nunha zona con elevados desniveis e dificultades para a extinción.
"Quen fixo isto sabía que podía provocar moito dano polas condicións climatolóxicas e pola forma en que se plantou este incendio, con varios focos cos que traspasou o río Sil dunha beira á outra", dixo o conselleiro
Desde a Brigada de Reforzo de Incendios Forestais (BRIF) de Laza, que tamén participa na extinción, aclárase que na noite o labor fundamental foi o de "atender as poboacións" e "salvar as casas" das aldeas ante a imposibilidade de atacar o lume e de controlalo pola importante lonxitude do perímetro, ademais das dificultades de comunicacións entre os distintos equipos de extinción.
"É un dos incendios máis complexos aos que nos enfrontamos nos últimos anos", recoñeceu Manuel Rodríguez, director xeral de Defensa do Monte, en declaracións á TVG desde o punto no que se coordinan os traballos, á espera dunhas chuvias que comezaron a caer, en pequenas cantidades, sobre as 13 horas deste martes.
O conselleiro do Medio Rural, José González, advertiu da clara intencionalidade do lume, con "varios focos" e da "dificultade" nos traballos de extinción polas "circunstancias climatolóxicas", con altas temperaturas, índice de humidade moi alto e vento con remuíños que fan "moi complicado" loitar contra as lapas. "Non teño palabras para esta situación", insistiu tras advertir que o importante agora é "defender as aldeas". "O que prendeu sabía perfectamente o dano que estaba facendo", engadiu.
Contra a medianoite González detacaba o labor dos equipos de extinción e informaba de que neses momentos comezaban a perimetrar o incendio. Ademais, cargou contra os incendiarios: "quen fixo isto sabía que podía provocar moito dano polas condicións climatolóxicas que estaban advertidas e pola forma en que se plantou este incendio, con varios focos cos que traspasou o río Sil dunha beira á outra".
Pola súa banda, o alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, aclarou ademais que non houbo evacuacións aínda que si se creou "un pequeno caos" no núcleo de Rairos o luns á tarde. "O lume estivo pegado ás casas e mesmo nalgún sitio houbo que apagalo con mangueiras das vivendas", advertiu en declaracións á Cadena SER.
O rexedor ten "claro" que o incendio foi intencionado: "Nunha estrada, cunha distancia de 2-3 quilómetros entre focos e ás 9 da noite... Fíxoo alguén con mala intención, pero supoño que sen saber as consecuencias de todo isto". "É de tolos, unha pena", insisitiu.
Ademais, e segundo a publicación especializada Educación Forestal, o incendio teríase estendido polo norte xa ata a parroquia de Salcedo, na Proba do Brollón, e polo sur ata o lugar do Caroceiro, en Ribas de Sil, dous puntos separados por máis de dez quilómetros en liña recta.