Dous incendios en Ribas de Sil, na Ribeira Sacra, queimaron xa máis de 500 hectáreas

© Brif Laza

Dous incendios no concello lucense de Ribas de Sil, en plena Ribeira Sacra, queimaron xa unhas 500 hectáreas e mesmo obrigaron a Consellería do Medio Rural solicitar a situación 2 como medida preventiva pola proximidade das lapas algún núcleo habitado. 

O lume "desmandado" en Nogueira afectou unha valga de especial valor paisaxístico en plena Ribeira Sacra

O primeiro dos incendios, aínda activo, rexistrouse perto das dez da noite na parroquia de Nogueira e, segundo as últimas estimacións, arrasou xa unhas 140 hectáreas. Dispositivos que participan nos traballos de extinción advirten do perigoso dun lume "desmandado" e "preocupante", que afectou unha valga de especial valor paisaxístico e que pasou xa ao municipio limítrofe de Quiroga, onde houbo que cortar a estrada LU-933 polos problemas que na circulación causou o fume

Pola hora de inicio e a localización do foco todo parece indicar que o incendio foi intencionado, espallándose por un espazo natural que pertence á Rede Natural Ancares-Courel. 

Un segundo incendio en Ribas de Sil obrigou a Xunta a solicitar a situación 2 pola proximidade a un núcleo poboado e a axuda da UME

Para o control deste primeiro incendio en Ribas de Sil mobilizáronse ata o de agora 5 técnicos, 16 axentes, 30 brigadas, 26 motobombas, 4 pas, 7 avións e 6 helicópteros. 

Era só o inicio xa que, poucas horas despois, perto da unha do mediodía deste luns e no mesmo municipio a pouco máis de un quilómetro, outro foco obrigou a instaurar a situación 2 pola súa proximidade ao núcleo de Rairos, onde á tarde houbo mesmo que cortar nalgúns tramos a circulación ao paso da N-120 polo lugar, así como a estrada provincial LU-P-5301 ao seu paso por San Clodio. 

Este segundo incendio, sen control e que comezou na parroquia de nome homónimo ao do municipio, queimou xa 400 hectáreas en poucas horas no seu control están a participar, polo momento, 2 técnicos, 3 axentes, 12 brigadas, 5 avións e 7 helicópteros. Ademais, solicitouse --e foi autorizada polo Goberno central-- a actuación da Unidade Militar de Emerxencias (UME) nos intentos por extinguir o lume que afecta varios lugares da Ribeira Sacra. 

As consecuencias, á marxe do perigo para algunhas casas e as moreas de hectáreas queimadas, chegaron tamén á circulación por tren. O rexional que unía Vigo con Ponferrada tivo que suprimirse e deterse en Monforte. Os viaxeiros foron transbordados por estrada cara ao seu destino, segundo informou Renfe

Incendio en Ribas de Sil © Brif Tabuyo

As altas temperaturas no sur da provincia de Lugo, con máximas de 36 graos, e o vento moderado de compoñente sur dificultan os labores de extinción á espera da chuvia, que non se prevén ata a próxima madrugada. 

O conselleiro do Medio Rural advirte de que as "circunstancias climatolóxicas" están a facer "moi complicados" os traballos para controlar o lume

O conselleiro do Medio Rural, José González, advertiu da clara intencionalidade do lume e da "dificultade" nos traballos de extinción polas "circunstancias climatolóxicas", con altas temperaturas, índice de humidade moi alto e vento con remuíños que fan "moi complicado" loitar contra as lapas. "Non teño palabras para esta situación", insistiu tras advertir que o importante agora é "defender as aldeas". "O que prendeu sabía perfectamente o dano que estaba facendo", engadiu. 

Ademais, tamén desde perto do mediodía, un incendio no concello ourensán de Chandrexa de Queixa, na parroquia de Requeixo, permanece activo logo de queimar xa unhas 50 hectáreas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.