O ano 2020 non foi un ano especialmente malo no que atinxe aos incendios forestais, cando menos en comparación con algúns anos anteriores, coma o 2011, o 2017 e, sobre todo, o 2006 ou o 1989. O pasado ano declaráronse algo máis de 1.500 incendios forestais en Galicia (1.538), segundo as cifras oficiais publicadas pola Consellería do Medio Rural o pasado mes de maio.
Durante o pasado ano arderon en Galicia 14.837,90 hectáreas en incendios forestais, máis que nos dous anos anteriores, pero moi por debaixo do 2011 ou o 2017
De acordo con estes datos durante o pasado ano arderon en Galicia 14.837,90 hectáreas en incendios forestais. Delas, algo menos de 2.000 eran superficie arborizada e case 13.000, monte raso. Aínda que a superficie ardida en 2020 é maior á que ardeu en 2018 e 2019, seguen sendo cifras moi inferiores ás doutros exercicios con maior impacto do lume no monte.
Os traballos de extinción tiveron un custo de 61,5 millóns de euros e os gastos de restauración ascenderon a 90 millóns
Mesmo así, estes incendios forestais tiveron un custo económico moi importante (ademais doutros custos medioambientais ou paisaxísticos non calculados). Segundo a Asociación Ecoloxista Arco Iris, os gastos derivados da extinción e restauración de zonas queimadas, segundo os datos recollidos no Ministerio de Transición Ecolóxica, ascenden a 151 millóns de euros. O cálculo parte dun custo aproximado dos traballos de extinción de 61,5 millóns de euros, un gasto medio de 4.100 euros por hectárea queimada (case 15.000 no ano 2020).
Por outra banda, os gastos de restauración das áreas queimadas suman outros 90 millóns de euros, ao redor de 3.000 euros por hectárea durante o primeiro ano despois do incendio e outros 3.000 euros por hectárea nos dez anos seguintes, ao redor de 300 euros por ano e hectárea.
Arco Iris insta aos poderes públicos a incrementar a presenza nos montes das brigadas de loita contra o lume "durante todo o ano", ademais de "mellorar as súas condicións laborais"
Arco Iris destaca que nestas cantidades non se inclúen as partidas de prevención e extinción de incendios "orzamentadas ano tras ano, que roldan outros 200 millóns de euros". A entidade ecoloxista conclúe que "o terrorismo forestal, as imprudencias e o abandono do medio rural sáennos cada día máis caros".
A asociación con sede na Coruña insta aos poderes públicos a incrementar a presenza nos montes das brigadas de loita contra o lume "durante todo o ano", ademais de "mellorar as súas condicións laborais". Asi mesmo, fai un chamamento a "intensificar as tarefas de limpeza de maleza forestal" e a "potenciar de forma decidida a persecución de incendiarios".