Máis de 500 hectáreas ardidas no Courel e Salvaterra nos primeiros incendios importantes de xuño

Incendio en Folgoso do Courel © UGT Bomberos Forestales

Máis de 500 hectáreas arderon esta fin de semana en Galicia nas primeiras xornadas de calor intensa, continuada e de tempo seco deste mes de xuño. Dous foron os incendios importantes, en Folgoso do Courel e Salvaterra de Miño, ademais doutros pequenos focos de menos de 20 hectáreas dos que non adoita informar a Xunta.

O primeiro deles, en Salvaterra, quedou controlado pasada a medianoite deste luns logo de iniciarse sobre as 21.15 horas do pasado sábado na parroquia de Uma e afectar a localidades veciñas de Mondariz e Covelo. 

Incendio en Salvaterra de Miño © @Incendiosgalic1

Neste incendio, segundo aclara a Consellería de Medio Rural, foi preciso decretar a Situación 2 pola proximidade do lume ao núcleo de Maceiras, en Salvaterra, e posteriormente aos núcleos de Mouriscados, Fontebalán e Crespos, xa en Mondariz. A medida preventiva quedou suspendida na mañá do domingo. 

No incendio iniciado en Salvaterra foi necesario decretar a ¡Situación 2' pola proximidade do lume a catro núcleos habitados

O foco iniciado en Salvaterra acabou afectando unha superficie, aínda provisional, de 350 hectáreas logo de mobilizarse 1 técnico, 15 axentes, 55 brigadas, 33 motobombas, 2 pas e 2 helicópteros.

Pola súa banda, en Folgoso do Courel, o incendio quedou tamén controlado contra a unha e media da madrugada deste luns logo de comezar perto das 5 da mañá do sábado. O lume queimou xa unhas 160 hectáreas tras os traballos de extinción e control dun técnico, 14 axentes, 45 brigadas, 20 motobombas, 1 pa, 9 avións e 2 helicópteros. 

Os desta fin de semana son os segundos grandes incendios desta primavera logo dos rexistrados no mes de abril, onde o máis grande afectara tamén unha parroquia de Folgoso do Courel

Ademais, hai poucos días a Consellería do Medio Rural publicou  o Pladiga do 2021 coas cifras do lume en 2020 e as revisións das dos anos anteriores-. Segundo este documento, durante o pasado ano arderon en Galicia 14.837,90 hectáreas en incendios forestais. Delas, algo menos de 2.000 eran superficie arborizada e case 13.000, monte raso.

A superficie ardida en 2020 é maior á que ardeu en 2018 e 2019, as rexistradas seguen sendo cifras moi inferiores ás doutros exercicios con maior impacto do lume no monte. Foi o caso do 2017, con máis de 62.000 hectáreas ardidas (delas, unhas 50.000 en apenas tres días de outubro), das máis de 40.000 ardidas en 2011 ou das 95.000 do ano 2006.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.