Medio Rural volve reducir o prazo para presentar ofertas e con el a posible competencia entre empresas, actuación criticada polo Consello de Contas
A Xunta ten 13 bases de helicópteros de loita contra incendios pero só 12 aparatos xa contratados para a campaña deste ano. Medio Rural agardou ao 17 de maio para publicar no Diario Oficial da UE a convocatoria do concurso para facerse co helicóptero que lle falta, e fíxoo por un procedemento de urxencia que reduce a 15 días o prazo para que as empresas lle presenten ofertas, o que reduce a posibilidade de competencia entre elas, cuestión criticada polo Consello de Contas xa en contratos anteriores. A consellería non licitou o contrato ata agora malia admitir que o helicóptero e a brigada a el asociada son “medios necesarios para o normal desenvolvemento das funcións propias” da defensa do monte que ten atribuídas.
A imprevisión da Xunta á hora de contratar helicópteros de todo tipo, sexan de salvamento marítimo, incendios ou sanitarios, vén facilitando nos últimos anos que a empresa que levou os principais contratos (Babcock, antiga Inaer) seguise a prestar moitos deses servizos con prórrogas ou mesmo sen contrato ata que o Goberno galego decidiu convocar concursos de renovación. Concursos que a Xunta vén demorando e licitando tarde de xeito reiterado, actuación criticada polo Consello de Contas que tamén quedou reflectida na xustiza.
Medio Rural chegou a argumentar a "imprevisibilidade" dos incendios para acelerar un proceso de contratación
Na documentación coa que agora convoca o novo concurso a propia Xunta sinala que “na actualidade, hai tres contratos de helicópteros de extinción con brigada en vigor” con distintos anos de execución. Dous deles teñen vixencia durante os anos 2020, 2012 e 2022, e o terceiro nos anos 2019, 2020, 2021 e 2022. Ese último contrato, para dous helicópteros e as súas brigadas, xa foi convocado pola Xunta en 2019 tamén ás portas do verán, o 29 de maio. Foi nun proceso no que xa lanzada a licitación Medio Rural reduciu o prazo de presentación de ofertas de 35 a 22 días alegando urxencia pola “imprevisibilidade” dos incendios. Finalmente, e de xeito paralelo á prorroga de helicópteros previos, o contrato non foi formalizado ata finais daquel ano.
Agora a Xunta considera “urxente” o contrato desde o comezo da súa licitación, o que lle permite reducir a só 15 días o prazo para que as posibles empresas interesadas lle presenten ofertas, que rematará o 31 de maio, comezando nese momento o proceso de avaliación e adxudicación que levará semanas rematar. E faino cunha memoria xustificativa na que considera que “a adxudicación deste contrato debe acelerarse por razóns de urxente e inaprazable necesidade” por tratarse de “servizos destinados á cobertura de medios necesarios para o normal desenvolvemento das funcións propias da Dirección Xeral de Defensa do Monte”. Será un helicóptero coas súa correspondente brigadas para prestar servizo durante 92 días ao ano en 2021, 2022 e 2023 por un total de algo máis dun millón de euros, pero prorrogable outros dous anos por outros 700.000 euros máis.
En anos previos o Consello de Contas xa criticou o proceder habitual da Xunta de demorar a convocatoria de concursos para renovar contratos de helicópteros, o que acaba facendo que se prorroguen os anteriores para garantir a prestación do servizo ou se precipiten os novos contratos restrinxindo así a competencia. Contas chegou a pedir á Xunta “un maior esforzo na procura dunha maior competencia entre empresas”.
En 2012 a imprevisión da Xunta rematou con helicópteros de anos anteriores prorrogados sen ningún tipo de relación contractual polo medio, ilegalidade confirmada pola xustiza pero na que non viu delito
O caso máis grave produciuse en 2012, cando o Goberno galego chegou a prorrogar a Inaer o servizo que xa que viña prestando en anos anteriores pero desa volta sen ningún tipo de relación contractual polo medio. Así o censurara primeiro o Consello de Contas e acabou certificándoo finalmente en 2018 un xulgado, que pola contra considerou que ese proceder ilegal non chegara a ser delito e levantou a imputación por prevaricación que pesaba sobre o daquela director xeral de loita contra o lume, Tomás Fernández-Couto. Naquel auto o xuíz explicaba que a decisión de que os helicópteros de Inaer seguisen a operar sen contrato debérase á imprevisión orzamentaria da Xunta.
Agora, cun novo director xeral á fronte medio ano despois de que Feijóo destituíse a Fernández-Couto tras dúas décadas no cargo, Medio Rural segue agardando ata finais de maio para lanzar novamente outro proceso de contratación de helicópteros.