Folga nos helicópteros de salvamento marítimo e parte dos de incendios desde o 1 de xullo

Un dos dous helicópteros de salvamento marítimo da Xunta, operados por Avincis © Avincis

O sindicato SLTA critica que o aumento do gasto das administracións nos contratos de emerxencias aéreas acaba en maiores beneficios das empresas sen melloras para o persoal, como din que sucede en Avincis, antiga Inaer-Babcock

O Sindicato Libre de Traballadores Aéreos (SLTA), maioritario entre as tripulacións de servizos aéreos de emerxencias, convoca folga indefinida desde o 1 de xullo na empresa Avincis, unha das principais do sector en toda España, herdeira da antiga Inaer, mercada no seu día pola multinacional Babcock

Avincis, que cando era Inaer levaba a inmensa maioría dos contratos do Goberno galego, opera hoxe en Galicia os servizos de salvamento marítimo tanto do Estado como da Xunta e parte dos helicópteros de loita contra incendios.

Helicóptero de salvamento márítimo estatal operado por Avincis © Avincis

O SLTA critica que o incremento de gasto das administracións públicas nos servizos de emerxencias aéreas está indo a parar a maiores beneficios das empresas sen que o seu persoal vexa mellorar as súas condicións laborais, "conxeladas" desde hai dez anos. O sindicato di que no caso de Avincis, agora "controlada polo fondo de investimento británico Ancala, optou por unha política de represión interna e provocación constante en lugar de dialogar e mellorar progresivamente as condicións laborais, o que levou ao límite a paciencia destes profesionais". 

O sindicato advirte de que "a folga ameaza a dispoñibilidade destes servizos cruciais durante os meses de verán". Unha folga que en Galicia afectaría ao salvamento marítimo tanto estatal como da Xunta e a parte dos helicópteros contra incendios. Os helicópteros de emerxencias sanitarias, pola contra, están en mans doutra empresa, Eliance, á que a Xunta mantén operando o servizo malia rescindirlle o contrato hai semanas polos seus reiterados incumprimentos contractuais. 

Empresas condenadas no 'cártel do lume', varias delas contratadas de xeito reiterado pola Xunta en procedementos nos que non houbo máis competencia CC-BY-SA Praza Pública

Pola súa banda, Avincis é herdeira de Inaer, posteriormente Babcock, que vén de ser condenada no denominado cártel do lume, unha trama de varias empresas de servizos aéreos que se repartiu contratos en todo o Estado, tamén en Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.